sábado, 4 de junio de 2016

O Río Samo


  O río Samo nace na parroquia de Cabrui (Mesía) nos Montes da Tieira, a só 400 m do límite con Cesuras, Curtis e Vilasantar. Discorre serpenteando en dirección oeste uns 19 Km ata recibir ao seu principal afluente pola dereita, o río Traveso, que baña o oeste do concello de Mesía. Logo continúa en dirección suroeste facendo fronteira entre Frades e as parroquias orientais de Ordes (Vilamaior e Barbeiros). Os últimos 11 km viaxa cara ao sur polo leste de Oroso, tocando tamén a parroquia de Beán en Ordes.


  A súa lonxitude total é duns 44 km debido ás pronunciadas curvas do seu curso. Non obstante a súa cunca é duns 140 Km2 (menos da metade do Lengüelle) porque apenas ten afluentes de entidade.
  Sempre tivo fama de río moi troiteiro. Nos anos 20 chamábanlle "río millonario" porque o número de capturas era enorme (segundo relatos daquela época pescar 100 troitas no día era normal e algúns chegaban ás 200), pero xa nos anos 60 La Voz de Galicia referíase a el como o "ex-millonario". Non é que non houbera peixes, senón que os "goxeiros" (veciños que pescaban con cestos) e os "gancheiros" (os que deixaban os anzós polas noites) remataban con troitas adultas e crías polos altos prezos que lles pagaban por elas.
  Obviamente a situación actual xa non ten nada que ver con aqueles tempos. Hai unha zona libre de pesca que está no concello de Oroso e exténdese desde a parroquia de Calvente ata a de Ánxeles.
 

 Unha curiosidade: no século XIX chámabanlle Río Marzoa, como podedes observar neste mapa do Partido Xudicial de Ordes de 1849. Premede na imaxe para velo un pouco máis grande.

No hay comentarios:

Publicar un comentario