Velaquí un artigo escrito por Carlos Calvo Varela e que apareceu no
xornal comarcal "Crónicas" en decembro de 2016.
A
"Columna Sanfíns" en Ordes. 80ª aniversario
Andan os amigos de Lousame a homenaxear e
recuperar a memoria da Columna Sanfíns, que hai 80 anos pasou por Ordes na súa
marcha pola liberdade. A CNT Galiza e a "Sociedade Histórica e Cultural
Coluna Sanfins" veñen de publicar o libro de Lorena Cuevas e Eliseo Fernández "Breve Historia da Coluna Sanfins", que xunto coas investigacións
de Manuel Pazos Gómez permite coñecer mellor a defensa de Ordes contra o golpe
militar.
A sublevación fascista de 1936 collera aos
mineiros de Sanfíns, parroquia de Vilacoba (Lousame), moi ben organizados e
dispostos a resistir. Na mañá do 20 de xullio ducias de traballadores reúnense
no Chan da Mina para artellar a resistencia; requisan camións e autobuses e
prepáranos para o combate, blindándoos e cargándoos de explosivos sacados das
minas.
Lideran a que se dará en chamar Columna
Sanfíns os anarcosindicalistas Enrique Fernández, secretario xeral da
Confederación Regional Galaica, e Alfonso Fandiño Ricart (irmán das famosas
"dúas Marías" de Compostela). Tamén participou un mineiro natural de
Ordes, Ramón Prego N., de Mañufe (Mercurín), que contaba 25 anos e era afiliado
do Sindicato Mineiro da CNT.
Despois de reunirse en Noia, a columna
diríxese a Compostela, parando brevemente antes en San Xusto de Urdilde, onde o
alcalde galeguista Ánxel Casal os recibirá na Praza do Obradoiro, que se enche
de xente. Arengándoos desde o balcón co concello, Casal pídelles aos mineiros
que partan inmediatamente para A Coruña, onde os militares apoian abertamente o
golpe de Estado. Únense á Columna Sanfíns, en autobuses do Castromil, máis
obreiros e antifascistas da cidade, entre eles un rapaz de 16 anos: Isaac Díaz Pardo. Saen de Santiago contra as 20h30, momento que os militares aproveitan
para saír do Cuartel de Artillaría de Compostela e atacar, sen seren capaces de
deter a Columna.
Ao chegar a Ordes os mineiros encóntranse con
xente reunida diante do concello. Na vila xa se formara un comité de defensa da
Frente Popular no día 19, que contaba cunhas milicias populares dirixidas polo
doutor Alonso Puente. Estas informan de que detiveran ao xeneral sedicioso Aureliano
Sánchez Ocaña [realmente José Sánchez-Ocaña], e de que cavaran trincheiras
defensivas en Vila Valdés. Neses momentos a Columna Sanfíns debátese entre
levar as súas forzas á defensa de Pontevedra, organizada por Alexandre Bóveda e
os comunistas, ou á Coruña, cidade de hexemonía anarcosindicalista. Vence esta
última opción, e incorpóranse á Columna dúas camionetas con antifascistas
ordenses, entre eles o xastre socialista Manuel Ponte Pedreira.
Chegan á Coruña na madrugada do 21, e acampan
xunto á fábrica de calzados de Ángel Senra. Ás 6 da mañá entran en combate,
mais a situación xa era moi difícil. Non obstante, liberan as rúas até a Praza
de Ourense, e algúns milicianos chegan aos arredores de María Pita. Finalmente
a Columna ten que repregarse como pode. Enrique Fernández e Ramón Rodríguez Varela -quen pasará á historia como o guerrilleiro Curuxás- fanse cun camión co
que cobren a súa retirada entre o Mesón do Vento e Santa Baia.
Outro grupo regresa a Ordes onde fican
colaborando na defensa da vila: colocan dinamita, soben aos tellados para
vixiar, etc. Tamén incendian a secretaría do Xulgado -único incidente neses
días- e requisan armas polas parroquias, nalgunhas xunto cos frentepopulistas
de Mesía.
Ían sumarse a eles os anarquistas de Trazo,
que tomaron o goberno municipal e encheron un pequeno autobús requisado cunha
vintena de homes armados, pero á altura da Pontraga parounos un mestre
-seguramente Ángel Jesús Caamaño Villaverde de Parada- e díxolles que desen a
volta: a República e a liberdade xa caeran en Ordes, vila ocupada polo exército
golpista procedente da Coruña.
Carlos
C. Varela
No hay comentarios:
Publicar un comentario