En 1951
o ano comezou coa inauguración oficial da sede da ONU en New York. Pero, contrastando con ese símbolo de paz, seguía
a Guerra de Corea, agora con ventaxa
para o Norte, e as dúas potencias detonaban cada dous por tres bombas atómicas
de proba. Europa mentres tanto avanzaba cara á súa integración creando en abril
a CECA (Comunidade Europea do Carbón
e do Aceiro). En Oriente medio continuaba a tensión coa morte en xullo do rei
Abdullah Ibn Husayn de Xordania en Xerusalén e a loita de tropas inglesas coas
exipcias na canle de Suez. Algo parecido pasaba máis ao leste co asasinato en
outubro de Liaquat Ali Khan, o primeiro ministro da historia de Pakistán.
Dentro dos
aspectos positivos, en Arxentina votaron as mulleres por primeira vez (incluída
unha enferma Eva Perón), William Shockley inventou o transistor de contacto de
punto e en Alemaña apareceron os LPs, os discos de longa duración. Marguerite
Yourcenar publicou "Mémoires d'Hadrien" e J.D. Salinger "The Catcher in the Rye", mentres o arxentino Fangio era campión por
primeira vez de Fórmula I. Nese ano comezouse a emitir na televisión dos USA a serie "I love Lucy" que sería un éxito clamoroso nos anos 50.
En España 1951 tamén foi contraditorio. Para o Réxime foi
un ano triunfal despois do recoñecemento internacional, simbolizado en xaneiro pola
primeira chegada ao porto de Barcelona dunha división da VI frota
estadounidense.
A economía en cambio non acababa de funcionar. Igualouse a RPC
de 1935 pero foi un ano de malas colleitas e o número de defuncións volveu
subir de 300.000 (o máis alto desde 1946). As penosas condicións laborais e a inflación
ocasionaron novos disturbios. En Barcelona a notable subida do prezo dos tranvías
foi respondida o 1 de marzo cun boicot que logrou a anulación da medida. Logo
seguiu unha folga xeral secundada por unhas 400.000 persoas no cinto industrial
da cidade. O Capitan Xeneral de Cataluña, o monárquico Juan Bautista Sánchez,
negouse a sacar as tropas á rúa. Aínda así houbo medidas de forza e a folga foi
paralizada. Tamén houbo protestas e folgas en Zaragoza, Pamplona, o norte do
País Vasco e un boicot aos transportes en Madrid. A reacción chegou en xullo e foi unha remodelación do
goberno para cambiar en parte a política económica, se ben continuou o
predominio dos sectores católicos. Por fin entrou Carrero Blanco como
subsecretario da Presidencia e o reformista Ruíz Giménez en Educación.
Creouse ademais un novo Ministerio de Información e Turismo e desdobrouse o de
Comercio e Industria.
Ese ano Camilo José Cela publicou en Arxentina "La colmena"
e García Iranzo o primeiro caderno do cómic "El cachorro". Tamén apareceu unha das mellores e máis
descoñecidas películas da nosa historia, "Surcos"
de Nieves Conde, aínda que no favor do público gañoulle Carmen Sevilla que
estreou "El sueño de Andalucía"
con Luis Mariano. O futbolista arxentino Roque Olsen veu para o Real Madrid
e o húngaro Ladislao Kubala (escapado do comunismo) para o FC Barcelona.
Nunha Galicia onde
emigraron ese ano 25.200 persoas, a nova máis destacada foi en setembro o
incendio do Mosteiro de Samos provocado por unha explosión nas destilerías que
deixou un morto e dous feridos. Só quedaron as paredes e a igrexa e perdéronse
valiosos manuscritos do padre Feijóo. Outra mala nova foi a marcha da empresa ourensá Barreiros a Madrid onde nos dous anos seguintes transformaría uns 700 motores de gasolina a diesel. En cambio en Lugo os fillos de Antón de Marcos crearon a empresa de elaboración cárnica Frigsa.
E que pasaba en Ordes? O máis importante foi o
inicio das obras para a nova Casa Consistorial, pero ademais...
XANEIRO: Correspondéronlle
10 toneladas de cemento á Delegación comarcal de Ordes. Morreon o día 3 en
Lesta con 90 anos Manuel Caamaño González, o día 4 con 77 anos o sacerdote Vicente
Monteagudo Fernández, párroco desde 1903 de Vilamaior (e de Olas que
estaba anexa) e o día 17 aos 82 anos Antonio Ferreiro Pérez Antón de Xan Ferreiro.Tamén faleceu en Beán a mociña
Obdulia Fernández con só 15 anos.
FEBREIRO: Detido Antonio
Barreiro por delito de deserción. Outras 5 toneladas de cemento para a
Delegación comarcal de Ordes. Morreu en Leira Rosa Bello Uzal aos 76 anos de idade.
MARZO: O xefe da
Estación de Ordes Lázaro Moreno foi trasladado á de Rivadavia.
ABRIL: Novo xefe da
Estación Constantino Calierno. Morreu o día 3 o empresario e ex-alcalde Juan Liñares Iglesias e o 18 José Franqueira
Ferreiro, pai biolóxico de Manuel Lois, aos 70 anos. En Barbeiros morreu
Ramón Noya aos 50 anos, en Leira Victoriano Bello Uzal e Carmen Brandariz Rivas
aos 27 anos, e en Lesta Manuel Reboredo Castro aos 63 anos.
MAIO: Destinada á escola do Casal a mestra Belia Fernández Fuentes doña Belia. O día 20 no
asilo de San Castor e Santa Adelaida en Portomouro o sexaxenario Constantino
Iglesias matou a Juan Varela dun navallazo.
XUÑO: Pedida de man de
Mª Carmen Astray para o médico balear Bartolomé Siquier Serra. Voda de José Mª
Liñares Castro (m.2003), irmán do alcalde, con Josefina Martínez Feal na igrexa de Santa Lucía na Coruña.
XULLO: Pasou a Volta a
Galicia por Ordes que foi meta e punto de partida da contrarreloxo ata
Santiago. O gañador foi Manuel Céspedes. Faleceu Narciso Correal y Freire de Andrade, que fora nomeado "Fillo
adoptivo" de Ordes en 1925.
Morreu en Buscás Pedro Moar Fuentes aos 58 anos.
AGOSTO: A
Banda de Arca, a do Rexemento "Zaragoza" de Santiago e a Orquesta Spallant nas festas patronais. Morreu en Buscás o construtor Manuel Ruibal Vilela aos 80 anos de idade.
SETEMBRO: Manuel Vieites inaugurou
a súa tenda de calzado no Recreo. Morreu en Buscás Carmen Moar Gómez.
OUTUBRO: A sucursal da
caixa celebrou a "Fiesta del
Ahorro", sorteando premios para promocionarse. Morreu en Ardemil aos
20 anos Pedro Brandariz Gómez.
NOVEMBRO: Morreron Domingo Mosquera Viqueira aos 74 anos en Buscás e Manuel Veiras Suárez aos 60 en Poulo.
DECEMBRO: Detido na Coruña
Ernesto Sotomayor que roubou 50 reloxos nun comercio de Ordes. Morreu en Pereira Francisco Bello Suárez, patriarca da familia Bello, aos 82 anos de idade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario