martes, 29 de diciembre de 2020

A familia Patiño

  Os Patiño foron unha das familias distinguidas de Ordes no século XIX e primeira metade do XX, pero hoxe quedan poucos descendentes na vila. Moitos dos varóns foron funcionarios en distintos xulgados. 
 
  O patriarca foi no século XIX Francisco Eulogio Patiño Pérez, escribán do xulgado, ou máis pomposamente actuario e secretario do goberno do xulgado de Ordes. Foi un personaxe importante, cabaleiro da Real Orde de Isabel a Católica, e membro do comité do Partido Conservador no noso distrito. Unha das súas irmás, Balbina (1857-1930), casou con Emilio Sánchez Somoza Rey, da familia do Pazo de Marzoa. Do matrimonio doutro irmán naceron os Patiño Castro: Ramón (m.1918), que foi xuíz municipal en Ordes e logo notable avogado na Coruña, Concepción (mestra en Ardemil e Xavestre), Teresa e Isabel Patiño Castro (mestra en Callobre). 
  Dun primeiro matrimonio, antes de vir a Ordes, Eulogio tivo polo menos dous fillos: Ricardo e Encarnación Patiño Esparís. Morta a súa muller, casou de novo con Francisca Remuiñán con quen tivo cinco fillos máis: Amadeo, Francisco, Manuel, Purificación e José Patiño Remuiñán. Morreu o 12 de agosto de 1879
 
  Sabemos que Ricardo Patiño Esparís foi mestre (exerceu en Ordes e na Gándara de Oroso nos anos 20), viviu en Santiago e casou con Isabel de Castro García (m.1929) coa que non tivo fillos. Encarnación casou en 1899 con Antonio Platas Piñeiro (m.1904) con quen tivo unha filla. Amadeo tamén aprobou en 1907 o exame para secretario de xulgado e Purificación casou en Ordes no ano 1913 con José Fernández Uzal, secretario do Concello de Trazo. Esa voda foi oficiada polo coadxutor José Barreiro Uzal (dos Barreiros de fronte á igrexa) que era familiar do noivo. 
 
 
  O que nos interesa, Manuel Patiño Remuiñán (1891-1938), tamén foi secretario de xulgado. Estivo en Mesía en 1925, en Cesuras en 1930, etc. Casou con Manuela Blanco Vázquez (1900-1988), coa que tivo 8 fillos: Eulogio, Amadeo, Hortensia, Pura, Antonio e Lourdes, máis outros dous, Manuel (1926) que só viviu 8 meses e Esther que debeu morrer moi nova. 
  Manuel morreu aos 47 anos en decembro de 1938 na época da Guerra Civil. Nese momento xa faleceran todos os seus irmáns e só lle sobrevivían os seus dous medios-irmáns. Manuela, a súa muller, faleceu na Coruña 50 anos despois, en 1988. 
 

  Eulogio Patiño Blanco (1920-1980), o fillo maior -do mesmo nome co avó- que estaba na guerra cando morreu o seu pai, fixo carreira no exército e traballou de chofer na Capitanía Xeneral da Coruña. Casou con María Prego coa que tivo dúas fillas. 
  Amadeo (1921-2004) casou con Manuela Gago Noya (m.2020), irmá do garda municipal Gago, da Fraga da Galiña que traballaba como criada na Coruña. Viviron durante algún tempo na casa de Daniel en Alfonso Senra e os rapaces poñíanse na beirarrúa para oír a súa radio (que case ninguén tiña no lugar). Traballou de funcionario no Xulgado e tivo 3 fillas (Pura, Teresa e Eva) e un fillo varón, tamén chamado Amadeo, pero máis coñecido como Chicho, que casou con Victoria da familia Castro
  Hortensia (1922-2003) casou con Ramón Vidal Pintor, que desde 1950 foi secretario do Sindicato Provincial do Combustible. Os últimos anos viviron en Maceda (Melide). 
  Purificación (1923-2009) casou con Laureano Varela Uzal, un dos fillos do rico indiano propietario da Casa Maldonado en Poulo. Viviron en Santiago, aínda que ela pasou os últimos anos en Ordes na Rúa Rosalía. Tiveron unha filla, tamén chamada Pura que casou co odontólogo José González Bahillo, profesor da Cátedra de patoloxía e terapéutica dental da USC. Ela foi profesora de Bioloxía animal e rematou por especializarse tamén en odontoloxía. 
  Antonio (1930-1993), coñecido como Tucho, seguiu a senda familiar traballando no Xulgado Nº 1 da Coruña. Casou con Marina Barreiro Pérez coa que tivo dous fillos. 
  Lourdes (1934-2016) casou en 1964 en San Pedro de Mezonzo con Francisco Pérez Núñez co que tivo dúas fillas.
 
FONTE: José Ángel Torrecilla

4 comentarios:

  1. Excelente trabajo sobre la genealogía de una familia que conozco muy bien y que admiro.

    ResponderEliminar
  2. Me gustaría ayudarte a completar los nombres que faltan y también puedo darte una foto de Manuel Patiño Remuiñan y su esposa Manuela si es de tu interés

    ResponderEliminar
  3. Por suposto. Quedareille moi agradecido. Pode mandar eses datos e a foto ao meu correo: osvaldoguia@gmail.com

    ResponderEliminar