De
todos é coñecido que o século XIX estivo marcado polas guerras carlistas. Pero o impacto
foi moi diferente nas diversas rexións españolas: moi alto no País Vasco, Navarra,
o norte de Cataluña e o Maestrazgo e menos importante no resto.
O carlismo en Galicia nunca conseguiu
despegar de todo porque, ao non ter o sustento foralista que tiña noutros
lugares, non logrou o apoio maioritario dos mariñeiros ou campesiños. As "Carlistadas",
como eran denominadas despectivamente polos liberais as levas carlistas, só
lograban inscribir cregos extremistas e fidalgos de 2ª categoría. As partidas así creadas remataban indefectiblemente
por derivar en grupos de bandoleiros que perxudicaban máis que axudaban á causa
que supostamente defendían. Pero tamén había moito exceso das tropas liberais,
así que, polo menos durante a 1ª guerra carlista, hai episodios que permiten
supoñer un apoio popular alto, por exemplo o alcume de "negros" que
daban os campesiños aos soldados cristinos.
.
Ordes non foi das zona máis afectadas, pero houbo moitas accións puntuais.
Na
1ª guerra carlista constituíuse unha partida entre Sobrado e Arzúa ao mando do
ex-oficial do exército Antonio María López
Verea e na que participaban Ramón
Ramos (Aiazo, Frades), o seu irmán José Ramos, o sacerdote
Ramón Duro (Pasarelos, Oroso) e outros como Frei Saturnino Enríquez, Ramón Duro,
Ramón Vigo, Vicente Torreira, José Taboada ou Felipe Fernández Pellicas. O
núcleo duro eran unha ducia de persoas pero para algunha acción concreta podían
reunir desde 50 a
máis de 100 efectivos. Aínda que o territorio habitual das súas correrías era
o triángulo Melide, Arzúa e Sobrado, chegaron algunha vez por Ordes para
asaltar dilixencias ao seu paso polo Mesón do Vento (14-08-1835) e Santa Cruz
de Montaos (18-12-1835) -lugar ideal por estar á mesma distancia dos
destacamentos de tropas cristinas de Leira e Sigüeiro e pola costa que
ralentizaba a velocidade dos vehículos-, tender unha emboscada a forzas do
exército en Senra - Oroso (1837) ou atacar Carballo (14-01-1838). López Verea
morreu en acción no ano 1836 e foi asumida a xefatura por Ramón Ramos. Este
acabaría exiliado en Portugal, en cambio o seu fillo Andrés Ramos (que tiña
grao de capitán) foi feito prisioneiro.
En 1835 Frei Saturnino Enríquez do
convento da VOT de Melide creou outra partida entre Mesía e Barbeiros. Realizou
correrías por Ordes aínda que a súa zona de actuación preferida era Abegondo.
Era temido polos seus arrebatos de furor. Nunha acción na parroquia de Viós
matou a 16 paisanos aos que acusou de espías do exército regular. Remataría
exiliado en Portugal.
A batalla máis importante na comarca volveu a ter lugar en Montaos.
No mes de novembro de 1838
foi feito prisioneiro o coronel carlista Andrés
Areas, coñecido por don
Juan Feás. Os carlistas decidiron atacar un convoi cristino para coller
prisioneiros cos que negociar un rescate, así que o 30 de novembro marcharon
desde Fao ata Santa Cruz de Montaos, apostándose para sorprender ao convoi que
pasaría o día 1 de decembro. Nesta operación participaba o chamado Escuadrón
de la Constancia, mandado polo tenente coronel Enríquez.
O movemento do escuadrón alertou aos cristinos e avisaron ás forzas destacadas
preto de Ordes.
No medio dun forte temporal, a cabalería de Enríquez atacou o convoi,
custodiado por forzas do terceiro batallón do Rexemento de Castela ás ordes do
capitán Víctor Velasco. O convoi tivo que deterse e defenderse pero pronto
chegou a socorrelos un destacamento de cabalería mandado polo capitán Juan
Antonio Cobián, conseguindo que o convoi seguise a súa marcha a pesar dos
ataques carlistas, ata que recibiu preto xa de Sigüeiro o auxilio doutra
columna mandada polo capitán Juan Santos Jiménez.
Os carlistas tiveron que abandonar o ataque no que morreu, entre outros, o
capitán José Taboada, comandante do
cantón de Melide. Pouco despois Andrés
Areas sería fusilado polos cristinos.
|
En Santiago houbo ata 59 carlistas fusilados, varios deles da
comarca.
04-07-1836:
Ángel Ferreiro García de Poulo, solteiro, fillo de José e Rita.
11-07-1836: Juan Bautista Gómez, párroco
de Visantoña (Mesía).
03-11-1836:
Pedro Gómez de Ordes, solteiro.
20-10-1838:
Andrés Rodríguez de Monte de Abellá, fillo de Pedro e Dominga.
07-02-1839:
Domingo Antonio Otero, párroco de Viladabade (Tordoia).
07-02-1839:
Domingo Gregorio Otero Vilares de Vilouchada, presbítero.
25-05-1839:
Juan Corral López de Pasarelos, fillo de Francisco e Josefa.
|
Na 3ª guerra carlista, en novembro de 1874, tivo lugar outro incidente
notable: unha partida de arredor de 25 homes, ao mando de José Mª Andrade Portas, un mozo de 19 anos da
zona de Arzúa, chegaron de noite a Ordes, foron ao edificio onde se recaudaban as
contribucións, disparáronlle á porta e roubaron un pouco máis de 7.000 reais e
tres escopetas. Iso si, como non se
consideraban ladróns, deixaron un recibo pola cantidade exacta. Logo foron á
Administración de rendas onde roubaron outros 19.000 reais e un montón de
cigarros (queimando ademais os que non puideron levar). Remataron por ir á Casa
do Concello onde queimaron o Rexistro Civil. Marcharon ás doce da noite e
separáronse de contado (supostamente, despois do reparto).
Saíron ao día seguinte dúas columnas de Santiago para atrapalos. Informaron á
prensa que pronto estaría apresada "esa pandilla latro-facciosa"
(palabras textuais), pero... a cousa non foi tan rápida.
En principio foi detido Andrés Aller,
administrador de estancadas, por suposta connivencia cos carlistas, para ser
liberado máis tarde.
Andrade
continuou coas súas incursións pero a súa sorte cambiou: A pesar de librarse
polos pelos de ser detido en Sigüeiro en xuño de 1875, en agosto foi pillado en
Santiago despois dunha persecución de película polos tellados da cidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario