No ano 1940
a voda máis destacada polo avoengo dos noivos foi a de Ángel Concheiro Iglesias
(1909-1993), o 4º fillo do médico forense Antonio Concheiro Rodríguez e de Asunción
Iglesias Rápela (dos Rapelas de Oroso) e, por tanto,
irmán do médico e alcalde Antonio Concheiro.
A noiva era Elena Blanco Abella, de 29 anos de idade, dunha
aínda máis distinguida familia de Corcubión. Baste dicir que o seu avó Pedro
Blanco Vázquez (m.1888) foi vicecónsul de Portugal nesa vila no ano 1851. O
segundo dos seus 7 fillos, Salvador Blanco Corbacho, o pai de Elena, foi
secretario do concello de Vimianzo, pero xa morrera en 1915 cando ela só
contaba con 6 anos de idade.
Deste xeito a voda, que se celebrou o xoves
29 de febreiro, non tivo lugar en Ordes senón na igrexa parroquial de San Marcos en Corcubión.
O sacerdote que bendeciu a unión foi don Manuel
Fernández Mayo, párroco de Rodís (Cerceda) que segundo El
Ideal Gallego dirixiu aos contraentes unha “emocionante plática”. A misa en cambio estivo oficiada por don Francisco
Sánchez Gómez, párroco titular de San Marcos, e foi moi lucida
porque a amenizou o organista de Fisterra tocando diversas composicións ao
longo da cerimonia.
Os padriños foron Antonio Concheiro Rodríguez, pai
de Ángel, e a señorita Rosa Abella, tía de Elena. Asinaron como
testemuñas Fernando Liste Mosquera Fernanducho, Manuel Mariño Vilela (ambos os dous amigos do noivo), o seu irmán Celestino Concheiro e o seu cuñado Enrique
Sánchez Martín, interventor do Banco de España en Santiago. Por parte da
noiva asinaron o alcalde de Corcubión José Trillo Rodríguez, o médico Arturo Ramón
Carrera, os seus tíos Augusto (secretario xudicial) e Benigno Abella
(comerciante) e un dos seus irmáns, o avogado Manuel Blanco Abella.
No lugar do xuíz municipal, que estaba
ausente, asistiu o de primeira instancia Elías Garillete.
Os invitados, “muchos y distinguidos”, foron esplendidamente obsequiados
na casa das tías de Elena. A continuación os xa esposos sairon de lúa de mel
para Vigo, Madrid e outras cidades.
Á volta vivirían en Ordes, en Alfonso Senra
76, e o seu matrimonio foi longo pero sen descendencia. Ángel Concheiro foi secretario de diversos concellos como Laracha, Mesía, O Pino... ata que nos 60 traballou no de Ordes. En 1965
foille concedida a distinción de Comendador da Orde do Mérito Civil. En 1967 pasou a traballar na Coruña,
primeiro como oficial maior do Concello e secretario interino, para rematar
logrando a praza en propiedade no ano 1969. Os anos 70 nos que o seu irmán
Antonio estaba na Deputación e el no Concello da Coruña foron os de maior poder
e influencia da familia Concheiro.
Xubilouse en 1977 e morreu en xaneiro de 1993 aos 83 anos de idade, estando
soterrado no panteón familiar do cemiterio do Piñeiro. Elena Blanco
aínda viviu outros 14 anos máis (m.2007)
chegando aos 97 anos de idade e os seus restos repousan na vila onde naceu,
Corcubión.
Aquel ano 1940 tamén houbo boas novas para a
rama dos Concheiro García, pois en decembro Gumersindo Garrido, representando a
Rosa Justo, nai do médico coruñés Máximo Cortizo Justo, pediu para este a man de
Mª de los
Ángeles Concheiro García. A voda xa tería lugar en xaneiro de 1941 na capela do Pilar en Santiago,
sendo padriños María Concheiro García,
irmá maior da noiva, e o seu marido José González Criado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario