sábado, 27 de noviembre de 2021

Montaos (historia)

   Montaos estivo habitada desde tempos prehistóricos como demostran o castro de Carrás e o castro do Dono. Este último, practicamente destruído, testemuña o continuismo do poboamento ao longo dos tempos porque está localizado no núcleo da Igrexa, ao oeste da N-550.
 

  Na Idade Media o Territorio de Montaos aparece recoñecido como tal desde o ano 818. O propio comes Aloitus, repoboador da rexión do Tambre, citábao no seu testamento como "territorio Montanos iuxta riuulo Tamare". Un século máis tarde, no ano 925, Fruela II otorgoulle á Igrexa compostelá o condado de Montaos que entón comprendía desde o Tambre ata a terra de Nendos, é dicir, ata Faro (Coruña) e Betanzos, quedando integrado no Señorío de Santiago, o máis importante do Reino de Galicia. En 1124 Alfonso VII doou á Igrexa de Santiago a metade de Montaos. Ese documento permítenos saber que esa demarcación era máis ou menos a zona centro-occidental da actual comarca, aínda que chegaba ata Sumio (Carral) e Dubra.
  Igual que á monarquía sucedeulle á Igrexa: incapaz de xestionar tanto territorio tivo que ceder propiedades aos nobres, pretendendo que fose de forma temporal e non hereditaria. Pero os conflitos sociais do século XV (Guerras Irmandiñas) debilitaron os poderes señoriais e isto foi aproveitado polos beneficiarios desas concesións para apropiarse de atribucións non concedidas e exercer máis poder.
  Deses tempos dataría o castelo de Montaos, no lugar de Castrelo, a uns 800 metros ao oeste do Camiño Inglés. Hoxe só queda o lugar e non hai resto algún. 
 
  Pedro Bermúdez Prego xa aparecía como cavaleyro da Terra de Montaos desde o século XIV. Os seus descendentes foron García Prego, Pedro Bermudez "O Vello" e Pedro Bermúdez "O Mozo". Este último foi o que viviu os turbulentos tempos Irmandiños e acadou novos privilexios, pero foi o seu irmán Fernando o primeiro que se titulou abertamente "Señor de Montaos".
  Cando volveu a normalidade o arcebispo interpuxo un preito pola xurisdición de Montaos que se alongou ata finais do século XVI. Neses anos os Bermúdez de Castro seguiron exercendo a soberanía do territorio. O preito rematou en 1596 ao seu favor e por primeira vez falouse do Estado de Montaos.
 
  Pero todo isto era puramente nominal porque a parroquia non formou parte dese estado nin no Antigo Réxime pertenceu á xurisdición de Montaos, que practicamente era o actual concello de Trazo (comprendía 8 das 11 parroquias -menos Berreo, Monzo e Restande- xunto con 3 de Tordoia: Castenda, Leobalde e Numide). Montaos, en cambio, estaba integrada na xurisdición de Folgoso (de señorío do Conde de Altamira) como a maioría das actuais parroquias de Ordes.
 

  En 1607 Jerónimo del Hoyo nas "Memorias del Arzobispado de Santiago" informaba que Montaos tiña 40 veciños (arredor duns 180 habitantes) que eran menos que os 44 de Parada e Ordes ou os 48 de Poulo, pero máis que os 33 de Oroso, os 30 de Trasmonte ou os 24 de Deixebre. 
  A principios do século XVIII foi construída a capela de San Antón. En 1749 polo Catastro del Marqués de la Ensenada sabemos que Montaos tiña 34 veciños e que producía coles, trigo, centeo, millo, millo miúdo, fabas, mazás, liño... e había as especies de gando habitual na zona: vacas, cabalos, bestas, ovellas e cabras. Por certo que tamén había un zapateiro, Jacinto Mosquera, posible antergo dos moitos mosqueiras que hai na parroquia.
 
  No século XIX, en 1828, segundo o Diccionario Geográfico-Estadístico de Sebastián de Miñano, Montaos case dobrara a poboación con 64 veciños -303 habitantes- e pagaba unha contribución de 760 reais.
   Durante a 1ª Guerra Carlista a parroquia foi en varias ocasións teatro de operacións militares debido á súa posición equidistante entre Leira e Sigüeiro (onde había destacamentos de tropas cristinas) e á longa costa antes de Santa Cruz que ralentizaba o paso das carruaxes. Aí foron asaltadas dilixencias polas faccións de López Ramos e Frei Saturnino (mesmo o 18 de decembro de 1835 unha foi queimada) e tivo lugar o 1 de decembro de 1838 un infrutífero ataque por parte do coronel Enríquez a un convoi cristino defendido polo capitán Víctor Velasco.  
  A mediados do século XIX, en 1848 o Diccionario de Madoz informaba que Montaos tiña 68 veciños -389 almas-. Engadía que o terreo, que era de mediana calidade, producía millo, centeo, patacas e trigo. Había 70 casas, 5 fontes e 5 muíños fariñeiros. Precisaba que o clima era temperado e san "si bien se padecen fiebres inflamatorias"
  En 1876 Montaos superaba os 400 habitantes (404), sendo así só a 7ª parroquia máis poboada do concello. 
 
  No século XX, en 1909, Eduardo Pondal dedicoulle un poema a parroquia: "Indo polo camiño". Neses anos era alcalde pedáneo Ventura Conde, párroco don Antonio Duro Cotón e mestra da escola Enriqueta Troche Rivas.
  Durante a 2ª República a axitación obreira e agraria chegou á parroquia. A Sociedade Agraria estaba domiciliada en Guindibóo e o seu presidente era José Castro, veciño de Queis e concelleiro de Esquerda Republicana no goberno da Fronte Popular de Ordes. Manuel Cores era o secretario, Julio Caamaño Villasenín o contador e Ramón Figueira Pazo e Antonio Villasenín Pena os vogais. No lugar de Fosado (por onde pasaba a vía do tren) tiña a sede o "Sindicato de Peones de Órdenes y sus Contornos", encabezado en 1936 por Jesús Liste e Manuel Garabato. Non sabemos a súa orientación, pero tendo en conta as campañas do Sindicato de Peones da CNT da Coruña, eran posiblemente de ideoloxía anarquista.
  O triunfo do Alzamento en 1936 rematou con estas asociacións e os seus bens foron confiscados. Non obstante a parroquia non sufriu a represión que padeceron outras próximas e só un dos seus veciños, o mineiro Constantino Gómez Martínez de 43 anos, foi xulgado por rebelión resultando absolto.
  Iso non significa que non houbese resistencia, pois en maio de 1945 morreu en terras de Queis o mozo de Ordes Manuel del Río Botana, o que trouxo como consecuencia o desterro a Soria da familia Penedo que o axudara. Tamén o 14 de abril de 1948 (como pasara en Ardemil dous anos antes) os anti-franquistas voaron varios postes telefónicos preto de Guindibóo de Arriba.
    Máis ou menos nese tempo tivo lugar a "Batalla do Cano", unha tremenda pelexa entre moitos mozos de Montaos e Trasmonte. Neses anos 40 era mestra Mercedes Méndez Ríos (m.1975) e párroco don Juan Simal Fernández, que tamén seguiría nos 50. Nos 60 foi sacerdote do lugar don Isidro Marcos Romero, da familia dos de Julián, que remataría por colgar os hábitos e casar cunha freguesa, provocando un bo escándalo na época.
  Os anos 60 tamén contemplaron o inicio da concentración parcelaria e a mellora da rede de camiños.
 
  A estrada N-550 foi a principal impulsora de que a parroquia gañase poboación (ao contrario que outras máis rurais) e chegase a ser a 3ª con máis habitantes. Doutra banda, como unha maldición, tamén a converteu nun lugar especialmente castigado polos accidentes, aínda que non todos foron no seu trazado. En 1960 morreu afogado no Lengüelle o adolescente Andrés Barreiro, fillo da mestra. En 1962 morreron en Guindibóo nun pozo o mozo Francisco Juncal Iglesias e o seu veciño Juan Juncal Corbelle de 34 anos, casado e con dous fillos. Un ano despois, en 1963, Ramón Rodríguez Docampo faleceu por caerlle enriba un muro. En 1964 María Blanco Iglesias de 40 anos morreu atropelada na estrada iniciando unha longa lista de vítimas, tanto nativas da parroquia como forasteiras.
  O principal punto negro está preto da ponte sobre o río Cabrón e (que ironía!) do Marisans. Alí morreron un mozo de Parada e outro de Mercurín que ían no mesmo coche en 1972, dous mozos de Ordes en 1993, e un rumano no ano 2016.
  Nos anos 70 apareceu a estampa máis típica de Montaos: as vendedoras de grelos ao pé da estrada. Por certo que ao principio foron moi criticadas porque estaba mal visto ese tipo de venda que parecía ser sinal de pobreza
  En 1980 arranxouse o campo de Nivelos e ao ano seguinte federouse o equipo de fútbol, empezando a xogar en 2ª categoría rexional. O seu primeiro presidente foi Victorino Cores, perenne concelleiro da parroquia. 
  Neses anos 80 Montaos foi noticia polas disputas que houbo coa mestra Victoria Díaz Cabanelas que chegaron mesmo á agresión física. En Guindibóo deu clase Mª del Pilar Álvarez Herrera (1935-2014) coa que algúns tampouco estiveron entusiasmados.
  En 1990 tivo lugar o suceso máis tráxico da historia recente da parroquia, a morte dos 4 membros da familia Louzao por inhalación de monóxido de carbono. Catro anos despois, Manuel Gómez Ramos, de 51 anos, foi asasinado no chalé que coidaba en Fosado. Este crime nunca se resolveu.
 
  O século XXI comezou máis festivo coa reforma do campo de Nivelos en 2002, cousa que aproveitou a Asociación Xuvenil "A Revoltosa" que organizou alí a partir do ano 2006 durante varios anos o festival "Revoltosa Rock".
  Por esas datas comezou a facerse famosa a casa que hai preto do bar a Curva por mor da súa espectacular iluminación de Nadal.
  Un novo accidente de tráfico na noiteboa do ano 2020 volveu a entristecer a parroquia.

lunes, 22 de noviembre de 2021

Parroquia de Montaos

   Montaos localízase ao suroeste do concello, lindando cos municipios de Tordoia ao oeste e Oroso ao sur. Linda tamén coas parroquias de Parada ao noroeste, Ordes ao norte e Pereira ao leste. Segundo a páxina web do concello a súa superficie é de 9,68 km², o que supón o 6,2% do total municipal. É por tanto a 4ª parroquia máis pequena, só por diante de Barbeiros, Lesta e Pereira.

  O seu relevo ten forma de V, onde o punto máis baixo é o curso do río Cabrón, especialmente na súa desembocadura no Lengüelle, mentres a altura é maior cara ao norte (Parada e Ordes) e sobre todo cara ao sur. A cota máis alta está no Monte Lanuxe (328 m) ao sueste, nas proximidades da autoestrada.

  O principal curso fluvial é o río Cabrón, que atravesa a parroquia con orientación nordeste-suroeste, abastecéndose dos regatos do Valado, Ponte Ribeira e rego dos Carrás. Desemboca no río Lengüelle, que serve de fronteira con Numide (Tordoia).

 

  A principal vía de comunicación é a N-550, que percorre a parroquia de norte a sur, pola zona central. Dela parten pistas de carácter municipal que se ramifican a dereita e esquerda dando servizo aos núcleos da parroquia. Polo extremo leste pasa un pequeno tramo da autoestrada AP-9.

  Montaos conta con 13 núcleos de poboación que non se reparten de forma homoxénea, pois concéntranse preferentemente na zona sur ao leste da N-550, quedando a zona noroeste, a que linda con Parada, máis despoboada.

  Isto condicionou os usos do solo, con amplas extensións de pasteiros próximos aos lugares habitados, que dan paso ao arboredo e á matogueira lonxe deles, especialmente no límite parroquial, tanto con Parada como con Deixebre.

 

  A poboación era no ano 2021 de 808 habitantes, sendo a parroquia en termos absolutos, despois de Ordes e Ardemil, e a 2ª en densidade (83 h/ km²). Tamén sufriu un descenso desde o ano 2000 (no que alcanzaba os 870 habitantes) pero é o menos acusado de todas as parroquias do concello, agás a de Ordes que foi a única que medrou.

  A distribución é moi desigual con 4 núcleos moi poboados como Guindibóo (148 hab.), a Igrexa, Queis e Fosado que concentran máis do 60% da poboación, mentres outros 5 como Castrelo, Piñeiro, a Albariña, Vixide e Carrás teñen menos do 10%.

 
  LUGARES: A Albariña, Os Carrás, Castrelo, A Costa, Fosado, Guindibóo, A Igrexa, O Piñeiro, Porta dos Condes, Queis, A Sobreira, Vixide.

 

  No núcleo da Igrexa ao pé da N-550 están os principais equipamentos: a farmacia de Beatriz García Raña, un supermercado, un taller, o Bar A Curva, o Bar 3 Tapas e o Hotel Restaurante Santa Cruz. Por suposto tamén está a igrexa parroquial co seu cruceiro no adro (que serve de campo da festa) e cemiterio e non moi lonxe o campo de fútbol de Nivelos, reformado en 2002, onde xoga os seus partidos como local o equipo da parroquia. Digna de botarlle unha ollada é a casa nº 10, ao pé da estrada.

 

 


  Preto de Fosado podemos atopar a nova e case inútil estación ferroviaria, e en Carrás ver as antigas lastras do Camiño Inglés e pasear polo contorno do castro, un dos lugares máis fermosos de toda a zona, ademais dos que se poden admirar na vella vía de ferro a carón do río Lengüelle.

  En Guindibóo está a pequena capela de San Antón, construída a principios do século XVIII nunha carballeira onde se celebra unha concorrida romería.

  As festas principais son o 1º domingo de xullo pola Virxe do Carme, ás veces o 2º fin de semana de setembro pola Santa Cruz, en outubro a Virxe do Rosario e a festa de San Antón en Guindibóo. 

Continúa en: HISTORIA DE MONTAOS.

 

viernes, 19 de noviembre de 2021

A voda Sánchez Concheiro

   A voda máis rechamante no ano 1939 foi a de Asunción Concheiro Iglesias, filla do médico forense Antonio Concheiro Rodríguez e de Asunción Iglesias Rápela (dos Rapelas de Oroso).
  Asunción, que se achegaba aos 30 anos (alta idade para a época), era a 5ª dos sete fillos do matrimonio, que incluían a personaxes como o médico e alcalde Antonio Concheiro ou o futuro secretario do concello da Coruña Ángel Concheiro.
  O noivo, dunha distinguida familia madrileña, era Enrique Sánchez Martín, de 38 anos de idade, que traballaba como interventor do Banco de España en Santiago de Compostela, e de paso era tenente de alcalde da cidade.
 
  A petición de man fíxoa no mes de maio o seu xefe don Vicente Herraiz, director da sucursal de Santiago. Non puido ser un familiar porque a nai do noivo, dona Juana Martín Hernández, acababa de morrer tres meses antes no Madrid republicano sen que loxicamente o seu fillo puidese asistir ao enterro, e o seu pai Mateo Sánchez non estaba con ánimos.
  A voda tivo lugar o luns 3 de xullo ás 9 da mañá! (estraño día e estraña hora) na igrexa parroquial. Os padriños foron Isidro Sánchez Martín, o irmán do noivo, chegado de Madrid para a ocasión, e a nai da noiva, dona Asunción Iglesias Rápela. Por certo que este 2º apelido soaba tan raro que nas novas que apareceron nos xornais cambiáronllo polo máis común de Romero.  
  En representación do xuíz actuou o secretario do Xulgado de Santiago, Manuel Fernández-Ladreda y Nocedo, asturiano de Ribadesella e fillo do escritor Manuel Fernández Ladreda. Asinaron a acta como testemuñas, por parte do noivo nada menos que o alcalde de Santiago don Juan Gil Armada, Marqués de Figueroa, e o avogado coruñés Manuel Gila Lamela (que anos despois sería presidente do RC Deportivo e tamén presidente da Cámara Oficial da Propiedade Urbana da Coruña). Por parte da noiva asinaron o seu curmán, o avogado Juan Amigo Iglesias, e o tenente coronel de Infanteria e alcalde de Ordes don Arturo Pérez Loureiro.
  Serviuse un espléndido almorzo na casa dos pais da noiva e despois Asunción e Enrique saíron de viaxe de lúa de mel cara a Madrid, Barcelona e outras importantes cidades.
  
 Á volta, o novo matrimonio instalouse en Santiago onde naceron os seus catro fillos: Mª Teresa, Asunción, Margarita e Enrique Sánchez Concheiro.
  En maio de 1956 Enrique foi ascendido e deberon trasladarse a Burgos onde dirixiu a sucursal do Banco de España ata o seu falecemento en 1965 con 64 anos de idade. Asunción morreu 16 anos despois, en 1981, e está soterrada no panteón familiar do cemiterio do Piñeiro.

martes, 16 de noviembre de 2021

A Capela de San Antón

 
   No lugar de Guindibóo (parroquia de Montaos), esta pequena capela que data de principios do século XVIII está nunha carballeira a pouca distancia do río Cabrón. Ten máis ou menos uns 40 m² con muros laterais de 7,50 metros de lonxitude e 1,80 de altura (só é máis pequena a capela de San Pedro en Cestaños). Feita de cachotería, agás as esquinas e o enmarque da porta, conta cunha espadana tamén de cachotería. Unha curiosidade é que a espadana, tamén de cachotería, non está na fachada (quizais antigamente a porta estaba polo outro lado?). Sufriu unha restauración que cambiu o tellado tradicional por outro de placa de formigón, aínda que hoxe volve a estar cuberto por tella do país. 
  A curta distancia hai desde 1983 un sinxelo cruceiro de formigón. 
  Dada a gran devoción que espertaba San Antón entre os campesiños, a romería que se celebraba na carballeira era moi concorrida. Aquí temos unha nota do xornal El Ideal Gallego do 16 de xuño de 1927 sobre a que tivo lugar aquel ano.
 
San Antonio de Guindibó
  En esta capilla, sita en la parroquia de Montaos se celebró la tradicional romería y función religiosa, cuya misa solemne fue cantada por el digno coadjutor de Órdenes don Domingo Barbeito Veiras, habiendo asistido también los párrocos de Trasmonte, Beán, Órdenes y Santa Cruz.
  El párroco don Antonio Duro Cotón sentó a su mesa instalada en una pintoresca robleda a muchos comensales, a quienes obsequió con una suculente y abundante comida, recordando haber visto allí, además de al clero, al propietario de La Coruña don Manuel Fandiño, al industrial de Santiago don Felipe Dacosta, al encargado del taller y garaje del señor Bouzas de Santiago, don Fernando Rodríguez, al abogado de Órdenes don José Varela Renduelles, al procurador don Manuel Mosquera, al industrial de Órdenes don Cándido Seoane, al jefe de telégrafos don Pastor Stolle, al industrial de Santiago don Jesús Ferreiro Neira, y al maestro nacional de Órdenes don Nicolas del Río y otros que lamentamos no recordar. Amenizó la banda de la Garabanja.
 

  Para coñecer a súa historia nada mellor que a autorizada pluma de Victorino Cores:

 

  O profundo sentimento de relixiosidade imperante na sociedade española, e na galega en particular no século XVII, impulsou a certos terratenentes a construír ermidas nas súas posesións rurais, co obxectivo de que os seus caseiros, criados e veciños, puideran facer uso das mesmas e non ter que desprazarse a outros lugares, ás veces lonxanos, coa perda de tempo que iso supoñía. 

 

   A Capela de Guindibón foi mandada construír polos irmáns Antonio e Francisco Rodríguez Varela, ambos os dous curas e naturais de Montaos, aínda que Antonio exercía de cura nas parroquias de San Miguel de Vilar e San Breixo de Foxás, que por aquel entón pertencían á xurisdición da Ulla e na actualidade forman parte do Concello de Touro.

 

   O documento asinouse o día 10 de xullo de 1709 en Folgoso, que naquelas datas era xurisdición. A capela dedicáronlla á Nosa Señora do Rosario e a San Antonio de Padua, "para maior gloria, honra e reverencia" co consentimento do Señor Arcebispo de Santiago e do reitor de Santa Cruz, D. Diego de Barreiro. Nela debían celebrar misas e obras pías polos seus pais, avós e outros antepasados, polas benditas ánimas do purgatorio e demais persoas das súas obrigacións.

 

   O avó dos fundadores da capela, D. Vicente Rodríguez Ortega, xa no ano 1649, no seu testamento deixou asignados parte dos seus bens para que no futuro se pagasen as misas pola súa ánima e pola do seu fillo Juan, que era o pai dos fundadores da capela. No documento figuran outros nomes aos que se lle deben botar misas e tamén ao oitavario de San Antonio e da Virxe do Rosario.

 

  Para a construción da capela e o seu mantemento doaron varios lugares e cargas de trigo que algúns caseiros lles pagaban. No escrito, no apartado de doazón de bens, di: “Doan para sempre xamais dende hoxe día para todo tempo as súas pertenzas a dita capela para que sexa construída e mantida para poder exercer o culto. Os sucesores, e polo tanto os futuros donos, serán os familiares da casa de Guindibón, onde viviran os seus pais e avós, preferindo o varón á muller e o máis vello ao máis novo”.

  

  Polo seu carácter privado a capela foi cambiando de dono, e no ano 1929 pertencía a María Grela alcumada a Troiteira, que a herdara do seu pai. O día 13 de xullo do devandito ano a tal María irrompeu nela cando o cura, D. Antonio Duro Cotón, oficiaba a misa na compaña doutros tres cregos. Uns afirmaron que a muller entrou berrando "Viva o Comunismo e morra o clero!", outros aseguraron que o arrebato da  muller debíase á disputa polos cartos recadados das esmolas que doaban os fieis. O cura sostiña que lle pertencían a el que era quen dicía a misa, e a muller reclamaba a metade, alegando que ela era a dona da capela e que tiña que coidala e arranxala.

 

  O cura denunciou á muller, e María foi xulgada o condenada a 13 días de arresto e a 10 pesetas de sanción, así como a pagar as costas do xuízo que ascenderon a 810 ptas. Como María Grela non puido facerlle fronte a dita cantidade, fóronlle embargados todos os bens, incluída a capela e o terreo derredor. O xulgado poxou todos os bens e a capela mercouna un home de Ordes, chamado D. Manuel Mosquera Iglesias, que lla cedeu a Dª Ramona Blanco de Guindibón. A “Troiteira” non lle entregou as chaves á nova propietaria, pero as autoridades perante testemuñas, déronlle posesión dela á nova dona.

 

   A “Troiteira” tiña outros dous irmáns no estranxeiro, que tamén tiñan parte nalgunha das propiedades que venderan na poxa e a cousa complicouse e prolongouse no tempo, pero despois da Guerra Civil Española, o clero mandaba moito así que os irmáns foron declarados en rebeldía e os litixios remataron a favor da nova dona da capela. A "Troiteira" aínda tería máis problemas coa xustiza xa sen relación coa capela.

 

   Dende entón, a capela xa tivo diferentes donos, pero pouco a pouco foi perdendo devotos e na actualidade, só se celebra nela a novena e a festividade de San Antonio de Padua.

Victorino Cores Liste

  Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes

viernes, 12 de noviembre de 2021

Plantas de flores amarelas

  Na nosa paisaxe as flores amarelas son as máis abundantes. No seculo pasado a gran cantidade de toxos e xestas (e de grelos nas leiras) tinguía os campos desa cor. Hoxe xa non sucede exactamente así, pero segue habendo moitas plantas con flores amarelas.
 

  Quizá a especie máis ubicua e coñecida sexa Taraxacum officinale, planta da familia das Asteráceas, diente de león en castelán e en inglés, pois dandelion vén de "dent-de-lion". En galego chamámoslle mexacán pola crenza de que o seu cheiro atrae aos cans e failles ouriñar sobre ela. Ten unhas propiedades diuréticas coñecidas desde a antigüidade. Distínguese doutras plantas de flores similares polo seu talo oco.
  Moi parecida (tamén das Asteráceas) é Hypochaeris radicata, en galego igualmente mexacán, en castelán falso diente de león, que ten o talo ramificado e non oco.
 

  Seguindo coas Asteráceas temos a Calendula arvensis, maravilla silvestre en castelán, moi similar á Calendula officinalis, maravalla, que son outras plantas de flores moi parecidas.
  Un aspecto moito máis bravo con follas dentadas teñen Sonchus oleraceus e Sonchus asper, tan parecidas que non son capaz de distinguilas. En castelán son chamadas cerraja e en galego serralla. Nativa do Mediterráneo e Europa, hoxe hainas en case todo o mundo.
 

  Máis pequena, con flores dunha cor amarela máis pálida e follas lanceoladas e peludas é a Andryala integrifolia, cerraja lanuda. Parecida a esta, pero co centro das flores de cor púrpura é a asperilla, Hispidella hispanica.
  De flores máis grandes é a  Arnica montana, nativa do centro de Europa e habitual nas zonas montañosas pero pouco común na nosa comarca.
 

  A Jacobea vulgaris, herba de Santiago ou herba do Sapo, é unha planta común en toda Europa que destaca polo cheirume das follas, por iso en inglés ten moitos nomes que inclúen a palabra fart (que fede). As súas flores son entre 20 e 60 capítulos (como os das margaridas pero con pétalos amarelos) por planta. Parente súa é a Senecio vulgaris cunhas flores bastante pequenas.
  Xa pertencente á familia das Hipericaceas é a abeloura ou herba de San Xoán, Hypericum perforatum, o hipérico castelán. Moi común en toda Europa e Galicia, é unha das plantas que se recollían antes da noite de San Xoán e que tiña unha reputación de facer fuxir espíritos e aparicións.
 
 
  Outra planta sumamente abundante, especialmente nas zonas máis húmidas, é a herba belida, Ranunculus repens, botón de oro en castelán e buttercup "cunca de manteiga" en inglés. Esta planta das Ranunculáceas a pesar da súa aparente fraxilidade contén anemonina, unha substancia moi tóxica para os animais e os seres humanos. Mesmo as abellas evitan chuchar o seu néctar.
  Con preferencia por sitios máis húmidos está a herba centella, Caltha palustris, calta ou caléndula acuática, que pode curar as espullas pero é irritante para a pel.
 
 
  Tamén das Ranunculáceas é a herba das almorrás, Ficaria verna (antes Ranunculus ficaria), chamada así por un engrosamento das súas raíces que recordan ás hemorroides. En castelán recibe o nome de celidonia menor.
  Con nome similar pero da familia das Papaveráceas é a celidonia ou ceruda,  Chelidonium majus (celidonia mayor), moi popular entre os rapaces porque ao partir o talo vese un característico látex alaranxado ao que se lle atribúen propiedades curativas das espullas.
 
 
  Abundante nos lugares máis húmidos é o lirio amarelo, Iris pseudacorus, planta perenne provista dun bulbo ovoide que perdura no inverno. Tamén nos prados a carón dos ríos son abundantes os cucos (ou calzas de cuco), Narcissus bulbocodium, que é un narciso pero de cor amarela.
 
 
  Cambiando totalmente de habitat, en lugares moito máis secos, podemos atopar o verbasco, Verbascum thapsus, (tamén chamado gordolobo en castelán)  planta bienal que chega a alcanzar os 2 metros de altura, con follas tamén moi longas e con lanuxe. As flores teñen un pigmento amarelo que xa usaban as mulleres de Roma para clarear o pelo. Tamén en soares e sitios non húmidos aparece Oenothera biennis, en castelán onagra ou hierba del asno (o mesmo en portugués, onagra e erva-dos-burros).
 
 
  Moi abundante é a Conyza canadensis, erígero ou hierba carnicera, que é unha planta moi invasiva. É alta, con talo oco e follas lanceoladas que case desaparecen cando brotan unhas pequenas flores amarelas.
  Finalmente, unha planta abundantísima é o fiúncho, Foeniculum vulgare (hinojo en castelán), tradicionalmente cultivada para usar como condimento, hoxe pódense ver exemplares de gran altura en beiravías, soares e case calquera curruncho.
 
 
  Se queredes ver outras plantas, non necesariamente da comarca, con flores amarelas, premede na ligazón: Plantas con flores amarelas.

lunes, 8 de noviembre de 2021

1939: Foise co vento

 
  1939  foi un bo ano para o cine que deu xoias como Gone with the Wind, Stagecoach ou A Night at the Opera. Pero no resto foi rematadamente malo.
  Xa en xaneiro en Australia sufriron por mor das altas temperaturas do verán os incendios forestais do Venres negro, os peores da súa historia. Case 20.000 km² de terra foron arrasados polo lume, e morreron 71 persoas. En Chile ese mesmo mes un terrible terremoto causou máis de 30.000 mortos. En decembro, outro en Turquía provocaría case 33.000 vítimas.
  Italia incorporou Libia e invadiu Albania, Alemania anexionou Bohemia e Moravia (Chequia) e o que todos temían sucedeu: en agosto, despois de ter firmado o pacto Ribbentrop-Mólotov, comezou a 2ª Guerra Mundial. Alemaña invadiu Polonia e, en setembro, Inglaterra e Francia declaráronlle a guerra. Pronto se lles uniron Sudáfrica, Australia, Nova Zelanda e Canadá. A URSS venceu a Xapón na batalla de Khalkhin Gol, invadiu Polonia Oriental e iniciou con Finlandia a Guerra do Inverno.
  Mentres, Estados Unidos, que ese ano celebrou en NY a Exposición Universal, seguía de perfil sen involucrarse. En marzo foi elixido Papa o cardeal Emilio Pacelli, que usaría o nome de Pío XII.
 
 

  En España, igual que a Confederación, a República "foise co vento". As tropas franquistas entraron en Cataluña, caendo Tarragona e logo Barcelona a finais de xaneiro. En febreiro os principais dirixentes republicanos cruzaron a fronteira francesa, pero uns días despois Negrín retornou a Levante para seguir á fronte da cambaleante República. A toma de Llivia en febreiro completou a conquista de Cataluña polo bando franquista, que pouco despois foi recoñecido como goberno lexítimo de España polo Reino Unido e Francia.

  O principio do fin da República chegou coa rebelión de Cartagena contra o goberno de Negrín. Aínda así en marzo as baterías republicanas afundiron o navío "Castillo de Olite" provocando máis de 1.500 mortes. A finais dese mes caeu Madrid, logo Valencia, e o día 31 as tres últimas cidades que quedaban na zona republicana: Almería, Cartagena e Murcia.

  O 1 de abril Franco difundiu o famoso parte:

  "En el día de hoy, cautivo y desarmado el ejército rojo, las tropas nacionales han alcanzado sus últimos objetivos militares. La guerra ha terminado".

  Comezaba a ditadura. O que ninguén sabía e que duraría nada menos que ata 1975. Ao día seguinte tamén os Estados Unidos recoñeceron o goberno de Franco.

  A represión comezou: o 5 de maio foi fusilado o catedrático Eliseo Gómez Serrano e o 5 de agosto 63 membros das Xuventudes Socialistas Unificadas. En outubro a capital volveu de Burgos a Madrid. Tamén, o 14 de maio, apareceron as cartillas de racionamento para todo o país (en marzo de 1937 foran establecidas na zona republicana).

  E no medio de tanta desolación un apunte divertido: en abril daquel ano fatídico Gaby, Fofó e Miliki ofreceron as súas primeiras actuacións no Circo Price de Madrid. 

 

 
    En Ordes continuaban as mesmas autoridades: de alcalde o militar Arturo Pérez Loureiro, xuíz de 1ª instancia José Samuel Roberes García e secretario do xulgado Ubaldo Rivas Martínez
 
  Ese ano xa se deixou notar a presión sobre os comerciantes e as multas foron altas. Cebáronse especialmente nos panadeiros. En novembro Marcelino Conde foi multado con 500 pesetas por vender pan a 2 pesetas o quilo. Victorio Fuentes, Antonio Ferreiro e José Ferreiro tamén pagaron outras 500, no seu caso por vendelo a 1,60 pesetas. Pilar Romero e Carmen Calvo foron multadas con 500 pesetas por vender sardiñas a 2 pesetas a ducia. Non podían faltar os carniceiros: José Garabato e Ignacio López tiveron que pagar as súas respectivas 500 pesetas por vender carne a prezos máis altos cos da taxa. Claro que peor o tivo José García Freire Pepe de Betanzos en decembro, cando foi multado con 5.000 pesetas!!! e comisadas as 14 reses que comprara.
  Tamén en decembro Antonio García Varela foi multado con 500 pesetas, pero no seu caso foi por "escándalo, embriaguez y blasfemia".
 
XANEIRORamón Astray Mato nomeado xuíz municipal.
MARZO: Antonia González Pita nomeada mestra de Montaos.
ABRIL: Accidente de tráfico na "curva do Obispo". Morreu aos 68 anos, o avogado Domingo Antonio Moar Veiras, un dos personaxes importantes da historia de Ordes. No hospital de Santiago morreu Juan Castro Sánchez aos 23 anos.
MAIO: Julia Varela Fernández nomeada mestra do Canedo. Faleceu José Rodríguez García (xenro do mestre Manuel Castro Viqueira).
XUÑO: Visitou a comarca o bispo don Tomás Muñiz de Pablos que rematou con 7.000 confirmacións en varias parroquias, incluídas Ordes e Leira. Luis Alonso González nomeado mestre da ecola Órdenes 2. Morreu o que era secretario do xulgado desde 1934, o avogado madrileño Juan Campos Fernández, con 61 anos. O seu posto sería ocupado por Ángel Concheiro.
XULLO: O día 3 voda de Asunción Concheiro Iglesias co interventor do Banco de España en Santiago Enrique Sánchez Martín. Nunha canle da vila morreu afogado o neno de 2 anos Severino Ríos López. Faleceu en Santiago Josefa García Rodríguez, muller do médico Ignacio Castro Iglesias.
AGOSTO: Voda de Amelia del Río, da familia propietaria do Mesón de Deus, co militar Adolfo Garza Gutiérrez. Nomeados xuíz municipal Juan Liñares Castro (suplente Ramón Astray Mato) e fiscal Rafael Álvarez Salgueiro (suplente Manuel Barreiro Uzal).
OUTUBRO: O fútbol non paraba e houbo en Riazor un partido entre o Deportivo e o FC Vigués (non confundir co Celta). Pois ben, para descansar como é debido e non caer nas tentacións que podía haber na gran cidade, os olívicos pernoctaron en Ordes. Valeulles de algo? Si! gañaron o partido por 1-2 (aínda que o Deportivo sería o vencedor final daquel Campionato de Galicia, o último da historia).
NOVEMBRO: Atropelada por un camión no Canedo a nena de 10 anos Josefina Mesías Candal. Morreu Benita Iglesias Carballido, nai do garda civil Jesús Gómez Iglesias.
DECEMBRO: Petición de man de Concepción Varela Uzal de Poulo para Francisco Concheiro García, empregado do Banco Pastor, por parte da súa nai, a señora Juana García Mouriño. Faleceu Dolores Cotón Súarez aos 79 anos. Era viúva de José Seoane Vázquez, nai da Sra Jovita do Recreo e avoa de Mª Carmen Sánchez Seoane.
 
  Tamén morreron ese ano Antonio Ríos Barreiro con só 24 anos e Encarnación Iglesias Bello, esposa de José Rey García (m.1967). En Mercurín faleceron Manuela Raña Vidal aos 43 anos e María Becerra Viqueira aos 52.