Na dura posguerra pasábase fame e o país tiña
necesidade de alimentos, así que o estado tentaba potenciar e mellorar a
produción agrícola por todos os (escasos) medios ao seu alcance.
En Galicia a pataca era esencial, de modo que
cara á metade dos anos 40 fixéronse habituais os concursos con premios á
produción e á calidade de patacas.
Nos concursos de produción había que
presentar a colleita obtida nunha extensión de polo menos un ferrado. En 1944 recibiron premios sete labradores
ordenses. Destaca o feito de que a maioría eran do Bidueiro, lugar
evidentemente moi fértil.
Fernando Conde Recouso* dos Condes do Bidueiro, obtivo un primeiro
premio de 500 pesetas porque logrou producir 51.250 Kg por hectárea. José Mariño García dos Lagartos foi o segundo con 250 pesetas de premio e unha
produción de 41.250 kg
por hectárea. Un terceiro premio de 150 pesetas correspondeulle a Manuel Varela
do Bidueiro con 36.250 kg.
Dous cuartos premios de 100 pesetas cada un tamén foron a parar ao Bidueiro,
sendo adxudicados a Jesús Gómez del Río e a Manuel Ríos Villaverde ambos os
dous con similar produción de 36.250
kg por hectárea. Manuel Mariño Vilela logrou 26.250 kg e con eles un
quinto premio de 75 pesetas, mentres Antonio Ferreiro Pérez Antón de Xan Ferreiro tívose que
conformar cun accésit de 25 pesetas polos seus 18.250 kg.
O primeiro concurso de calidade de patacas
destinado aos agricultores de Ordes tivo lugar o domingo 29 de outubro de 1944 no Pavillón do Paseo da
Ferradura en Santiago, sendo un dos actos programados dentro do Congreso
Agrícola de Galicia e contando coa presenza do subsecretario de Agricultura.
Os agricultores debían presentar lotes de
polo menos 25 kg
de patacas dunha soa variedade. Había 6 premios e 10 accésits. O primeiro
premio era de 200 pesetas, o segundo de 150, o terceiro de 125, o cuarto de 100,
o quinto de 80, o sexto de 60 e 10 accésits de 25 pesetas cada un.
O primeiro concurso celebrado na vila de
Ordes baixo o patrocinio da Cámara Oficial Agrícola tivo lugar o domingo 4 de novembro de 1945 na Alameda e puideron
participar todos os agricultores do partido. As bases e os premios foron os
mesmos do ano anterior. Nese concurso tamén se entregaban os premios do de
produción.
Eses concursos tiñan lugar normalmente algún domingo de
novembro (algunha vez en decembro) ata que nos
anos 50 deixaron de celebrarse porque a necesidade que os orixinara
desapareceu.
*En
1952 tamén levou un premio de 500 pesetas nun concurso de fomento de gando
selecto con participantes de toda Galicia, porque unha vaca súa chamada
"Roja" produciu 4.597
litros de leite en 382 días con 5,6 % de riqueza graxa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario