1937 foi o ano en que Tolkien escribiu "The hobbit", no que se
aprobou a Constitución de Eire e se fundou a Volkswagen en Alemaña, pero
continuaba subindo a tensión en Europa. En Estados Unidos en maio explotou o
dirixible Hindenburg pero ese mesmo mes inauguraron o Golden Gate e en decembro
Disney estreou a marabilla animada "Snow White and the seven dwarfs".
En Asía dentro da Guerra chinés-xaponesa estes últimos tomaron Pequín tras a
batalla de Lugou Bridge, logo conquistaron Shangai e Nankín, onde houbo unha
xigantesca masacre. Non obstante os ollos do mundo estaban postos en España que
vivía o comezo dunha cruenta guerra civil.
EVOLUCIÓN DA
GUERRA
As cousas non ían ben para a República que trasladou a capitalidade a
Valencia en xaneiro mentres na España Nacional se fundaba RNE. En febreiro, ao mesmo tempo que caía Málaga e había unha masacre na estrada desa cidade a Almería, tivo
lugar a batalla do Jarama e logo en marzo a de Guadalajara onde os republicanos
venceron ás forzas italianas, o que lles deu moita moral pero non un gran
beneficio, pois só retrasaron un mes a ofensiva franquista do Norte. En abril
Franco unificou os partidos que o apoiaban nun novo: a Falange Española Tradicionalista y de las JONS e Guernica foi
destruída pola Lexión Condor alemá.
Se parecía que as cousas melloraban para a República, maio supuxo
pegarse un tiro no pé: Barcelona espertou bañada en sangue polas loitas entre
comunistas, trostkistas e anarquistas. En xuño morreu o xeneral Emilio Mola en
accidente de aviación e caeu Bilbao, en xullo tivo lugar a sanguenta batalla de
Brunete que non decidiu nada, en agosto caeu Santander e en outubro toda
Asturias. Isto supuxo que os franquistas remataron o ano sen poder entrar en
Madrid pero co control das minas de carbón e a industria e as fábricas de armas
do País Vasco e cun mando totalmente unificado grazas a morte de Mola.
En Galicia estableceuse en setembro a primeira liña aérea regular no aeroporto de Lavacolla.
E mentres tanto en Ordes?
XANEIRO: Morre Aurora Amado Ferreiro, nai de Kilé. Comeza a instaurarse o "Día del Plato único"
FEBREIRO: Fusilamentos en Boisaca. José López Figueroa nomeado recadador de contribucións da zona 1 de Ordes. Morre Mª Rodríguez Fuentes (84 anos).MARZO: Voda de Celia
del Río Castro (m.1998), irmá de Antonio -emparentado cos Sánchez Somoza- co
funcionario do Banco Pastor Ángel Varela Jeannerat. O matrimonio viviría na Coruña e tería 5 fillos. Morreu un dos máis importantes hostaleiros da vila, Ricardo Trasmonte Mosquera, propietario da fonda "La Pinta".
ABRIL: Paseado
Francisco Arroyo, veciño de Tordoia de 23 anos. Morreron Francisca Platas Piñeiro, mestra en moitas escolas das parroquias ordenses e cuñada de Ricardo Trasmonte, e Antonio Moar Varela de Pereira aos 77 anos.
MAIO: Falece no
hospital de Santiago Manuela Rey Pazos (24 anos) solteira. Multa de 25 pesetas a José Iglesias Brandariz porque unha das súas fillas quitou un cartel sobre a "nova España" da fachada da súa casa.
XUÑO: Falece no
hospital de Santiago Manuel González Álvarez (75 anos) viúvo.
XULLO: Multados con 500
pesetas por atesourar moedas de prata Domingo Antonio Moar e Segundo Ferreiro del Río.
AGOSTO: Multa de 500 pts a Domingo A. Moar
por non descubrirse ao paso da bandeira e dicir palabras malsoantes ás señoritas
encargadas da recadación do Auxilio Social. Nomeado recadador de cédulas
persoais na zona de Ordes D. Jesús Gil Romaní. Consello de Guerra contra José Ríos Gómez (del Río Gómez?), acusado de
rebelión militar co resultado de cadea perpétua.
SETEMBRO: Peregrinación a
Santiago de Berreo de Arriba e de Abaixo. Multa de 100 pts a Antonio Martínez
Boquete por rexeitar de forma ameazadora o emblema do Auxilio Social. Multa de 200 pts a José Faya Fernández
por negarse a executar obras de hixiene nunha casa súa, ordenadas polo Fiscal
da vivenda.
OUTUBRO: Consello de
guerra contra veciños de Mesía e Ordes (Antonio Uzal Gaudeoso, José López
Regueiro, Manuel Cernadas Ares, Manuel Sanjurjo Manteiga, José Sousa Hermida e
Andrés García Sánchez). Accidente de tráfico no que morre Jack Caruncho. Morre
o día 23 na Coruña Alejandro Nine Fraga e é soterrado en Ordes. Morre Pastor Stolle*. Heroica morte
de Manuel Lois. Recóllense donativos para o Exército Nacional: 12 toneladas de
patacas e 481,25 pesetas en metálico. Multa de 2.000 pesetas a Pedro Álvarez por vender a prezos superiores aos autorizados. 500 pts a Emilio Pérez
Varela por pronunciar frases irrespetuosas para a Falange. 250 a Andrés Veiras Suárez e Andrés Varela Ferreiro.
NOVEMBRO: Multa de 50 pesetas a Antonio Maroño, Antonio Martínez, Antonio Carreiro e Carmen Mariño por "infracción de las normas del Subsidio Pro-combatientes en sus establecimientos". A mestra Francisca Cimadevila Anido enviada para a escola Nº 2 de Ordes.
*Pastor Stolle García (m.1937): xefe da oficina de telégrafos de Ordes e
Irmán de José Stolle, secretario en moitos concellos (Frades, Boqueixón, Padrón,
Enfesta, Coristanco...). Casou con Ángela Ramos Botana en setembro de 1912 e
tiveron dúas fillas: Ángela (que casou con Juan Liñares) e Elvira (con Rafael Álvarez Salgueiro).
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario