viernes, 29 de julio de 2022

Por fin chegou o tren!

 
   O 14 de abril de 1943 foi un dos días máis importantes na historia ordense. Despois de longos anos de espera completouse definitivamente a vía férrea entre Santiago e Coruña. A inauguración sería un evento espectacular organizado minuciosamente polo Réxime e contaría por suposto como principal protagonista co xefe do estado. 
 
  O Caudillo, que estaba na Coruña, trasladouse por estrada ata Santiago onde chegou ás cinco e 10 da tarde. Despois dunha rápida visita á catedral, ás cinco e 25 chegaba á estación onde foi recibido polas autoridades. Unha multitude, que ocupaba por completo as escaleiras de acceso e praza contigua, recibiuno, brazo en alto, con berros de "Franco! Franco! Franco!" e "Arriba España!". Alí pasou revista a unha batería do Rexemento de Artillería de guarnición na cidade e a unha compañía das Milicias Universitarias, que esperaban formadas na praza. Logo celebrouse a cerimonia de bendición oficiada polo arcebispo de Compostela doutor Muñiz de Pablos. Ao seu termo o Caudillo e o seu séquito entraron na nova estación e visitaron as diferentes dependencias da mesma.

  Ás seis menos cuarto o tren inaugural, composto por seis unidades arrastradas pola máquina número 4002, púxose en marcha. A locomotora ía adornada con bandeiras e grilandas, así como cos escudos de España, A Coruña e Santiago de Compostela, situados na súa fronte.
  Durante varios quilómetros grupos de veciños e membros das Mocedades Falanxistas comarcais masculinas e femininas aclamaron o paso do convoi. As doce estacións do percorrido estaban profusamente engalanadas con escudos, bandeiras, xugos e frechas, numerosos arcos de triunfo e inscricións de agradecemento alusivas á inauguración. Os veciños, autoridades, párrocos, nenos das Escolas Nacionais e do Frente de Juventudes cos seus mestres e instrutores á fronte, situáronse nas plataformas para aclamar o paso do tren en que viaxaba o Caudillo. Bandas de música, grupos de gaitas rexionais, raparigas da Sección Feminina vestidas con traxes galegos, disparos de bombas de palenque, repeniques de campás, continuos vivas a España e ao Caudillo e o incesante berro "Franco! Franco! Franco!" acompañaron ao tren durante a maior parte do traxecto.

 

  Velaquí un artigo do xornal El Ideal Gallego que nos conta como foi o recibimento en Ordes:
  Fue un verdadero acontecimiento la inauguración de nuestro anhelado ferrocarril, habiéndose trasladado a la estación el pueblo y sus aledaños en masa, al objeto de vitorear al Jefe del Estado, que supo culminar la obra de progreso más importante para esta comarca.
  Nuestro entusiasta y joven alcalde, Mariño, puso a disposición del público un coche ómnibus, el cual hizo varios viajes con las autoridades y vecindario.
  Después del paso por esta localidad para Santiago de las personalidades que habían de intervenir en tan grandioso acto, empezó el desfile hacia la Pontraga, en una forma tan incesante, que bien puede decirse que se cerraron todas las casas de esta villa, haciéndose difícil el tránsito por la carretera de acceso a la estación mencionada, la cual aparecía adornada con gusto.
  Al llegar el tren, el coro gallego interpretó varias composiciones bajo la dirección de su maestro, Viriato Lamas, ante el coche de Su Excelencia, el cual, con cara risueña, daba muestras de satisfacción, felicitando a esta afinada colectividad y al alcalde, con quien conversó unos instantes afablemente, y saliendo enseguida el convoy en medio de atronadores vítores y aplausos y de un verdadero bosque de brazos en alto, lamentando el corto espacio de tiempo transcurrido entre nosotros.

 

  Na Coruña o recibimento tamén foi apoteósico. Miles de coruñeses e xente dos municipios veciños esperaban a chegada do tren, que se produciu ás oito menos cuarto. Oíronse de novo aclamacións e aplausos. Os buques no porto fixeron soar as súas sirenas e disparáronse multitude de bombas de palenque. O Caudillo baixou e foi recibido polo alcalde accidental da Coruña Diego Delicado e todas as autoridades civís e militares habidas e por haber.

 

  E así rematou aquel día de alegría en medio de tempos moi duros. Non obstante o impacto que tivo o tren en Ordes foi menor do esperado e durou só unhas tres décadas. É verdade que o núcleo da Pontraga medrou e tivo moita actividade pero a vila de Ordes seguiu dependendo maioritariamente da estrada N-550. A finais dos 60, co aumento de automóbiles e dos horarios das liñas de autobuses, o uso da liña férrea foi cada vez máis reducido ata desaparecer case totalmente despois de 1980.
 

2 comentarios:

  1. Moi bo artigo, Xan. Coma sempre.
    O que nunca entendín é que o trazado da vía se fixese tan lonxe dos pobosmais importantes, como pode ser o caso de Ordes ou mesmo Carral. Quizais se tratase dun erro, pero ese mesmo erro repetiuse coa nova estación, situada en Fosado e completamente abandonada.
    Un saudo.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Creo que só se preocuparon de superar as dificultades orográficas do mellor xeito posible sen ter en conta os núcleos de poboación. O obxectivo único era unir Santiago coa Coruña.

      Eliminar