Xunto a Saturnino Aller ou Alfonso Senra,
o médico Genaro González é outro dos grandes esquecidos da historia de Ordes.
Genaro González González naceu o 11 de agosto de 1912 en La Habana. Era fillo
de Gonzalo
González González (1875-1953), un betanceiro que con só 17 anos
emigrou a Cuba en 1892. Alí fixo unha gran fortuna e casou en 1901 con Ana González
Cabrera de la Torre (1880-1918), filla dun impresor de La Habana. Grazas á súa
privilexiada situación económica toda a familia viaxou a miúdo a Betanzos e alí
estaban en 1918, o pavoroso ano da
gripe, cando Ana deu a luz á súa sétima filla e morreu pouco despois a causa do
virus fatal.
Genaro alternou Cuba con Betanzos e, desde 1932, con Santiago onde comezou a
carreira de medicina.
En agosto de 1936 foi chamado a filas. Estivo no primeiro Rexemento Zamora 29
que combateu en varias frontes. Genaro foi ferido en Asturias dúas veces, na
man esquerda e no costado. Acabada a guerra onde alcanzou o grao de brigada,
cursou en Santiago o último ano de medicina.
Nos duros anos 40 chegou a Ordes como médico da Obra Sindical, institución que tiña unha clínica na calle Calvo Sotelo, hoxe rúa dos Lagartos.
Pouco despois aceptou ser alcalde. Hai que precisar que nesa segunda metade dos
40, coa guerrilla en plena loita, era un posto perigoso e nada apetecible. De
feito José Candal Vieites, alcalde de Mesía, morreu a mans dos Foucellas en
1947.
Genaro comezou no cargo o 7 de xaneiro de 1946 e estivo case catro
anos completos ata finais de 1950. Non foi demasiado tempo pero eses catro anos
contemplaron importantes avances. Para empezar, puxo orde na recollida de
tributos conseguindo reducir o déficit do concello e logrando que o orzamento
se achegase ás 400.000 pesetas da época. Genaro inaugurou a figura de policía
municipal, contratando a Alfonso Noya Bermúdez
Cachorro e a Francisco Casal Cajiao (m.1969),
paisano seu de Betanzos. Tamén contratou ao primeiro varredor municipal: Jesús Iglesias
Bello Jesús de Simón (1921-2014). A Fiscalía de Vivenda, labor
desempeñado por Joaquín de Juan Casas, vixiou o saneamento das casas
campesiñas. Finalmente, aínda que o proxecto da nova casa do concello viña xa
da época de Rafael Mariño, el foi
quen levou a cabo os trámites e recibiu finalmente o préstamo de 464.000 pesetas que
permitirían realizar a obra.
A finais de 1950, época máis tranquila, o
avogado Juan Liñares Castro
relevouno na alcaldía. Genaro dedicouse entón unicamente ao seu traballo como
médico.
Na súa vida persoal casou cunha tía do
coñecido Vicente
Rodríguez Couceiro Vicente da Sindical, coa que tivo tres fillas:
Beatriz, Marta e Susana González Rodríguez. Viviu en Alfonso Senra de aluguer
na casa de Manuel
Moar Pérez Manolo dos Ramos (1906-1975). A pesar dos seus
ollos afundidos e o seu aspecto sombrío que lle valeron que a mocidade daquela
época o alcumara o Drácula, foi, segundo os poucos que o lembran e cos que
falei, un home afable e un profesional competente.
A finais dos anos 60 marchou de Ordes e
instalouse en Carnota. Morreu en novembro de 1990 aos 78 anos de idade en Santiago.
A súa filla Marta é especialista en
obstetricia e xinecoloxía no Hospital Clínico de Santiago de Compostela e
profesora na Facultade de Medicina da USC.
No hay comentarios:
Publicar un comentario