Cen metros ao oeste da N-550, no tramo de
subida que hai a uns dous quilómetros antes de chegar ao Mesón do Vento desde
Castrelos, podemos ver o pazo dos Carrucheiros. Casualmente, 400 metros ao norte
estivo ubicada a primeira torre da
familia Moscoso.
O pazo
é un edificio de dúas plantas cunha fachada duns 18 metros por 8 de
anchura. Os muros son de pedra do país, reservando os perpiaños a portas e
ventás, e o tellado é a catro augas.
No primeiro piso destacan o escudo familiar e unha galería de formigón
que debeu ser feita a principios do século XX pero que non desentona no conxunto. Está sustentada en catro grosos canzorros de granito máis antigos, similares aos que hai no pazo de Codeseda soportando un balcón tradicional, que tamén debía haber aquí antes.
Na planta baixa un alpendre pegado do lado
norte, o hórreo, as cortes, a eira e as leiras a corta distancia delatan a
ocupación campesiña dos propietarios e quítanlle esplendor fidalgo pero dótano
dun encantador sabor rural cheo de autenticidade.
Se o lado sur, que presenta un aplacado de
pedra sobre bloque, nos da a impresión de que foi cortado, é porque
efectivamente a edificación antigamente era máis longa. Foi dividida a mediados
do século XX, e as súas pedras foron compradas polo sacerdote don José
Fernández para a ampliación da igrexa parroquial de Ordes.
O fundador foi Bartolomé Pose, un descendente
do primeiro Pose coñecido, Juan Pose de Leis e Andrade o
Vello, señor da Casa do Barro no concello da Baña.
Arredor de 1690 Bartolomé Pose e a súa muller Isabel de Piñeiro fundaron a
casa dos Carrucheiros. O seu fillo Alberto foi clérigo en Ardemil e a herdeira
foi outra filla, Isabel Pose de Piñeiro que casou con Domingo de Lamas. Tiveron varios
fillos: Ventura, Carlos, Josefa e María. Recibiu o pazo Ventura Pose de Lamas que casou
con Francisca
Sanjurjo (filla do escribán Domingo García de Andrade e de Josefa
Sanjurjo, irmá de Andrés García de Andrade). Herdou agora o presbítero Andrés Pose de
Lamas que llo deixou á súa irmá Juana Posse de Lamas, quen viviu a principios
do século XIX.
A familia tamén tiña propiedades en Vilamaior
e Mesía. Benita Pose de Lamas, casada con Andrés Gómez de Rioboo e sogra de
Andrés de Miraz Ponte y Andrade viviu na freguesía de San Miguel de Filgueira
de Traba pero herdou do seu marido propiedades en Adrán (Vilamaior).
Alejo Pose de Lamas viviu no lugar de
Carballeira (San Martiño de Visantoña), e tivo un fillo chamado Jacinto. Outros
irmáns foron Sebastián (escribán), Antonio e Francisco que tamén usaron de
apelidos Pose de Lamas e Prego de Montaos. Todos eles eran fillos de Carlos Pose de Lamas Prego de Montaos e
Isabel Sanjurjo de Moscoso.
Non sabemos logo que pasou no século XIX,
pero nos anos 30 do século XX o lugar foi adquirido pola familia Iglesias, máis
coñecidos como os
do Rei. Concretamente os donos foron Manuel Iglesias Castro (1890-1980)
e a súa muller
Dominica Baiber (1902-1986). Hoxe residen no pazo Manuel Iglesias
Baiber e a súa muller Pilar García Fuentes.
FONTE: Foro de xenealoxía e
Manuel do Rei.
No hay comentarios:
Publicar un comentario