A ERA DO "EPICENTRO"
Se nos anos 70 triunfaba Órdenes 2000, os 80
foron dominados por Bariloche. En 1989 esta discoteca reinaba sen
discusión na noite ordense, acompañada por Tebras, os pubs tradicionais e un par de novas
incorporacións como Xanadú á beira do centro médico e sobre todo Bruxas*,
que foi o primeiro dos novos pubs sen mesas e con pista de baile chea (aínda
que a maioría só nos balanceabamos discretamente sostendo a copa).
A
movida era potente pero estaba circunscrita a Ordes e concellos veciños. Si,
había xente de Santiago, Coruña e outros lugares pero era unha pequena
porcentaxe, igual que había xente de Ordes que ía a outros lugares de cando en
vez.
O que ninguén sabía é que estaba a punto de
ocorrer un descomunal terremoto. Os empresarios Manuel López Cernadas
de Présaras e o nativo José Vázquez Becerra fixéronse cargo do local de Órdenes 2000. Sen
apenas cambios abriron o 9 de febreiro
de 1990 e o éxito foi total desde o primeiro momento. O que un par de anos
atrás fora unha decadente sala de festas agora era "lo último" en macrodiscotecas. O seu novo nome: LP45.
E ese éxito medrou semana a semana, tendo progresivamente
máis xente. En ocasións eran tan longas as colas para entrar que só deixaban
pasar 10 persoas de cada vez cando outros clientes saían. En 1997 LP45 cambiaría a un novo local propio
apenas a 50 metros
do antigo (que hoxe é o Eroski Center), local con 10 metros de altura, dúas
plantas e varias salas con distintos tipos de música e ata una zona VIP. O
cambio non a afectou para nada e LP seguiu
a súa marcha triunfal.
A gran prexudicada foi Bariloche que
languideceu un tempo ata que pechou mentres Tebras seguiu circunscrita ás
últimas horas da noite.
Pronto empezaron a aparecer moitos novos locais
aproveitando ese privilexiado emprazamento que ofrecía o Campo da Feira coa
súa gran superficie de aparcamento e a multitude de clientes, principalmente
atraídos por LP, pero tamén dispostos a beber e a gastar noutros lugares. Naceu
en 1991 O
Matadeiro, que tiña dúas mozas de empresarias, e que pronto cambiaría
de donas e de nome converténdose en Carpe diem*, un dos lugares máis alternativos. Na
Rúa do Muíño aparecen o Papaluz (1992), Desórdenes, Bambú... e a clientela continuaba
aumentando, así que seguiron nacendo intermitentemente outros locais tanto na
Rúa do Muíño (A
Bolera, o Tahití de Carlos Souto*) como na Rúa da Feira (Cervecería Zentrum,
La Cabaña del
tío Bob, Barmacia, Alta Tensión, Acero -este último foi o máis
grande cos seus 540 m2-, Aqua...).
Había algúns que non tiñan éxito, entón pechaban
e ao pouco tempo volvían a abrir con outro empresario e outro nome.
Así ata chegar aos 22 pubs (e moitos bares
que tamén acompañaban) a finais dos 90. Segundo
un traballador hostaleiro daquela época: "Los
pubs eran los mejor decorados y cuidados de la provincia junto con los de
Carballo y Laracha, pero a estos iba el pijerío coruñés y los porteros a veces
se ponían tontos con la imagen. Los pubs de Ordes estaban muy bien montados con
acero, madera, diseño, insonorización y buenos equipos de sonido".
Ordes era ideal para esa gran movida, unha
localidade céntrica na provincia cunha morea de locais concentrados en torno a
unha enorme praza con fácil aparcamento, sen mala fama, sen grandes pelexas nin
roubo de vehículos, en fin con "bo ambiente". Así que non é
extraño que os sábados normais houbera 10.000 persoas que podían subir a 15.000
en días de festa ou mesmo chegar ás 30.000 nalgunha noite de fin de ano.
Que era do Mesón mentres tanto? O ciclón LP barrera a Disil na Silva e a
Bariloche en Ordes pero Josfer era incombustible. Nacida en 1975 como
sala de festas, soubo adaptarse aos tempos e, a finais dos 80, deixou de
contratar orquestras pasando a funcionar como unha discoteca máis. Nos 90
capeou como puido o temporal tendo como día forte os venres (que non funcionaba
LP) pero abrindo tamén os sábados. Igual
que pasara en Ordes, á súa sombra apareceron establecementos como El Junquito,
Escala,
Tres,
Copeteo
e ata un bar con estufa, o Mesón Vello. Os fillos do fundador, José
e Fernando
Gómez Gómez (con só 24 e 17 anos en 1990), que rexentaban agora o local explicaban a súa capacidade de
resistencia: «Cando nos puxeron catro discotecas de golpe na zona tivemos que
reaccionar rapidamente. Instalamos un raio láser dos mellores que había en
Galicia. Custounos sete millóns de pesetas pero pasamos de non ter a ninguén a
meter mil persoas pagando entrada» (naqueles tempos o prezo das entradas, con
consumición, era de 700 pesetas para os homes e de 600 para as mulleres). Tamén
eran moi críticos cos pubs: «Son os parásitos das discotecas. Nós traemos
actuacións ou sorteamos un millón de pesetas. Eles non arriscan nada. Os clientes veñen
atraídos pola discoteca, pero logo marchan a percorrer os pubs, que por enriba
non cumplen os horarios e pechan ás sete, despois de nós, que temos que facelo ás
cinco».
A finais dos 90 o panorama da movida ordense era
luminoso pero xa se albiscaban algunhas nubes no horizonte. A principios da
década cando ían nacendo os locais, cada un aportaba algunha novidade. Había distintos ambientes que cubrían gustos
variados. Coa masificación, buscando gañar máis diñeiro, foron uniformizándose e
dirixíndose só á clientela maioritaria e máis nova. Desapareceron moitas mesas
e os lugares máis tranquilos, aumentou o volumen do son e a porcentaxe de música
"chunda chunda".
Se algún xa se cansara de escoitar centos de
veces "What is love" ou "The Rhythm of the Night", a cousa empeorou nos últimos 90 coa "Barbie girl"
de Aqua ou "We Like The Party!" de Vengaboys xunto con outras moitas insufribles
cancións que aparecían nos Boleros Mix e recopilacións similares. Si, foron oídos
moi castigados os daquela época ... e o que lles viña enriba!
O cambio de local de LP foi visto por algúns
como o inicio da decadencia da movida ordense en canto a calidade. A finais da década só había dous lugares realmente
distintos: O
Manisero coa súa música latina e La Cabaña del tío Bob ofrecendo
reggae. O resto era todo máis ou menos o mesmo. Pero a xente continuou multiplicándose
e enchendo Ordes durante outros 10 anos máis, tempos de movida descontrolada.
* Bruxas: Patrocinou e deu nome
a un notable equipo de fútbol-sala nos anos 90.
Carpe diem: Aínda cambiaría outra vez de nome,
chamándose O
Badulake.
Carlos Souto García (1955-2007).
No hay comentarios:
Publicar un comentario