domingo, 16 de julio de 2023

Peregrinación de 1948


   O luns 13 de setembro de 1948, un día nubrado, tivo lugar a peregrinación conxunta dos arciprestados de Berreo de Arriba e de Abaixo ata Santiago de Compostela. Moitos ordenses aínda ían apesarados pola morte dous días antes do seu antigo mestre Nicolás del Río.
  Nas súas reportaxes do día seguinte os xornais El Correo Gallego e La Noche (nos que apareceu a mesma reseña) daban conta de que o número de peregrinos era de 2.500, aínda que posteriormente outras fontes os reducirían a unhas 1.715 almas. Nada que ver cos números de finais dos anos 30.
  Presidiu a comitiva o arcipreste de Berreo de Arriba, antigo profesor do Seminario Conciliar de Compostela don Joaquín Andrade Orza. Portaban os estandartes a muller do alcalde de Ordes e o xuíz de instrución Mariano Rajoy Sobredo, que 7 anos despois sería pai do futuro presidente do goberno español.
  A ofrenda e lectura da invocación foi presentada "con gran fervor santiaguista" polo médico Genaro González González, alcalde de Ordes, e contestoulle cunha "elocuente plática de felicitación" o bispo doutor José Souto Vizoso.
  A misa foi celebrada polo arcipreste de Berreo de Abaixo e párroco de Numide e Parada don Jesús Sánchez Verdeal.
  Non faltou a típica foto nas escaleiras para inmortalizar o momento.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario