En 1942
faleceron algúns personaxes destacados en Ordes, e o máis importante de todos
foi o máis temperán: en plena noite do 5 ao 6 de xaneiro, a familia Concheiro tivo un amargo agasallo de Reis: a
morte do patriarca, o médico Antonio Concheiro Rodríguez, con 65 anos de idade.
Antonio naceu en 1876 en Mesía. Era o 2º dos 4 fillos do alcalde dese concello, Benigno
Concheiro Porto e de Estrella Rodríguez Alonso. Antonio estudou
medicina na USC e xunto ao seu irmán maior Pedro, que era procurador, estableceuse
en Ordes.
Pedro
casaría coa rica herdeira Juana García Mouriño, con quen viviu onde agora podemos
atopar o supermercado Froiz, mentres
Antonio viviría xusto enfronte na casa que fai esquina coa Rúa da Canteira. Os
fillos de Pedro e Juana, os Concheiro García, eran máis coñecidos como os de Carballo
(pola tenda de teas que tiñan).
Antonio tamén fixo unha boa voda, casando en maio de 1903 con Asunción Iglesias Rápela,
fermosa moza da distinguida familia dos Rapelas
de Oroso. Con ela tería 7 fillos: Antonio, Jaime, Celestino, Ángel,
Asunción, Marina e Luis.
Por certo que o principal galeno de Ordes
naqueles tempos era o seu cuñado Manuel Iglesias, presidente e tesoureiro da "Xunta
de Médicos do Partido", mentres Antonio era secretario.
En 1909
foi nomeado subdelegado de medicina do partido xudicial e forense do Xulgado de
1ª Instancia de Ordes. Como forense nunca lle faltou traballo porque o número
de mortos en actos violentos era bastante alto. En 1918 superou o durísimo ano da gripe: contaxiáronse todos os
médicos de Ordes pero ningún morreu.
O seu prestixio era alto porque desde finais
de 1925 a
1927, tal coma un influencer ou un youtuber dos de agora, prestou o seu nome
para promocionar o viño doce "Sanson" en anuncios que apareceron no Ideal
Gallego e no Noroeste.
Paralelamente, Antonio Concheiro foi un
destacado membro da elite liberal que detentaba o poder político na comarca, ata 1923
baixo a sombra da figura de Saturnino Aller.
Logo da ditadura de Primo quedaría ao mando xunto con outros personaxes
da dereita local como o avogado Domingo
Antonio Moar ou o seu familiar Juan Liñares Iglesias. Nos primeiros tempos da República foi alcalde o seu fillo maior, Antonio Concheiro Iglesias.
En 1931 o dirixente anarquista Manuel
Rodríguez Matos deu un mítin en Ordes onde «criticó acerbamente al cacique máximo de aquella localidad, Concheiro
Rodríguez, y a los curas párrocos de Tordoya, Oroso, Santaya y Gorgullos,
dueños de vidas y hacienda bajo el pendón republicano».
Como xa dixemos, a morte sorprendeuno a noite
de Reis. O seu enterro tivo lugar o mércores 7 de xaneiro ás 11 da mañá e foi
un dos eventos máis concorridos daquela época ao que non faltou ningunha
autoridade militar, civil nin relixiosa. O corpo repousa no panteón familiar ao
lado norte da capela no cemiterio do Piñeiro.
Tres días despois, o sábado 10 de xaneiro,
apareceu publicado no xornal El Compostelano un panexírico
escrito polo coñecido doutor Devesa*, que por suposto ensalzaba
altamente a súa figura e do que rescato un par de párrafos.
«[...] Concheiro era el más representativo,
el prototipo del médico gallego, consagrado al cuidado de sus campesinos
durante todo el trayecto de su vida profesional. Por eso la montaña silenciosa
y solemne enmudeció de pena y dolor y se anegó en lágrimas de sincera
aflicción, en el adiós y en la despedida última. Lloraban las almas y lloraba el
paisaje transido de infinita amargura. Era que una vida, heroica y desvelada se
extinguía para siempre, y la gratitud florecía en lo íntimo de los corazones,
como un postrer homenaje. [...] Rindamos el homenaje debido de gratitud y de
admiración, al espejo ejemplar de médico, al Dr. Concheiro, que ejerció de un
modo paternal la medicina y en largos años fue consuelo y providencia de los
vecinos de Órdenes que hoy lloran su irremediable ausencia».
Non podo evitar engadir aquí a florida e hiperbólica nota que o
xornal El Ideal Gallego publicou o 6 de xaneiro de 1943, un ano
despois da súa morte:
«El
día 15 se celebrarán los funerales de aniversario por el alma del inolvidable
médico municipal don Antonio Concheiro Rodríguez, cuyos servicios no se olvidarán
jamás en esta comarca, donde se le recuerda con pena.
La Corporación municipal, que asistirá en pleno a estos actos, ruega a
todo el vecindario su presencia, a fin de conseguir del Señor un lugar de paz
en la bienaventuranza eterna, como premio a sus virtudes.
Y nosotros rogamos una oración a los suscriptores de este católico
diario por el eterno descanso del llorado benefactor de la humanidad doliente».
*
Manuel Devesa Quintáns (1890-1968): fillo do
notario Manuel Devesa Gago, estudou medicina na USC e especializouse en
enfermidades do estómago, fígado e intestinos. Tiña a consulta en Altamira 2
(Santiago) e traballou tamén no hospital. Con afeccións literarias, escribiu
numerosos artigos sobre variados temas.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario