domingo, 24 de abril de 2016

Poboacion da comarca (S. XXI)

  Como podedes ver polos gráficos, podemos dividir os concellos da comarca en 2 grupos: os que aumentan de poboación (Ordes e especialmente Oroso), e os que a perden (todos os demais).


  O caso de Oroso é espectacular, aumentando máis dun 40 % nos tres primeiros lustros do século XXI. Case toda esa poboación nova está no seu núcleo, Sigüeiro, e asentouse nel pola súa proximidade a Santiago.
  Ordes tivo un crecemento máis suave, atraendo inmigrantes do resto da comarca e estranxeiros (na época de bonanza económica) ata o ano 2012.


  Os outros cinco concellos da comarca (Cerceda, Tordoia, Trazo, Mesía e Frades) perden poboación.
  Entre todos destaca Tordoia da que poderiamos dicir que vai "costa abaixo e sen freos". A principios de século case tiña a mesma poboación que Oroso, pero desde entón perdeu máis do 30 %. O resto dos concellos teñen un descenso menos acusado. Tamén Cerceda, a pesar do seu alto PIB e nivel industrial, perde poboación aínda que a menor nivel que os anteriores.

sábado, 23 de abril de 2016

O Encoro de Vilagudín


  A presa de Vilagudín construíuse no ano 1981 para apoiar ao encoro de San Cosmade (1979) na subministración de auga á Central Térmica de Meirama, da que dista, a voo de paxaro, algo menos de 10 km.

  É compartida por tres concellos: Cerceda (zona norte), Tordoia (oeste) e Ordes (leste).
  A presa é de dique, de 33 metros de altura sobre o leito do río. O desaugadoiro de fondo atópase á cota do río. O volume teórico do encoro é de 18,3 hm3 e a superficie de 162 hectáreas. 
 A profundidade máxima teórica (nas proximidades da presa) é de 27 metros e a profundidade media de 11 metros. A cubeta do encoro é moi aberta, con noiros litorais de pouca pendente. O substrato litoral e de fondo é limoso-areoso. Os subministradores máis importantes deste encoro son os ríos Paradela e Biduido, ambos os dous con caudais similares (de 150 a 300 litros por segundo cada un). Tomando como referencia estes caudais, o encoro renóvase cada 6-12 meses.


  Tamén se usou para pesca deportiva. Foi un lugar de gran éxito como podedes ver nesta páxina de "Hay pesca!".
 
  Canas de toda España chegaban a esta contorna para lanzarse a capturar, tanto troitas centroeuropeas e arco da vella como salmóns.
  Foi o 11 de marzo de 1995 cando Vilagudín empezaba a funcionar como primeiro coto turístico de pesca en España, con xestión da empresa Galician Fishing Services. Previamente o encoro pechouse á pesca libre para proceder á repoboación con troitas e salmóns. "Os salmóns estaban na beira de Arcai e as troitas non lado de Vilagudín", lembra Jesús, veciño da zona, que rememora aqueles anos en que o encoro era un lugar de cita para os afeccionados á pesca. "Viñan de Asturias, de Portugal, ata en furgonetas. Hospedábanse en Ordes, e moitos deles comían logo en casa Ríos en Xesteda. Algúns traían pequenas lanchas". Eran xornadas exitosas para os cestos daqueles pescadores. Jesús explica o secreto daquel éxito. "Pola parte de abaixo había un criadeiro e eran moitas as troitas que botaban. Unha vez que se saíra o camión que as levaba, eran 12.000 quilos os que transportaba". Espectaculares exemplares que excedían con facilidade o quilo de peso, contentando aos afeccionados e tamén á empresa xestora, que ademais de cobrar unha entrada por xornada facíao tamén por quilo de peixe capturado. O gran peso daqueles exemplares ocasionaba que moitos dos afeccionados que acudían por primeira vez tivesen dificultades cos seus aparellos pola forza das troitas e salmóns locais. Ata personaxes famosos como Isabel Pantoja e María del Monte, nos anos en que eran pasto da prensa do corazón, ou o inevitable presidente Manuel Fraga lanzaron a súa cana en Vilagudín.
Por se isto non bastase tamén houbo nos 90 distintos cursos de piragüismo, windsurf e vela.

 Logo veu a decadencia. Hoxe hai movementos para volver a revitalizar a zona. A última proposta no ano 2021 contemplaba a posibilidade de establecer unha área para autocaravanas. Veremos en que para iso.
  De todas formas, con pescadores ou non, os ordenses temos un pequeno tesouro acuático tristemente pouco coñecido pola maioría.
 

domingo, 10 de abril de 2016

O primeiro escudo de Ordes


  Antes de nada, dicir que o escudo do que estamos a falar non foi exactamente o primeiro que usou o concello. Os primeiros eran adaptacións do escudo de España que podían valer para calquera concello, agás pola inscrición do tipo "Ayuntamiento Constitucional de ...".


   Cando se construíu a Casa do Concello nos anos 50 (inaugurada en 1954), creouse o escudo usando como referencia o que aparece no lintel* da casa de Poulo onde pernoctou o rei Felipe II. Como se cría nesa época que o nome ORDES procedía do correo e das "ordes" que pasaban pola vila, foille engadido un brazo con armadura suxeitando un pergamino (as ordes), cousa que lle daba un aspecto moi orixinal. Tamén foron engadidas (iso era o que se cría) as letras POSEIJOMBMD, non se sabía por que razón. Sempre foron un enigma e nos primeiros tempos a xente buscaba explicacións graciosas. O ex-concelleiro Victorino Cores Liste no libro "Ordes. Na búsqueda das súas orixes" apunta a que tal vez fosen as iniciais dos que participaron, ben na construción da Casa do Concello, ben no tema do escudo. Non obstante... as letras xa estaban no escudo!!! como podedes observar na foto de abaixo.


  Ese escudo da casa de Poulo non se sabe exactamente a quen representa. Como a comezos de século XVIII a casa era propiedade de Benita Romay Maldonado pénsase que as tres flores de lis poden aludir aos Maldonado (aínda que o escudo desa familia ten cinco flores).
Victorino Cores en cambio sostén a teoría de que o escudo representa á familia Araújo. Tamén é inusual o seu contorno que parece remitirnos á heráldica italiana. Buscando información, atopei un cuartel parecido (aínda que co castelo e as flores en distinta posición) nun escudo que hai na capela do pazo de Castro de Osedo en Samoedo (Sada). Os outros cuarteis corresponden ás familias Castro, Luaces e Andrade.

* O lugar do escudo non era o mesmo que na actualidade. Orixinalmente estaba moito máis alto e a inscrición da pernocta do rei debaixo del, pero ao facer uns arranxos na casa cambiárono ao lintel e a inscrición á xamba esquerda.



  Ademais deste escudo con letras e brazo armado co pergamino, houbo unha réplica menos heterodoxa (coa forma tradicional, sen bicho na torre, sen letras e cambiando o brazo por unha coroa) que na xerga heráldica se describe así:
  «De azur unha torre donxonada de ouro, mazonada de sable, aclarada de goles e sinistrada de 3 lises de ouro postas 1 e 2. Ao timbre, coroa real pechada».
  Sexa como sexa, este escudo acompañounos aos ordenses máis de 5 décadas, ata o ano 2008 e, coma ao primeiro amor, nunca o esqueceremos.

sábado, 9 de abril de 2016

Mesón do Bento?

 
  Respecto á polémica entre "Mesón do Vento" e "Mesón do Bento" aquí tedes a autorizada opinión de Fernando Cabeza Quiles:

  Moitos opinan que o topónimo Mesón do Vento, do concello coruñés de Ordes, faría referencia a un antigo mesón alí ubicado. Esta explicación complétase co significado da segunda parte do étimo que, segundo algúns autores, faría alusión a un hipotético propietario ou mesoneiro de nome Benito (Bento en antigo galego-portugués). Non compartimos esta opinión por crer que do Vento fai referencia ao vento que, tendo en conta a situación elevada e desprotexida do lugar, alí ha soprar con frecuencia e forza, como ocorre cos topónimos Ventoso, Ventoseira, Ventosela, etc., todos situados en lugares elevados.

  En canto a Mesón, aínda recoñecendo a forza da teoría que o relaciona coa voz mesón, supoñémoslle outro significado, sen por iso invalidar que outros topónimos Mesón si sinalen a existencia dunha antiga casa de hóspedes roteira, como ocorre co veciño Mesón de Deus. Con todo, non cremos que este sexa o caso do Mesón do Vento, que máis ben nos parece un topónimo orográfico con referencia á configuración do chan onde se atopa, a forma plana e elevada do cal, á maneira dunha mesa, sería sinalada polo nome. Lembremos ao respecto, a noción xeográfica do que é unha meseta, ou o vocábulo meso, presente nalgúns dicionarios co significado de banco de tres patas. Tamén determinados usos antigos da palabra mesa, que aparece, por exemplo, nun documento do ano 1141 dando nome a un monte seguramente de forma semellante á do instrumento doméstico de igual denominación: "dehinc pro illo monte de Campello et pro illo monte de mesa...".

  Topónimos equivalentes parecen ser Mesa Redonda, nome dun monte do Courel; Mesa, monte da provincia de Ourense; Mesón do Alto, lugar elevado da Gudiña (Ourense); e o máis explícito polas suxerentes coincidencias que ofrece, Mesón, nome dun monte da parroquia de San Mamede de Abalo, Catoira (Pontevedra) que, á concordancia do nome co seu homónimo de Ordes une o ser, igualmente, unha ampla superficie plana ou lixeiramente abovedada onde a presencia de tres antigos muíños de vento certifica tamén a existencia deste axente atmosférico e axuda a quitar ao topónimo Mesón, nesta ocasión, o significado de albergue e poñerlle o de altura plana e elevada. Pois, ao noso entender, a única diferencia entre os topónimos Mesón de Ordes (onde tamén puido haber un mesón) e Catoira, estriba en que mentres no primeiro o vento pasa de largo, no de Catoira é aproveitado.

miércoles, 6 de abril de 2016

Ordes no Antigo Réxime

  Este artigo esta copiado da páxina "Casa da Eirexe" de Manuel Lamazares.

  Imos analizar a situación administrativa das Terras de Ordes durante o Antigo Réxime (séculos XVI-XVIII). Ocupaban a parte noroeste da rexión e estaban a cabalo entre as antigas provincias de Santiago (73% do seu terrritorio), Betanzos (3%) e A Coruña (25%).

  Comprendían 13 xurisdicións, cunha superficie total de 753 Km2, das cales as máis extensas eran Mesía e Folgoso, que rondaban os 200 Km2 (20.000 Hectáreas), e as máis pequenas, Budiño, Altamira e Meirama, que non superaban os 10 Km2. Coa división provincial de 1833, todas as xurisdicións da Terra de Ordes integráronse na nova provincia da Coruña.

XURISDICIÓN
Km2
XURISDICIÓN
Km2
Mesía
204
Sobrado
19
Folgoso
188
Xallas
16
Vilarprego
94
Monzo e Restande
13
Montaos
92
Budiño
8
Encrobas
64
Altamira
7
Rus
21
Meirama
7
Gorgullos
20
TOTAL
753


Os dominios señoriais na Terra de Ordes
  Do total da superficie do dominio señorial, o 60% correspondía á nobreza titulada ou alta nobreza, o 32% ao clero secular, o 5% ao clero regular, o 2% eran terras de realengo e só un 1% pertencía á fidalguía.

DOMINIO
Nº Freg.
Km2
%
Nobreza titulada
43
453
60
Clero secular
26
240
32
Clero regular
3
40
5
Realengo
2
13
2
Fidalguía
1
7
1
TOTAIS
75
753
100

  Na lista de maiores posuidores figuraban en primeiro lugar o Arcebispo de Santiago, con dominio sobre 240 Km2 (unhas 24.000 Hectáreas), seguido polo Conde de Altamira con 189 Km2, o Conde de Grajal (94 Km2) e o Marqués de Montaos (92 Km2).  A maior distancia atopábase a Marquesa de Astorga con 78 Km2, e en último lugar os Mosteiros de San Martiño (21 Km2) e o de Sobrado (19 Km2), seguidos das terras de realengo (13 Km2) e finalizando coas terras de don Bernardo Basadre (700 Hectáreas).


  Por estamentos, a nobreza titulada controlaba o 60% do territorio (453 Km2), con 43 freguesías. Estaba representado por catro grandes posuidores: o Conde de Altamira, con 189 Km2 -22 freguesías-, o Conde de Grajal con 94 Km2 -7 freguesías, unha delas compartida con D. Joseph Rey-, o Marqués de Montaos con 92 Km2 -10 freguesías- e a Marquesa de Astorga, con 78 Km2 -4 freguesías, unha delas compartida con don Lucas Sanchez-.
  O clero secular exercía a sua xurisdición sobre un total de 240 Km2 e 26 freguesías, sendo o único representante o Arcebispo de Santiago que exercía o seu dominio en todas elas agás a de Xanceda que estaba compartida con don Juan Pimentel.
  A moita máis distancia xa se encontraba o clero regular, con dominio sobre 4.000 Hectáreas e 3 freguesías, repartidas entre o Mosteiro de San Martiño de Santiago (21 Km2 da freguesía de Vila de Abade na xurisdición de Rus), e o Mosteiro de Sobrado, con 19 Km2 que acumulaban as dúas freguesías de Cumbraos e Cabrui.
  O realengo limitábase á xurisdición de Monzo e Restande, con 1.300 Hectáreas.
  Por último, a fidalguía representada por don Bernardo Basadre ocupaba unha superficie de 700 Hectáreas, as da freguesía e xurisdición de Meirama.

FONTES:
Os datos sobre as xurisdicións e señoríos de todo o territorio galego foron elaborados por Manuel Lamazares utilizando ferramentas de xestión informática e de información xeográfica (GIS) a partir do Censo de Floridablanca. Aínda que segundo Pegerto Saavedra (Discurso de ingreso na RAG) os datos de Floridablanca simplifican a realidade e cita como exemplo a "Descripción" de Miguel Bañuelos, que cifra o número de xurisdicións para toda Galicia en 664, fronte ás 509 de Floridablanca (segundo Saavedra isto era debido a que nalgúns casos había unha titularidade compartida), iso non significa que o Censo de Floridablanca non tratara con rigor os seus datos, antes ben, sen a súa aportación non teriamos unha idea tan clara da composición e distribución das xurisdicións do Antigo Réxime.
- Como base para elaborar os mapas utilizou os datos do Censo de Floridablanca do ano 1785 España dividida en provincias e intendencias, y subdividida en partidos.
- Para aclarar algunhas dúbidas utilizou as Respuestas Generales del Catastro de La Ensenada e o Diccionario de Miñano.
- Para Galicia a obra de Francisco Javier Río Barja "Cartografía Xurisdiccional de Galicia no século XVIII", Consello de Cultura Galega. 

viernes, 1 de abril de 2016

Mapa de Ordes

  O territorio do concello de Ordes é unha penechaira que vai baixando de altura desde o norte ata o sur. Está limitado ao oeste e leste polos ríos Lengüelle e Samo, ambos os dous afluentes do Tambre e ocupado no centro pola cunca do Río Cabrón, o principal afluente do Lengüelle.
  (Preme na imaxe para ver máis grande)

  A suavidade das formas do seu relevo (e do de case toda a comarca) débese a que o terreo está composto de xistos -formando unha ampla unidade coñecida como "Xistos de Ordes"-.
  O clima é oceánico hiperhúmido con precipitacións que chegan facilmente aos 1.500 mm anuais e unha temperatura media ao redor de 12-13ºC, que pode dar unha falsa impresión porque os meses invernais son fríos e as xeadas habituais.
  Aínda que é o concello con máis poboación da comarca, a densidade é máis baixa que a media galega e moi por baixo da provincial.
  Conta con bonitas paisaxes e un interesante patrimonio artístico.


Extensión: 157, 23 Km2
Poboación (2020): 12.625 habitantes
PIB (1916): 217,4 millóns de €
Densidade: 80 habitantes / Km2
PIB / hab: 16.919 €
Núcleos habitados: 218
Renda per cápita bruta: 18.851 €
Parroquias: 13