domingo, 21 de junio de 2020

1933: Vodas de sangue

  En 1933 García Lorca publicou "Bodas de sangre", un título profético para un mundo que ía cada vez peor.

  Alemaña asiste ao nacemento do III Reich. En xaneiro o ancián presidente Paul Von Hindenburg, a pesar de desprezar a Adolf Hitler, accede a nomealo chanceler. Só dous días despois este disolve o Parlamento. En febreiro o Reichstag resulta pasto das chamas. O goberno atribuíu a autoría ao Partido Comunista e decretou a suspensión da prensa marxista e o cesamento de todas as actividades dos partidos de esquerdas. Nas eleccións de marzo o partido nacionalsocialista arrasou con 17 millóns de votos fronte aos 7 dos socialdemócratas, os case 5 dos comunistas e os 3 dos nacionalistas. Pouco tempo despois abriuse en Dachau o primeiro campo de concentración e creouse a Gestapo. Hitler obtivo de Hindenburg a disolución do Parlamento e, a continuación, iniciou a detención de membros das organizacións socialdemócratas e comunistas. En abril tivo lugar o "Día do boicot" aos xudeus, seguido de leis que lles prohibiron a práctica da avogacía, a medicina ou o desempeño de cargos públicos. Concluíu o ano sendo o partido nazi o único autorizado.

  Tampouco ían moi ben as cousas en Asía. En marzo Xapón invadiu China e en maio tivo lugar a folga de fame de Gandhi para protestar pola opresión do goberno británico na India.
  En Estados Unidos en cambio houbo un sopro de esperanza. Franklin Delano Roosevelt, salvado polos pelos dun atentado, comezou a súa primeira presidencia e puxo en marcha o New Deal, que pronto melloraría o sombrío panorama económico, e a finais de ano derrogou a Lei seca que levaba 14 anos amargando ao país.
  E, como anécdota, 1933 viu en maio o renacemento da lenda do monstro do Lago Ness, que se vería reforzada ao ano seguinte coa aparición dunha famosa fotografía.

  Para España tamén é un ano crítico. Iniciouse coa revolta anarquista de Casas Viejas (Cádiz) que acabou de forma sanguenta. A mediados de xaneiro, entre este e outros sucesos, chegou a 100 o número de mortos pola violencia política. Isto supuxo unha gran presión para o goberno de Azaña que acabou dimitindo e sendo substituído en setembro por Alejandro Lerroux.
  Paralelamente a dereita foise reorganizando. En marzo apareceu Renovación Española e fundouse a Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA), presidida por Gil Robles. En outubro José Antonio Primo de Rivera fundou a Falange Española.
  Toda esta reorganización deu os seus froitos cando nas eleccións do 19 de decembro, as primeiras nas que puideron votar mulleres, gañaron os partidos da dereita. O ano rematou como empezara con outra insurrección anarquista en decembro que de novo fracasou, pero que deixou un saldo de preto de 80 mortos.
 
  En Galicia o Partido Galeguista celebra a súa 2ª Asemblea onde triunfa a tese de que son unha minoría directora na política de galeguización sen interese pola afiliación masiva "de xentes non formadas no galeguismo". Esta actitude elitista será rexeitada máis tarde cando se dean conta da necesidade do número para facer esixencias a Madrid. Ese ano instálase en Santiago de Compostela a 1ª emisora de radio (a 6ª española da empresa Unión Radio) grazas ás xestións do Comité pro-Estatuto. Será unha parte valiosa na futura propaganda do referendo.

  En Ordes a situación non era boa. A tensión era grande é as habituales liortas de mozos e veciños sumábanse agora as producidas por motivos políticos e por afiliarse ou non ás distintas organizacións, chegando aos atentados con bomba e ao intento de asasinato do sacerdote de Ardemil.
XANEIRO: Visita de Niceto Alcalá Zamora (fillo do presidente), catedrático da Universidade Compostelá invitado por José Concheiro García. Nova directiva da "Unión Mercantil" con Pedro Álvarez de presidente, Juan Linares (vicepresidente), Manuel Franqueira (tesoureiro), Manuel Sousa (contador), Manuel Mariño (secretario) e Julián Marcos (vicesecretario).
FEBREIRO: Mitin republicano con José Concheiro García. Aprobado o regulamento da Sociedad de Agricultores de Santa Mª de Barbeiros.
MARZO: Marcha de Ordes para Coruña o xuíz José Sánchez Guisande (1895-1959), que levaba desde 1922 na vila. Protestas da UGT e dos agrarios de Ordes, Ardemil, Encrobas e Cerceda contra o contratista do camiño veciñal de Mesón do Vento a Cerceda.
ABRIL: Uns 400 membros de asociacións de Ardemil e as Encrobas armados con fouces e paus presentáronse nas obras do tren en pé de guerra pedindo a exclusividade ou que unha parte importante dos contratados fosen de ambas as dúas parroquias (e organizacións). O motín rematou cun par de feridos. O gobernador mandou máis números da Garda Civil para que non se repetisen os feitos.
MAIO: Atentado con dinamita no Mesón do Vento contra os postes do tendido eléctrico da "Sociedad General Gallega". Toma de posesión do sacerdote Ramón Mosteiro Ferro, aínda que non chegará á vila ata xuño.
XUÑO: Parto de trillizas de Mª Blanco del Río, muller do xastre José Noval Corral. Unha nova sociedade, "Federación Agraria", ve aprobado o regulamento polo gobernador. Marcha Higinio Cambeses e Bernardo del Río será o novo director da Banda. Morre aos 72 anos José Fernández Varela, irmán de Ricardo (capataz de legoeiros e patriarca dos Fernández das Casillas).
AGOSTO: Fernanducho atropela a un par de persoas na beirarrúa. Breve parada en Ordes do republicano conservador Miguel Maura nunha xira por Galicia. Ataque a Pascual Couce Pico, cura de Ardemil. Crime nas Encrobas. Voda do avogado Juan Amigo coa súa curmá Mª Luisa Amigo. Elvira Troche, que cumpría 60 anos, cesada como mestra de Mercurín. Aprobado o regulamento da Sociedad Agraria de Leira.
SETEMBRO: Germán Doval é destinado como mestre a Ardemil 1 (O Canedo). Morre María Boquete Ríos, matriarca dos Martís do Casal.
OUTUBRO: Atentado contra a casa de Domingo Antonio Moar. Aprobados os regulamentos de sociedades agrarias de Lesta, Parada, Ardemil, Montaos, Pereira e Barbeiros.
NOVEMBRO: Concorrido mitin galeguista en Ordes cos candidatos Suárez Picallo, Martínez López e Manuel Bonet Fontenla. Mitin do Partido Radical en Tordoia no que falan Manuel Sousa Rey e o mestre Manuel Rubias.
DECEMBRO: Morre aos 64 anos o comerciante José Romero Faya, patriarca dos de Julián. Grave liorta no Mesón do Vento que rematou coa vida de Ricardo Prego.

No hay comentarios:

Publicar un comentario