Para empezar, unha pregunta: que familia deu máis alcaldes a Ordes no século XX? ... Pois si! Probablemente a maioría de nós pensariamos antes nos Concheiro (1) ou Liñares (2), pero resulta que nos Verea houbo ata tres alcaldes, aínda que ningún durou demasiado tempo no cargo.
A familia Verea, do mesmo xeito que os Pardo, procede da parroquia de Albixoi en Mesía. Alí naceron a mediados do século XIX Manuel Verea García (1851) e Concepción Fandiño Rúa (1855) que era irmá de Manuela, a nai de Pedro Pardo Fandiño.
Era unha familia campesiña de alto nivel. Manuel tamén era propietario dun muíño fariñeiro en Bascoi, a parroquia lindante con Albixoi. Tiveron polo menos 9 fillos: Andrés, Ramón, Antonio, José, Jesús, Javier, Manuel, Carmen e Enrique Verea Fandiño.
Tres deles (Ramón, Manuel e Enrique) emigraron a América. Un dos seus descendentes foi José Ángel Verea Chávez (1951-2018), máis coñecido como Pepino, que foi locutor de radio en Iquitos (Perú) e moi coñecido en toda a Amazonia.
Andrés, o irmán maior, quedou en Albixoi, mentres que José estableceuse en Bascoi onde herdou o muíño. Foi o máis lonxevo da familia, vivindo 101 anos! Tivo 6 fillos que xa faleceron todos.
Pero os que nos interesan son os tres que se instalaron en Ordes.
Antonio Verea Fandiño (1883-1970) estableceuse na Rúa dos Lagartos (no que hoxe é o número 33) onde tivo un comercio e arredor de 1928 comprou o primeiro taxi que houbo na vila, un Ford A con matrícula de Oviedo. Casou con Josefa Remeseiro Liste (1896-1986) coa que tivo tres fillos: Manuel Antonio, Joaquín e Mª del Carmen Verea Remeseiro.
Joaquín participou na Guerra Civil como alférez de Regulares e morreu na batalla de Teruel en 1938.
Antonio Manuel (1914-1996), máis coñecido como Manolo Verea, herdou o comercio e o taxi do seu pai. Sería o 2º alcalde da familia pois ostentou o cargo seis meses en 1945, pero a súa ocupación principal foi a de taxista nuns tempos heróicos onde para desprazarse de Ordes a Cerceda había que ir ata Alvedro! de alí a Culleredo e achegarse por unha pista que había a carón da vía do tren.
Manolo casou con Antonia Rumbo Martínez (1915-2002), irmá de Ernesto, barman do "Cantón Bar" da Coruña. O matrimonio tivo 3 fillos, dos cales o máis coñecido foi José Manuel Verea Rumbo (1947-2016), que traballou no Banco de Bilbao e foi o director de facto de "Sementes do Arte".
Mª del Carmen Verea Remeseiro (1919-2012) casou no ano 1943 con José Bello Segade Pepe Bello, o mestre que ocupou o posto de don Nicolás. Morreu novo en 1961 sen ter fillos e logo Carmen casou con Rogelio Paredes García, colaborador de La Voz de Galicia.
Javier Verea Fandiño (1892-1978) foi o primeiro alcalde da familia, aínda que só do 30 de marzo ao 21 de abril de 1931. En outubro dese mesmo ano foi nomeado xefe do Depósito (antigo cárcere do partido), de onde ven o seu alcume de Carceleiro. Tamén sería xefe local do Movimiento e subxefe da Falange. Casou con Dolores López López (1886-1977) coa que tivo unha única filla, Inmaculada Verea López Adita (1929-2022). Esta tivo unha mercería en Alfonso Senra e casou con Miguel Ripollés Dasca que era un "jaimito", como lle chamaban na vila aos gardas civís noviños que viñeron para controlar á guerrilla. Tiveron 4 fillos: Miguel Ángel, Inmaculada, Mercedes e Javier Ripollés Verea. Co tempo marcharon para Valencia a onde levaron tamén aos pais de Adita, así que todos morreron e están soterrados alí.
Carmen Verea Fandiño (1896-1973) viviu en Alfonso Senra 117. Tivo unha filla de solteira case co mesmo nome, Mª del Carmen Verea Fandiño (1916-2011) que casou con Segismundo Viqueira Ramos Mundito, director do Banco de La Coruña (logo absorbido polo Banco de Bilbao), concelleiro, directivo do equipo de fútbol, etc. O matrimonio tivo 9 fillos (un morto aos 8 meses), dos cales o penúltimo, Manuel Antonio Viqueira Verea, sería o 3º alcalde da familia de 1983 a 1987, por Coalición Galega, aínda que posteriormente sempre estivo ligado ao PSOE.
No hay comentarios:
Publicar un comentario