sábado, 30 de abril de 2022

Topónimos de edificacións

   Os topónimos (nomes de lugar) teñen variadas orixes, tales como características orográficas do terreo, existencia dalgún río, grandes propietarios medievais, flora, fauna, etc.
  Pero hoxe imos centrarnos naqueles que se refiren a formas de asentamento humano, incluíndo tipos de núcleos de poboación, e a edificacións diversas.
 
O CASAL
  Hai un bo número de topónimos derivados do latín vulgar casa "casa, choza", entre eles Casabella (Buscás) e Casanova (Pereira e Vilamaior), pero quizais o máis antigo de todos sexa O Casal. Este nome osténtano o 4º núcleo en importancia da parroquia de Ordes, con máis de 140 habitantes, e outro na parroquia de Vilamaior bastante máis pequeno.
  Casal procedería do latín casale "casa de campo", unha herdade ampla onde vivía de forma case autosuficiente unha familia con todos os seus escravos ou traballadores. En catalán, castelán, galego e portugués produciu a forma Casal, que é un topónimo e apelido moi habitual. Para ter máis información podedes ver o blog "Aldeias de Ordes".
 

AS CASILLAS
  É un topónimo moito máis moderno que, aínda que vindo da mesma raíz latina, deriva do castelán "casillas de peón caminero", fermosas construcións que acollían ás cuadrillas de legoeiros encargados da reparación de estradas e camiños. Obviamente nas Casillas, había unha destas pequenas casas (a da foto). O plural é porque na mesma edificación había dous legoeiros que se ocupaban da súa correspondente legua de estrada cada un (uns 5 quilómetros). Imaxino que o nome galego "legoeiro" ven desa legua que debían coidar. 
  Deste xeito en teoría as casillas estaban separadas uns 10 quilómetros e, a pesar de que moitas delas xa non existen, aínda podemos ver a seguinte cara a Santiago: a que está preto dos Carballos. E digo que o dos 10 Km era en teoría porque a distancia real é duns 6 km, a mesma que había entre as casillas de Ordes e as de Castrelos, igualmente desparecidas na actualidade. 
O CASTRO
  Procede da voz latina castru "campamento fortificado". En todas as parroquias ordenses hai un ou dous destes recintos prehistóricos, polo que é moi abundante tanto o topónimo como o apelido Castro.
  Na parroquia de Leira atopamos o topónimo Castrelos. En Montaos está Castrelo, que se refire a unha antiga torre que había no lugar. A Agra da Torre, na parroquia de Buscás, tamén debe o seu nome a outra fortificación medieval.
A ESTACIÓN
  Este topónimo de Parada é dos máis modernos pois data de principios do século XX. Está obviamente relacionado coa vía férrea, procedendo do latín statione "lugar de estancia", e á súa vez esta palabra procede do verbo stare "estar".
A FÁBRICA
  Outro topónimo moi recente é o deste lugar da parroquia de Ordes. Quizais os máis novos pensen na fábrica téxtil de Viriato, pero non, nesa ubicación había unha fábrica de curtidos da familia Faya.
A IGREXA
  Procede da voz latina ecclesia, e esta á súa vez da grega ekklesia que era unha asemblea de cidadáns para discutir asuntos políticos. Foi San Paulo quen usou esta palabra para referirse á congregación dos crentes en Cristo. Tanto Igrexa como a variante Eirexe ou a forma castelanizada Iglesia son topónimos moi populares en toda Galicia. En Ordes temos tamén o lugar da Ermida na parroquia de Beán, porque antigamente houbo alí un pequeno templo dedicado a San Silvestre. Ermida ven da palabra latina eremita que nun principio só se refería á persoa que se dedicaba á meditación nun lugar afastado. En Barbeiros e Mercurín tamén existe O Cruceiro (do latín cruce). En Vilamaior temos O Campo do Sino referido tamén á igrexa, pois sino (que ven do latín signu) era outro nome que se lles daba ás campás.
MÁMOAS
  O nome deste lugar de Ardemil fai referencia aos enterramentos prehistóricos. A palabra provén do latín mammula, diminutivo de mamma "mama", pola semellanza da redondez do túmulo funerario coa teta feminina.
A MAQUÍA
  A maquía é un dos poucos nomes de edificacións que non proveñen do latín. A súa orixe é a palabra árabe makila "medida", pois a maquía era orixinalmente a porcentaxe de gran coa que se quedaba o propietario do muíño despois de moer o millo ou o trigo do cliente. Hai un lugar así chamado en Vilamaior e tamén outros en Leira e Buscás. A este último debeu o seu alcume Florentino Ruibal, o gaiteiro Flor da Maquía.
O MESÓN  
  Mesón procede da palabra latina mansione "casa de hospedaxe, pousada". Na parroquia de Ordes atopamos o Mesón de Deus, hoxe coñecido restaurante pero en tempos histórica casa de postas. En cambio o topónimo Mesón do Vento é controvertido e a pesar da lenda popular non parece ter esta mesma orixe.
O PAZO
  Topónimo que da nome a un lugar de Parada e a outro de Ardemil. Procede da palabra latina palatiu "casa señorial".
A RÚA
  É un topónimo existente en Buscás e Pereira que está relacionado coas estradas, pois rudus era unha das capas que levaban as vías romanas. No noso concello os tres topónimos A Rúa, a Calzada (Buscás) e A Calle (Poulo) teñen relación co Camiño Inglés. Calzada ven de [vía] calceata "camiño empedrado" (calce era "pedra"), mentres Calle ven de callis "vereda, sendeiro".
VILAR
  O nome de 3 lugares nas parroquias de Mercurín, Ordes e Vilamaior quizais sexa o topónimo máis numeroso en Galicia, coas súas moitas variantes como Vilariño ou Vilares. Procede da palabra latina villare "aldea pequena, lugarexo", que á súa vez procede de villa "vila". Desta tamén atopamos lugares no noso concello como Vilasuso (beán) ou Vilaverde (Ordes). Aquí poderiamos colocar Aldea de Abaixo (Beán) Aldeíña (Barbeiros) e Fondo de Aldea (Vilamaior) que non procede de ningunha palabra latina, senón outra vez do árabe, neste caso de al daya "cortixo".
 
 
  Os topónimos son como seres vivos: nacen, viven e co tempo tamén poden morrer. Os edificios que deron nome a un lugar desaparecen e, en moitos casos, o topónimo segue aí como pasou coa Ermida de Beán. Pero outras veces morren co edificio. Tal cousa pasou con Vilavaldés antes das Casillas ou Os Candales, a sala de festas que deu nome durante un tempo á súa zona. Ao que antigamente lle chamaban Costa dos Carrucheiros foi logo coñecida como Recta do Chaussy, polo restaurante "Chaussy II". O local rematou a súa primitiva actividade e na actualidade ese edificio alberga a "JS Automoción". Seguirá sendo chamada Recta do Chaussy dentro duns poucos anos? Só o tempo o dirá.

martes, 26 de abril de 2022

Liorta na Santa Lucía

  Como podedes ver en moitos artigos deste blog, os mozos da comarca eran bastante cabestros no século XIX e principios do XX. Claro que as mozas tampouco eran unhas miñaxoias, senón todo o contrario.
  Velaquí un divertido artigo do xornal El Eco de Galicia, publicado o 12 de xaneiro de 1892, onde vemos probas da afirmación anterior.
 
  Un colega refiere lo siguiente:
  «En la fiesta de Santa Lucía, que costearon varias jóvenes en la villa de Órdenes, promovióse fuerte escándalo al salir la procesión. Las jóvenes pretendían, con razón, llevar en hombros a la santa, y el sexo fuerte alegaba los derechos de la tradición y de la fuerza para hacer igual obsequio a la abogada de los ciegos.
  Hubo voces y hasta lucha y conatos de sacrilegio. Parece que al cura quisieron maltratarlo los indignados labradores, no acostumbrados a que las mujeres les sustituyan en eso de llevar los santos en las procesiones, y en fin, el escándalo subiría a mayores si el teniente de la Guardia Civil D. Lino Ruiz de la Rosa, no acudiera  a poner orden favoreciendo al sexo débil, dando parte al juzgado y poniendo a su disposición a los porfiados y poco galantes mozos, que de modo tan brutal pretendían aguar la fiesta de las jóvenes devotas de Órdenes.»

viernes, 22 de abril de 2022

Festas de Montaos

 
   Unhas das festas patronais máis interesantes eran as de Montaos porque ao estar dedicadas á Santa Cruz, os veciños fabricaban cruces de madeira que nalgúns casos eran de tamaños espectaculares como podedes ver nestas dúas fotos que me pasou Carlos Calvo, tomadas diante da igrexa parroquial.
  Pero as festas non se celebraron sempre na mesma data. A razón?
 

  As festas patronais de Santa Cruz de Montaos antigamente celebrábanse o 3 e o 4 de maio de cada ano. O día 3 é o verdadeiro que está dedicado á Santa Cruz, pero houbo un tempo no que a pobreza era tanta, que moitos veciños non tiñan con que facer a comida da festa, xa que aínda non había patacas novas e as vellas acabáranse. O trigo, o centeo e o millo tampouco se recolleran. Era un mes de fame, e falaron co cura e mudárona para o 14 e 15 de setembro, datas nas que se celebra a exaltación da Santa Cruz, e en dito mes xa hai novas colleitas.

  Agora a festa tamén cambiou de días, pero afortunadamente non foi por non ter con que facela, senón para que non coincida en días laborables.

Victorino Cores liste 

 
  Tamén era habitual celebrar a festa da Virxe do Carme en xullo e a do Santo Rosario a finais de outubro. Na carballeira da capela de San Antón hai unha concorrida romaría con longa tradición desde o século XVIII. Para rematar, velaquí un par de noticias de principios do século XX.
 
  El Compostelano, 12 de septiembre de 1922.
  Los días 14 y 15 del corriente mes se celebrarán grandes fiestas en la parroquia de Santa Cruz de Montaos, del partido de Órdenes.
  Los bailes campestres serán amenizados por la afamada música de Arca.
  Habrá vistosas iluminaciones y se quemarán fuegos de artificio.
  Los festejos son sufragados por el digno párroco don Antonio Duro, que no escatima gasto alguno a fin de que aquellos resulten lo más brillantes que sea posible.

  El Ideal Gallego, 3 de julio de 1942.
  En la parroquia de Santa Cruz de Montaos se celebrará el próximo domingo, día 5 de los corrientes la festividad de Nuestra Señora del Carmen con que anualmente honran aquellos vecinos a su excelsa patrona. Habrá misa solemne, procesión, cantándose ante el crucero la Salve pidiendo por la paz del mundo. Por la tarde se celebrará romería, amenizada por una afinada banda y gaitas.
 

martes, 19 de abril de 2022

Enterro de Francisco Liñares

   Francisco Liñares foi o segundo fillo do perenne alcalde de Trazo Gumersindo Liñares (m.1929) e de Pilar Iglesias Rápela, dos Rapelas de Oroso, matrimonio que tivo 5 fillos: Carmen, Francisco, Juan, Teresa e Gumersinda.
  Francisco naceu en 1882 e estudou a carreira de medicina. Traballou en Frades ata 1926, logo un ano en Trazo e finalmente en Ordes chegando a ter un soldo de 1.400 pesetas anuais, pois era médico municipal de Asistencia Pública Domiciliaria. Nos tempos da Ditadura de Primo de Rivera foi destacado militante na Unión Patriótica, o partido do Réxime.
  Casou en xaneiro de 1917 con Concepción Ramos Insua (1883-1969) da familia Ramos, irmá de Antonio, propietario da pousada e home máis rico do Mesón do Vento. A cerimonia tivo lugar na igrexa de San Pedro de Ardemil e foi oficiada polo párroco D. Pascual Couce Pico. As mellores familias de Ordes (Liñares -por suposto-, Concheiro, Astray, Castro, Amigo, Iglesias, Stolle...) asistiron ao convite, incluído o presidente da Deputación e cacique do distrito Saturnino Aller.
  O matrimonio viviu onde hoxe está o Bar Gerardo e non terían fillos.
  Morreu o 2 de agosto de 1941 e o seu enterro foi todo un acontecimiento social, pois pertencía a unha das familias máis importantes da vila e estaba emparentado con toda a clase dirixente de Ordes, Frades, Oroso, Trazo e ata Santiago.
 
  Velaquí o artigo que lle dedicou o xornal El Compostelano o día 4 de agosto. Practicamente igual apareceu outro o día 3 de agosto en El Ideal Gallego do que me quedo con esta frase: "No deja enemigos porque su carácter franco y noble se lo impedía".  
 
  En la Iglesia parroquial de esta villa se han celebrado hoy solemnes funerales por el eterno descanso del médico del segundo distrito de este ayuntamiento, don Francisco Liñares Iglesias, el cual bajó al sepulcro después de larga y penosa enfermedad, soportada con resignación cristiana.
  Se cantó el Divino Oficio solemnemente, acompañado al armonio por el cura de Beán, don Antonio Cantelar Riveiro, concurriendo el clero de la comarca.
  La conducción al cementerio constituyó una elocuente manifestación de las múltiples simpatías del finado y de su familia, portando el féretro y dos monumentales coronas los sobrinos, con sentidas dedicatorias.
  Las cintas eran llevadas por cuatro compañeros: don Manuel Iglesias Rapela*, de Oroso; don Javier Castro García*, de Santiago; don Antonio Concheiro Iglesias, de Frades y el señor Camino* de Tordoya.
  Y el duelo fue presidido por nuestro alcalde, don Arturo Pérez Loureiro, al cual acompañaban, don Antonio Concheiro Rodríguez*, don Juan Liñares Iglesias, don Juan Liñares Castro, don Enrique Sánchez Martín*, don Celestino Concheiro Iglesias, don Waldo Rivas Martínez*, don Antonio Ramos Insua, don Rafael Álvarez Salgueiro, una nutrida comisión de concejales, cerrando la comitiva fúnebre una muchedumbre de vecinos, singularmente de los ayuntamientos de Frades, donde había ejercido muchos años, y de Carral y Trazo, donde contaba con deudos y familiares.
  Descanse en paz y reciba su afligida esposa el testimonio de nuestro sentido pésame, deseándole resignación cristiana para soportar tan duro trance.
 
* Manuel Iglesias Rápela: morreu en 1924, por tanto debe tratarse dun erro do xornalista, que probablemente se referiría ao seu fillo Manuel Iglesias Romero (1897-1968), médico en Sigüeiro e sobriño do finado.
Javier Castro García: nado en Ordes, fillo do médico Ignacio Castro Iglesias e irmán do xuíz Jaime de Castro e do avogado e futuro alcalde de Santiago Antonio Castro.
José Camino Quintáns (m.1978): médico de Tordoia durante moitos anos. Casou en 1958 con Carmen Suárez Camino.
Antonio Concheiro Rodríguez: médico forense de Ordes, cuñado do pai do finado, morrería ao ano seguinte, en 1942.
Enrique Sánchez Martín: fillo político do anterior.
Waldo Rivas Martínez: Secretario do Xulgado de Instrucción.

sábado, 16 de abril de 2022

O Castro do Casal



   O castro do Casal está na parroquia de Ordes, aproximadamente a uns 500 metros ao norte das últimas casas do lugar do Casal.
  É un asentamento de forma circular duns 100 m de diámetro, protexido por un parapeto, que polo interior chega nalgunhas zonas aos 3-4 metros de altura mentres que polo exterior chega aos 6-8 metros sobre todo na zona leste. A carón do parapeto escavouse un foso que se localiza na parte setentrional, coincidente cun camiño. No leste parece que continuaba. Actualmente está totalmente cheo de vexetación, o que dificulta distinguir os seus elementos.
  Velaquí un vídeo que explica como chegar.

jueves, 14 de abril de 2022

Os misteriosos Troche

  Segundo testemuñas orais e noticias dos xornais a familia Troche foi unha das máis importantes na vila durante o primeiro terzo do século XX, pero despois esvaecéronse na escuridade e non queda ningunha pegada deles, nin unha triste lápida no cemiterio. Logo, parafraseando unha famosa película de 1962 ...
Que foi dos Troche?
 
  Case con total seguridade os Troche procedían do concello de Carral, da parroquia de Santa Mariña de Beira, pois tiñan terras en Herves. A mediados do século XIX naceron  os 7 irmáns Troche Rodríguez, 4 homes (Manuel, Nicolás, Juan e Enrique) e 3 mulleres (Vicenta, Luisa e Jacoba -desta última sabemos que casou co capitán Andrés Pedreira Pérez e que faleceu en 1880 deixando un fillo chamado Enrique-).
  O que nos interesa é Juan Troche Rodríguez porque foi o que se estableceu en Ordes. En 1875 foi nomeado administrador da Estafeta da vila e tamén actuaba de secretario do concello. En 1893 foi recadador do imposto sobre cédulas persoais nos concellos de Buxán (actual Val do Dubra), Tordoia e Trazo e en 1894 contratista da subministración de bagaxes ao Concello de Ordes. Como vemos era un funcionario e empresario ben relacionado. Estaba casado con Valentina Rivas Mosquera (1846-1918), coa que tivo polo menos 4 fillas (Esperanza, Elvira, Enriqueta e Gloria) e 5 fillos varóns (Juan, Froilán, Valentín, Antonio e Carlos).
 
  De Gloria só sabemos que foi mestra e non temos máis información.
  Esperanza Troche Rivas casou en 1915 co inspector de policía Rafael Astray Mato. Con el tivo 4 fillas: Carmen, Valentina, Esperanza (Patita Astray) e Dolores. Morreu en 1931 de nefrite.
  Elvira Troche Rivas naceu o día 2 de setembro de 1873. En 1888 foi mestra de Mercurín con 250 pesetas de soldo anual. Estivo alí ata 1933. Casou con Andrés del Río Rodríguez (1873-1916), secretario do Xulgado, co que tivo 6 fillos: Eugenia, Milagros, Roberto, Antonio, Carlos e Elvira del Río Troche. Morreu en 1947.
  Enriqueta Troche Rivas foi mestra en Montaos en 1909. Tamén estivo nos anos 20 en Tordoia e rematou na Rúa Travesa da Coruña. Casou co capitán de Infantería Andrés Pérez Gómez con quen tivo 7 fillos: Juan (funcionario e policía de tráfico), Alfredo, Argimira (a da foto), Marina, Laura, Andrés (capitán de Cabalería) e Aida Pérez Troche. 
 
  Juan (ou Juan José) Troche Rivas estudou a carreira de veterinaria nos anos 90 do século XIX e morreu o 15 de decembro de 1900. Froilán tamén estudou veterinaria nos primeiros anos do século XX. Tanto el como o seu irmán Valentín, prófugo do servizo militar en 1910, desapareceron da vila e nunca máis a familia soubo deles.
  Antonio Troche Rivas foi o que máis tempo permaneceu na vila. Aínda que en 1918 era secretario do Xulgado da Audiencia na Coruña, nos anos 20 comezou a ter moita actividade en Ordes. Era propietario do famoso Salón Cine Troche (onde hoxe está o Bar Saloon nos Parques Municipais) e en 1928 foi o presidente da comisión de festas. En 1929 foi recadador de impostos sobre bebidas e nos anos 30 recadador de impostos sobre cédulas persoais. Non sabemos que casara e debeu morrer antes ou arredor de 1940.
 
  Carlos Troche Rivas (1877-1958), igual que outros irmáns seus, foi veterinario. En 1905 tiña a subministración de bagaxes ao Concello e era inspector de carnes. En 1909 tamén foi fiscal e en 1915 subdelegado de veterinaria. En 1916 produciuse a súa marcha a Coruña onde foi nomeado veterinario municipal e ao ano seguinte era tesoreiro do Sindicato Rexional de Veterinarios. En 1921, no mes de agosto, casou con Isabel Palacios Saenz, filla de Francisco Palacios e Patrocinio Saenz Rioja (m.1932). Na época da Ditadura de Primo ingresou, como moitos outros profesionais, no partido do Réxime, a Unión Patriotica. Tamén chegou a ser vicepresidente do Colexio Oficial de Veterinarios. Faleceu en novembro de 1958 e foi soterrado en Oleiros. Do seu matrimonio con Isabel Palacios, tivo dous fillos: Mª Isabel e Carlos Troche Palacios.
  Mª Isabel Troche Palacios (1922-2014) casou en 1946 co médico de Mera Eugenio Bermúdez Piñeiro co que tivo 4 fillos: Isabel, Juan, María e Paloma.
  Carlos Troche Palacios (1925-2012) casou dúas veces, con Antonia Posse Doval, filla do médico de Oleiros Juan Posse, e con Margarita Lorenzo Muñiz. Coa primeira tivo 2 fillos. Isabel (xa falecida) e Carlos Troche Posse. Este casou con Mª Purificación Matos Temprano e tivo varios fillos que son os últimos descendentes co apelido Troche.

domingo, 10 de abril de 2022

O ano 1941 en Ordes

  En Ordes era alcalde o militar retirado Arturo Pérez Loureiro, artífice do crecemento da vila. Despois de que o concello acadara ingresos por valor dunhas 132.000 pesetas e gastara 103.000 no ano 1940, atopouse cunhas 29.000 pesetas que decidiu dedicar a crear dúas novas rúas: a General Mola e Generalísimo (actuais Rúa de Galicia e Rúa Nova).
 
  Pero a mellor noticia foi a liberación de presos que durante a época da Guerra Civil foran condenados a cadea perpetua. Neste ano 1941, xa sen a presión bélica, o Réxime puido permitirse o luxo de ser máis brando e soltar a moitos esquerdistas que estaban no cárcere e aos que xa non consideraba perigosos. Foron liberados Jesús Calvo Martínez, Manuel del Río Botana*, Pedro del Río Caramelo, Salvador Grela Veiras, Tomás Iglesias, Manuel Regos Ríos e Juan Ríos García Rada do Casal.
 
* Manuel del Río Botana (1918-1945), Labrego e veciño de Ordes. Cando tiña só 18 anos foi xulgado en Compostela por traizón e condenado a 12 anos e un día. Liberado en 1941, pouco despois ingresou na guerrilla e en 1945 sería abatido pola Garda Civil.
 
  Claro que esa brandura era parcial. O mestre Carlos Fuentes Pérez de Mesía foi castigado a dous anos de desterro por "no inculcar el debido respeto a las instituciones básicas de la civilización" e Vicente Ramos Iglesias, un labrego tamén de Mesía que estivera fuxido e declarado en rebeldía, foi condenado a doce anos e un día.
 
Ademais de que Antonio Liñares Rama Antón do Túnel (1908-1975) comezou co seu negocio, outras noticias dese ano foron:
FEBREIRO: Vicente Suárez Ferreiro foi nomeado mestre interino de Ardemil 1. Manuel Sanjurjo Manteiga (54 anos), antigo presidente da asociación agraria de Vilamaior, pagou totalmente a multa recibida en 1939 e logrou o libre acceso aos seus bens. Morren Julio Pol Caamaño, un dos personaxes máis importantes da historia de Ordes, Manuela Gónzalez Faya, irmá do zapateiro e escritor Víctor, e en Ardemil Pedro Rosende Garaboa aos 77 anos.
MARZO: Homicidio en Cerceda: Antonio Muiño Fraga mata ao mozo José Regueiro. Morren Antonia Álvarez-Valdés del Río, unha das Valdesas, e en Leira o mozo Pedro Iglesias Brandariz aos 20 anos.
ABRIL: Ferido nas obras do ferrocarril o peón José Sánchez de 68 anos.
MAIO: Solicitado o premio de natalidade para José Martínez Cancelada e Luisa Viqueira de Mercurín (Ordes) con 14 fillos, unha deles Pilar do Sanatorio e outro morto na guerra. Pedida de man de Mª Luisa del Río da farmacia para o cabo da Garda Civil Valentín Beltrán Gudiel. Morreron Encarnación Sánchez Varela aos 36 anos e Antonio Moar Veiras (1864-1941) de Buscás, ex-alcalde e irmán maior do xa falecido avogado Domingo Antonio.
XUÑO: Nomeados notario Rafael Echevarría Tros de Yalarduya e mestre de Ardemil 1 Antonio Martínez González. Sira Rodríguez García, mestra de Ardemil, confirmada pola comisión de depuración. Proxecto para facer escola de Montaos. Morren Andrés Gómez Iglesias, irmán do garda civil José, e, no Mesón do Vento, María de la Fuente Eirín, irmá dos panadeiros Ché da Fonte Estrei e Rosario do Paraíso.
XULLO: Nomeado párroco de Leira (xa era ecónomo) don Ramón Pérez Rejoan. Morren Carmen Recouso del Río, muller do capataz de legoeiros Ricardo Fernández Varela das Casillas, e Ricardo Robado Mayoral, pai de Rodrigo Robado.
AGOSTO: A Banda de Santiago dirixida por Bernardo del Río veu ás festas de Ordes de venres a domingo. O día 2 morreu o médico Francisco Liñares Iglesias e o día 8 o panadeiro Luis Ferreiro Franqueira dos Ferreiros do norte.
OUTUBRO: Ingresada Elvira Castro de 15 anos no hospital por cortar a perna cunha fouce. Restriccións de enerxía pola "pertinaz sequía". Electricidade só de 8 a 12 para as industrias e revisión do gasto dos particulares. En Parada ardeu nun incendio a casa do legoeiro José Noya Boquete Cachorro. O valor dos danos estimouse en 40.000 pesetas. Morreu Josefina Nine Puertas con 19 anos e en Leira Carmen Pulleiro Sueiro aos 53 anos.
NOVEMBRO: O tendido da vía rebasou xa a estación de Parada (vindo de Santiago) e a xente de Ordes, seguindo ás autoridades foi á estación o día 3 para presenciar a chegada do primeiro convoi entre bombas de palenque e aplausos. Morreu o día 24 en Vilamaior Ramón Moscoso Rapela, soterrado ao pé da igrexa e con placa na fachada desta.
DECEMBRO: Morreu en Leira Francisco Pacheco Pedre (marido de Ángela Bascoy) aos 72 anos.
 
E coma sempre longa relación de multas, cada vez máis altas (especialmente no mes de outubro) pola grave carestía que se vivía ese ano:
 
XANEIRO: 500 pesetas a Antonio Rivas Couto Casabella (reincidencia en ter aberto o establecemento a deshoras). 250 a Emilio Sánchez Álvarez (facerse pasar por axente da autoridade). 150 a Antonio Bello Pérez (escándalo, blasfemia e alcolismo). 50 pesetas a Germán López Vázquez da Tarula, Joaquín e Manuel González Corbelle (fillos de Parente), Pedro Fraga Bello, Francisco García Varela, Manuel Villaverde Martínez, Antonio Segade Mareque, Manuel Rodríguez Gómez, Luis Fernández Castro, Cándido Seoane Eiras e Jesús Ríos Vieites (tocar as campás da igrexa o día de fin de ano producindo o conseguinte escándalo). 25 pesetas a Vicente Corral e María Ureña de Vila (ter aberto o establecemento a deshoras).
FEBREIRO: 500 a Manuel Mosquera Liñares (ter xente a deshoras no establecemento).
ABRIL: 50 pesetas a Andrés Veiras Cancelada (blasfemia). 50 ao pai de José Liste Pena (escándalo producido polo menor). 50 a José Vigo Noya e María Mareque Iglesias (tráfico ilícito).
MAIO: 500 pesetas a José Garabato Castro (irregularidades na venda de tabaco). 500 a Rogelio Prado Carnota (levar exceso de viaxeiros no autobús). 100 a Manuel Vieites Vigo (Infracción nas disposicións de abastos).
XUÑO: 1.000 pesetas a Ricardo Viqueira Gestal de Ardemil (transporte clandestino de trigo e compra-venda a prezo superior ao da taxa).
XULLO: 150 pesetas a Ramón Prado Carnota (ter aberto o establecemento a deshoras). 50 a Alfredo del Río Presedo (blasfemia e escándalo). 25 a Luis Fernández Castro, Jesús Valiño García, Ramón Regos del Río, Adolfo Vieites Fondo?, Pedro Bermúdez Pena (estar na taberna a deshora). 25 a Francisco Bello e Ramón López Calvo (negarse a pagar a ficha azul). 25 a Juan Martínez Dorado (embriaguez e escándalo).
AGOSTO: 100 pesetas a Antonia Viqueira Martínez (infracción nas disposicións de abastos). 75 pesetas a José Iglesias Barbeito, 50 a Ricardo Martínez Barros Nogallás, José Mirás Gómez e Vicente Corral Rey Culero, 25 a Ramón Ríos Vázquez, Carmen Mariño Martínez, Francisco López Cea o Albardeiro, Gabriel Amor Candal o Churrero, Manuel Silveira Sánchez e Francisco Vilar Nouche o Chocolateiro (non pedir o emblema de "Auxilio Social" aos seus clientes). 50 a Dolores Suárez González, Antonia Crespo Porriño e Avelino López Grobas (infraccións nas disposicións de abastos). 50 pesetas a Ramón Prado Carnota e Luis Faya Vilariño e 25 a Ramón Ferreiro (por producir danos os seus fillos nunha porta "a fin de que los eduquen y corrijan").
SETEMBRO: 3.000 pesetas a José Ferreiro Rama o Ramecho (vender millo a prezo superior ao da taxa). 50 a Encarnación Carnota Míguez (infraccións nas disposicións de abastos).
OUTUBRO: 15.000 pesetas a Benito Veiras Suárez de Poulo, 13.000 a Pedro Pampín del Río de Parada e 12.000 a Gregorio del Río Veiras (venda clandestina de fabas a prezo superior). 3.000 a Pedro Areoso Pena, Manuela García del Río, José García Areoso e Antonio del Río Regos, 2.000 a Manuela Bermúdez Becerra e 1.500 a Manuela García Vilar (ocultación de millo). 50 a Antonio Raña Remuiñán (celebrar un baile sen autorización). 50 a Germán López Vázquez*, Ángel Faya Mariño, Amador Sánchez Corbelle, José Viqueira Vázquez e Jesús Vázquez Mandayo (escándalo). 50 a Avelino López Grobas (infracción nas disposicións de abastos).
NOVEMBRO: 5.000 pesetas a Manuel Viqueira Conde (transporte e tenencia ilegal de trigo e centeo). 100 a José Bao Bello, 75 a Alfredo Seijas Gómez, José Vigo Noya*, María Bouzas Bao, José Barreiro Moar e María Manteiga Bascoy de Frades (infraccións nas disposicións de abastos). 50 a Ramona Pardiñas N (protestarlle á Garda Civil).
DECEMBRO: 250 pesetas a Antonio Blanco Blanco (xogar a xogos prohibidos no bar). 75 a José Regos Regos (escándalo).

miércoles, 6 de abril de 2022

O ano 1941



   En 1941 tiveron lugar dous feitos cruciais  que supuxeron un punto de inflexión na 2ª GM: o ataque de Alemaña á URSS e o de Xapón a EEUU, dúas grandes potencias militares que acabarían desequilibrando a balanza contra os intereses do Eixo.
  No principio do ano Alemaña enviou o Afrika Korps ao norte de África para reforzar aos seus aliados italianos que tiñan sido derrotados inesperadamente. En abril Alemaña, Italia, Hungría e Bulgaria invadiron e desmembraron Iugoslavia. Inmediatamente Croacia, (co seu odio ancestral aos serbios) uniuse ao Eixo. Alemaña e Bulgaria tamén entraron en Grecia para axudar aos italianos.
  Peor lles foron as cousas na Batalla do Atlántico, onde os alemáns perderon 56 submarinos entre abril e maio. Ese último mes foi afundido o acoirazado Bismarck, orgullo da mariña alemá, non sen que este afundira antes ao HMSHood.
  En xuño os membros do Eixo, agás Bulgaria, invadiron a URSS. Tamén se lles uniu Finlandia buscando recuperar o territorio perdido na Guerra de Inverno. Pronto cercaron Leningrado no norte, tomaron Kiev no sur e avanzaron cara a Moscova. En decembro chegou a contraofensiva rusa que empuxou aos alemáns fóra de Moscova en caótica retirada.
  No Pacífico, o 7 de decembro, Xapón bombardeou Pearl Harbor, o que supuxo a implicación na contenda dos EEUU. Xapón invadiría ademais Filipinas, a Indochina francesa (Vietnam, Laos, Cambodia) e a colonia británica de Singapura.
  Aínda así temos que agradecerlle a 1941 (e a Orson Welles) a película Citizen Kane, considerada unha das mellores da historia do cine. E como anécdota tamén foi o ano do sorprendente salto en paracaídas de Rudolf Hess e do primeiro anuncio televisivo (o 1 de xullo) na cadea neoiorquina WNBT, protagonizado pola marca de reloxos "Bulova", que pagou 9 dólares por 10 segundos de emisión.

 

  En España a situación non era mala, era horrible, e 1941 foi un novo Ano da Fame. As pésimas colleitas do ano 1940 fixeron que se rexistraran 1.093 mortos directamente por inanición e miles de mortes engadidas provocadas por enfermidades derivadas desa falta de alimentos. De feito, con arredor de 480.000 defuncións totais, 1941 foi o 3º ano máis letal do século XX, superando a tres anos en que houbo guerra e só por baixo de 1938 (1.111 mortos por inanición, a maioría en zona republicana) e do pavoroso 1918, o ano da gripe.
  E, como diría Murphy, se algo pode ir mal irá peor. Ademais dos estragos da guerra, o clima non axudou para nada cun inverno terrible. O 14 de febreiro o norte de España sufriu o temporal máis importante de todo o século XX. A provincia de Pontevedra, a zona cero, perdeu 150.000 árbores e viu destruídas as espadanas de máis de 300 igrexas, pero aínda padeceu unha destrución maior a cidade de Santander, consumida por un pavoroso incendio.
   Os agricultores tampouco tiñan acceso a abonos ou insecticidas, así que a produción resentíase. En agosto, mediante un decreto, o SNT (Servicio Nacional del Trigo) foi o único comprador autorizado de cereais, leguminosas de gran seco e todos estes subprodutos: trigo, avea, cebada, centeo, escaña, millo, alpista, millo miúdo, panizo, sorgo, algarrobas, almortas, chícharos de raposo (altramuces), garavanzos, chícharos, fabas, xudías, lentellas, ervellacas (vezas), yeros e salvados. O prezo base para compras de trigo era irrisorio: 84 pesetas por cada quintal métrico de boa calidade. Tamén se bonificou con 5 pesetas por quintal o trigo das provincias andaluzas (menos Almería) e de Badaxoz e con 10 as do resto de España e as de determinadas zonas das primeiras que foran prexudicadas polas inundacións do inverno. Os produtores debían efectuar declaracións xuradas referendadas polos secretarios dos concellos e os produtos intervidos non podían viaxar sen a súa correspondente documentación.
  Como sería a situación que en setembro xa non había chicoria suficiente para substituír o café e houbo que recorrer a sementes ou ósos de dátil torrados con azucre e a vecilla silvestre torrada, soa ou mesturada con landras torradas.
  A finais do ano a produción recuperouse un pouco, subindo arredor dun 30 % sobre o penoso ano anterior. Dos 2,16 millóns de toneladas de trigo producidas en 1940 pasouse a 2,8. Tamén se produciron 1,7 millóns de Tm de cebada, 570.000 Tm de avea e 400.000 de centeo. De todas formas, iso non era suficiente e negociouse coa Arxentina para comprar máis cereais.
 
 
 
No plano político o ano comezou coa estrea da película Raza, unha descarada propaganda escrita polo mesmo Franco e dirixida por José Luis Sáenz de Heredia. Ese mesmo mes de xaneiro tamén saiu o primeiro caderno de Roberto Alcázar, o cómic español máis lonxevo. Alfonso XIII cedeu os dereitos ao trono ao seu fillo don Juan de Borbón, avó do actual rei, que sería a partir dese momento o que tería que tratar con Franco (ardua tarefa), quen por esas datas estaba en Bordighera entrevistándose con Benito Mussolini.
  Pero o máis destacable do ano foi a chamada Crise de maio, unha reacción das outras familias contra o crecente poder dos falanxistas. Aínda que aparentemente estes saíron gañando e acadaron varios ministerios no goberno, en realidade supuxo o principio do fin do Cuñadísimo Serrano Suñer que caería ao ano seguinte.
  Máis anecdoticamente, a pesar das penurias da época naceu a RENFE en febreiro, celebrouse o 1º Salón da Moda Española en Barcelona en marzo, inaugurouse o hipódromo da Zarzuela en maio e a primeira feira de mostras en Bilbao en agosto. Ese verán comezou a emitir para España desde Moscova a emisora comunista La Pirenaica, que foi un consolo para os opositores ao réxime aínda que as súas predicións non se cumpriron nunca. 
Continúa en O ano 1941 en Ordes.