1946, o ano 1 despois da gran guerra,
estivo moi condicionado por ela. Xa nacera
a ONU en 1945 pero empezou a
funcionar en 1946. Eran entón 51 países entre os que por suposto non estaba
España. Creouse o Consello de Seguridade e elixiuse o seu primeiro secretario
que foi o noruegués Trygve Lie. Unha das súas primeiras resolucións en febreiro
foi proscribir ao réxime franquista e prohibir a súa entrada na organización.
En Alemaña
tiveron lugar os xuízos de Nuremberg contra os xerarcas nazis sobreviventes,
mentres na Europa do Leste baixo influencia soviética continuaron proclamándose
os réximes comunistas: Enver Hoxha en Albania e Josip Broz Tito en Iugoslavia
(xaneiro), Zoltán Tildy en Hungría (febreiro) e así sucesivamente. En marzo nun
discurso en Estados Unidos, Winston Churchill xa utilizou as expresións "Cold War" e "Iron Curtain" (cortina de
ferro, pero traducida ao castelán como Telón
de acero) que marcarían as seguintes décadas da historia mundial.
Doutra banda
Grecia e Italia seguirían camiños dispares: mentres en Grecia, despois dun
referendo vitorioso en setembro, reinou de novo Jorge II, en Italia pola contra
abdicou en maio o rei Víctor Manuel III e comezou despois a época republicana
tras outro referendo.
En Oriente
Medio independizouse Siria e aflorou o larvado conflito palestino israelí. No
extremo Oriente Filipinas independizouse de Estados Unidos o 4 de xullo, China
despois dun alto o fogo que durou 6 meses continuaba a súa guerra civil e a
finais de ano comezou a guerra entre os rebeldes vietnamitas comandados por Ho
Chi Minh e Francia e que acabaría 8 anos despois coa división do país.
En América
México viu como o PRM se transformou no PRI, o partido que gobernaría o país
durante décadas, o presidente de Bolivia Gualberto Villarroel foi linchado por
unha turba e, o máis importante para España, iniciou o goberno de Juan Domingo Perón en Arxentina.
1946
foi o ano do biquini e das primeiras computadoras e tamén foi ano de moi boas
películas: saíron The Big Sleep de Howard Hawks e It's a Wonderful Life de
Frank Capra, pero a que marcou a toda unha xeración foi Rita Hayworth en Gilda. En Francia Edith Piaf sacou ao mercado a canción La vie en Rose,
convertida logo nun símbolo de París e de Francia.
|
Para España foi un moi mal ano. Se desde o
fatídico 1941 fora mellorando
lentamente a situación do país, 1946 supuxo unha regresión e aumentou o número
total de defuncións a niveis de 4 anos antes e os mortos por cada mil
habitantes subiron dos 14,5 de 1945
a case 16.
Os prezos tamén medraron un 50 % con respecto a 1942. A principal razón, ademais da pésima colleita de 1945, era que as potencias gañadoras da 2ª
GM castigaron ao Réxime polo seu pasado apoio ao Eixo. Comezaban os
tempos do ostracismo e a autarquía.
A penosa situación danaba especialmente aos traballadores urbanos, así que xa en xaneiro a pesar do alto perigo volveron os conflitos en Barcelona. Houbo pau e cenoira: represión e castigo pero tamén unha prima para contentar algo aos obreiros.
En febreiro foi fusilado Cristino García Granda, quen loitara no bando republicano e contra os alemáns en Francia, onde
era considerado Heroe Nacional. A súa execución ocasionaría o peche da
fronteira entre os dous países, peche que duraría ata 1948. Nese mesmo mes D.
Juan de Borbón estableceuse en Estoril recibindo moitas adhesións, o que
preocupou fondamente a Franco. Poucos días despois o xeneral monárquico Alfredo Kindelán foi desterrado a Canarias.
Tamén foi o
peor ano da posguerra para o Réxime con respecto á guerrilla pois houbo máis de
1.550 accións armadas, aínda que caeron dez veces máis guerrilleiros e
colaboradores que gardas civís. Estas
accións apenas tiñan repercusión fóra da zona onde eran realizadas e cando se
coñecían eran tratadas pola prensa como delitos comúns de bandidaxe.
Neses momentos duros para o réxime Perón foi un balón de osíxeno concedendo unha liña de crédito a España que permitiu que puidese importar 400.000 toneladas de trigo arxentino.
O ano acabou
coa Resolución 39 da ONU excluíndo ao réxime franquista de todos os organismos
internacionais e recomendando a retirada de embaixadores. Franco respondeu ao
día seguinte cunha masiva manifestación en Madrid. A consigna era "orden, unidad y aguantar". O
malo é que quen tivo que aguantar foi o pobo.
Aínda así ese
ano creouse en abril o Patronato de
Apuestas Mutuas Deportivas Benéficas, predecesor do actual Loterías y Apuestas del Estado e os
españois puideron probar por 1ª vez o Licor 43, oír o triste destino de "La
Zarzamora" de Lola Flores e rir como nenos escoitando os versos de
"La vaca Lechera" de Morcillo, esquecendo a fame por un momento.
En Galicia a nova máis alegre foi o nacemento do Trofeo Teresa Herrera. Os primeiros participantes foron o Sevilla (campión de liga) e o Athletic de Bilbao (campión de copa) que cobraron 45.000 e 40.000 pesetas por xogar o 30 de xuño un partido que rematou 3-2. Tamén apareceu en Santiago o xornal vespertino La Noche, notable porque polas súas páxinas pasou toda unha xeración de novos escritores. Doutra banda en Cambedo morreron ou foron capturados varios guerrilleiros anti-franquistas.
E Ordes? Pois abriu Buyo a súa carnicería e...
XANEIRO: Novo alcalde, o médico de Betanzos Genaro González González, que durará catro anos no cargo. Morreu Generosa Rodríguez Boo aos 72 anos.
FEBREIRO: Morreu Pedro
Iglesias Rodríguez, pai dos Iglesias Prado de Merelle, aos 65 anos e, en Leira o mozo José Álvarez Bascoy aos 27 anos.
MARZO: O día 1 naceu Manolo de Xaniño. Multa de 2.400 pesetas a Purificación Ramos Insua, 2.100 a Manuel Veiras Ríos e 1.000
a Manuel Suárez Viqueira, Avelino Pulleiro N e a Manuela Campos Bouzas
por non entregar o cupo forzoso de cereais. Habilitado como oficial xudicial
Leandro Veiga López. Faleceron o avogado Manuel Mosquera Iglesias* e Lidia González Rúa de 23 anos, filla do carteiro
do Recreo César González Vidal.
*Manuel
Mosquera Iglesias (1871-1946) foi avogado e secretario xudicial. Era a perfecta definición de picapleitos
trampulleiro. Contábase que nunha ocasión pagoulle a un home para que fixera
un rego no medio das leiras de dous veciños e así animalos a litigar. Vivía
no sur de Alfonso Senra fronte á reloxería Alfonso e non estaba casado. Tiña
tres irmás: Modesta, Carmen e María, esta última casada con José Baleato Leal
de Seixán, Cabaleiros (Tordoia).
|
ABRIL: Multa de 1.000
pesetas a Ramón Prado Carnota por posesión e circulación clandestina de
cereais, pan e patacas. 2.000 a
José Ferreiro Rodríguez, 1.050
a Jose Varela e 1.000 a Manuel García Gestal e José Villaverde
Villaverde por non entregar o cupo forzoso de cereais. Na noite do 13 ao 14
sabotaxe no Canedo cortando postes da luz e do telégrafo. Morreu Manuel Corbelle Duro de Montaos aos 42 anos.
MAIO: O mestre Ricardo
Rama Blanco destinado á escola Órdenes 1. Posto en liberdade Pedro Rodríguez Gómez Pedro do Serrador.
XUÑO: Nas Encrobas
Andrés Seoane García dispara ao seu cuñado Manuel Loureiro Candal de 34 anos.
Abatido Antonio Recouso Boquete.
XULLO: Manuel Ponte
tomou o mando da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro.
AGOSTO: Pedida de man
de Blanca Margarita del Río. Julián Marcos aprobou o exame para ser proxeccionista cinematográfico. Morreu en Leira Jesusa Candal García aos 47 anos.
SETEMBRO: Consello de Guerra contra uns 20 colaboradores dos Foucellas, entre eles os muiñeiros José Mª Loreno? e José Graña Blanco (1900-1952) de Leira.
OUTUBRO: Eliminada a escola mixta de Ardemil
1. Faleceu Manuel Castro Castro o Ferreiro. Apareceu fusilado José Dasilva Bartolomé na Chousa Nova de Trasmonte. Morreu Antonia Golán García aos 34 anos.
NOVEMBRO: 2º Concurso de
calidade de patacas o domingo 3. Voda de Blanca Margarita del Río Carballido (da
farmacia de arriba) co tenente da Garda Civil Rafael Serrano Valls. Don Plácido Rodríguez Rodríguez, procedente de Carral, destinado como párroco a Beán. Multa a
José Amor Santos e 20 veciños máis de Ordes por entorpecer o labor de recollida
de cupos forzosos de cereais polo SNT. Atentado de Manuel Ponte en Vimianzo. Morreu Ramón Martínez Bello aos 57 anos.
DECEMBRO: Grave accidente
de tráfico no que falece Antonio Fernández Ramón, tío de Gerardo Fernández
Albor. O guerrillero Couto ferido no ollo nun intento de roubo. Morreu José
Ferreiro López, patriarca dos Ferreiros do Casal.
A poboación do Partido nese ano era:
Buxán 4.409
|
Cerceda 4.803
|
Frades 3.328
|
Mesía 4.198
|
Ordes 7.260
|
Oroso 3.231
|
Tordoia 3.707
|
Trazo 3.640
|
En 1946 os mestres de Ordes eran: María Candal Garaboa, Mª Concepción
Carreró Cerecedo, Manuel Delgado Criado, Antonio Fernández Roneres?, Vicente
Gómez Fontes, Mercedes Mosquera Ascart, Cira Rodríguez García e Manuel Vázquez
Álvarez.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario