Velaquí
unha pequena historia do Mesón. Preme na ligazón e saberás algo máis da segunda vila en importancia do noso concello.
HISTORIA DO MESÓN DO VENTO
A historia do Mesón do Vento parece comezar nos anos 70 do século XVIII.
Ata entón a principal vía de comunicación da provincia
era o Camiño Real -o que hoxe denominamos Camiño Inglés- que pasaba por Bruma e Cabeza de Lobo, pero en 1764 comezou a construción do "Camiño Novo" (agora a N-550)
que fixo aumentar a poboación ao longo do seu trazado e, simultaneamente, provocou
un estancamento na área do camiño antigo.
É evidente que xa existía o lugar do Mesón do
Vento e é posible que xa houbese algunha casa con anterioridade, pero debemos
vencellar o seu nacemento como vila á nova ruta.
Máis
antiga que o Mesón é a aldea da Adina
na que se celebraba unha feira os terceiros sábados do mes que se converteu
nunha das máis importantes e famosas da provincia no século XIX, aínda que a
súa orixe é moi anterior (xa aparece mencionada no Catastro del Marqués de la Ensenada do ano 1750). A finais do século XIX abandonaría o seu emprazamento orixinal e pasaría a celebrarse na gran explanada do Mesón.
|
En 1822
o cartógrafo Domingo Fontán parou a
comer no lugar. No seu caderno escribiu en castelán "Mesón del Viento". Evidentemente xa había algún tipo de
establecemento para atender aos viaxeiros despois da temible subida de Herves.
En 1835,
durante a 1ª guerra carlista, unha partida de carlistas da zona de Sobrado
atacaba ás dilixencias no Mesón.
En 1846 edítase o “Diccionario de Madoz”. Nel méncionase o
lugar de “Mesón del Viento” pero sen
aportar ningún dato máis. Da Adina dise que tiña 3 veciños (casas) e 14
habitantes. A feira duraba seis horas e asistía xente desde 3 ou 4 leguas de
distancia -ata 20 km!-
basicamente para comprar gando, aínda que tamén se vendía gran.
Ao longo do século XIX o Mesón era un lugar de paso. Á metade de século constrúese
o camiño cara a Betanzos polas Travesas. Abundan as narracións de viaxeiros
contando como os rapaces mendigaban cando algún viaxeiro se detiña.
No ano 1905 sufriu un incendio a pousada onde paraban
as dilixencias. Afortunadamente só houbo un ferido.
Neses tempos a feira da Adina era tan famosa
e concorrida que atraía tamén a unha cantidade importante de xente de mal
vivir. Eran habituais os conflitos entre os asistentes: coiteladas, garrotazos…
e diversos delitos como roubos e moeda falsa (1891). En 1909, por exemplo, tres bandidos roubáronlle a un
tratante 528 pesetas!
En xaneiro de 1912 a feira da Adina aumenta a súa periodicidade, celebrándose tamén os primeiros sábados
de mes (antes da das Travesas) "sen impostos".
No ano
1915 o madrileño Alejandro Pérez Lugín publica "La casa de la Troya".
O
protagonista da novela pasa polo Mesón do Vento do que da unha pobre
descrición: unhas poucas "casucas"
negras e uns rapaces esfameados e sucios. Os estudantes da novela róubanlle
chourizos e pan á iracunda pousadeira que aínda así no perdeu cartos.
O éxito da novela e da posterior película fai
que o nome do Mesón sexa coñecido en toda Galicia.
Comeza a haber automóbiles e o número de
accidentes e avarías preto do Mesón é alto.
En 1921 incéndiase a casa chamada “A antiga”.
Houbo que intentar apagar o lume con terra por falta de auga.
A feira da Adina segue medrando. Pónselle un
imposto para comprar unha báscula pero o alcalde de Ordes, Manuel Rivas,
suprímeo en 1925. Nese tempo Antonio Ramos Insua era o máis rico propietario da zona.
Avecíñanse tempos duros. Os membros das
asociacións agrarias teñen conflitos cos non asociados e as dereitas coas
esquerdas. Todas estas tensións desembocarán na Guerra Civil de 1936.
Despois da guerra o Mesón sufriu as mesmas
penurias que o resto de Galicia e España. A economía da vila seguiu dependendo
da feira e da estrada N-550.
A emigración á Coruña, a América e logo a Europa foi a
única maneira para moitos de escapar da fame.
En 1946
o Mesón seguía sendo bastante pequeno. Había unha gran explanada onde se
celebraba a feira, algunhas casas na Folgueira e logo varias máis ao longo da
estrada nacional, entre elas as tres máis importantes: o mesón de Celsa, onde
paraban os autobuses, a casa de Armas ou de Raposo do lado norte e a de Hilario
(o estanco) que estaba máis ao leste.
Nos anos seguintes o Mesón foi medrando moi
lentamente. Nos anos 50 xa se fixera a estrada a Cerceda e un desnivelado campo
de fútbol ao seu carón.
Os anos 60 foron unha época de pequenos
cambios. O crecemento da vila viuse obstaculizado porque moitos dos mellores
terreos estaban en mans de dona Celsa Ramos.
En 1963
estableceuse a nova emisora de RNE (traída de Arganda) e a antena converteuse
na imaxe máis representativa da vila. Un ano despois, en 1964, erixiuse a igrexa en terreos cedidos por dona Celsa Ramos.
En 1967 unha avioneta francesa estrelouse e
morreron os seus tres tripulantes.
Nos anos 70 a feira da Adina sufriu a competencia da de
Ordes. Logrou gañar esa batalla pero non
puido coa dos cambios socioeconómicos do país. Hoxe só é unha fracción do
que en tempos foi.
A construción da Central Térmica de Meirama
a partir de 1974 foi un momento de
gran auxe económico e demográfico para toda a zona pero sobre todo para o Mesón
do Vento. Isto propiciu a creación en 1979 do colexio público, en gran parte
polos esforzos do profesor Roberto Forján. Este bo momento durou máis
de dez anos. En 1987 tivo que ser
ampliado o colexio debido á gran cantidade de rapaces que enchían as aulas.
Pero a mediados
dos 90 comezou a caída demográfica. O colexio perdeu alumnos, cousa que se
agudizou co traslado dos grupos de 7º e
8º ao instituto “Maruxa Mallo” de Ordes debido á LOGSE. Houbo protestas que non
serviron de nada.
En setembro do ano 2000 comezou a construción
da nave do campo da feira. No 2005 arranxouse todo o entorno e o Mesón do Vento
acadou -máis ou menos- o seu aspecto actual.
No hay comentarios:
Publicar un comentario