Desde, máis ou menos, o ano 2000 os
peregrinos que viaxaban polo Camiño Inglés puideron ver algunhas esculturas de
pedra ao seu paso pola parroquia de Ardemil, concretamente no lugar da Cruz, preto dunha casa grande e
solitaria con fachada de ladrillos (que desde 2017 é o Café bar Uzal).
Arredor do ano 2005 toparon cun espectáculo sorprendente: unha especie de vía de tren curvada sostiña dous antigos tractores. Inmediatamente o lugar converteuse no máis fotografado de todo o roteiro.
E... quen colocou ese rechamante deseño á
beira da estrada? Pois foron os membros da asociación "Castro da Croa"
como reclamo publicitario da súa Festa
da malla que se celebrou o verán do ano 2006 por primeira vez.
Cada ano esta bizarra exposición foi
aumentando con novas esculturas de pedra e outros elementos como unha estrutura
coroada por un dinosauro (xa desaparecido por causa das inclemencias
meteorolóxicas). No ano 2014
un dinosauro xigantesco con exterior de poliestireno, comprado en Vilagarcía, e
cuxo interior podían visitar os nenos, converteuse na nova estrela da
colección. Apareceu logo un avión (sen ás) e probablemente o grupo artístico aínda aumente no futuro.
Pero ... quen está detrás de todo isto?
O nome do responsable e propietario desta exposición de arte ao
aire libre é Orencio
Uzal López.
Orencio naceu en xullo de 1958 en Ardemil. Os
seus pais eran labradores e tiveron 5 fillos dos que Orencio foi o terceiro.
Ningún deles tiña inquedanzas artísticas, ao revés que el. Foi á escola ata os
14 anos e logo traballou no corte e transporte de madeira e montaxes mecánicos
ata que acadou un posto no Servizo de Limpeza da cidade da Coruña. Casou en 1987
con María
Lourdes Muiño Bouzas, coa que tivo dous fillos: Rubén e Alba.
A mediados dos anos 90, sobre 1994 ou 1995,
comezou a coleccionar vehículos e maquinaria antiga, unha das súas paixóns. De
feito ten un enorme almacén (tiven o pracer de visitalo) que volvería tolos
a Mike e Frank, os cazatesouros, porque Orencio só compra e non ten intención
de vender nada da súa colección. Non ten necesidade porque, aparte dos
rendementos do seu traballo tamén tivo a fortuna de que lle tocara nalgunha
ocasión a lotería.
Outra paixón son as esculturas de pedra. A maioría son
feitas por el, pero se ve unha allea que lle gusta moito tamén a compra se
pode. O seu mestre principal foi un artesán de Guitiriz
chamado Ramón
Villar. A maioría das súas esculturas foron feitas a medias entre os
dous: Villar poñíalle as marcas e el tallábaas logo. Emprega tanto ferramentas
de man como eléctricas (compresor radial, abuxardadora...) e os bloques de
pedra tráeos das canteiras de Parga en Guitiriz. Os temas xeralmente teñen
relación con Galicia, pero tamén hay algunha excepción como unha torre Eiffel. Dúas
das esculturas máis fotografadas, a parella de paisanos, non son da súa
autoría, senón dus artesán das Travesas.
Na actualidade Orencio continúa coas súas afeccións pero baixando un
pouco o ritmo.
En decembro do ano 2020, en plena pandemia, recibín un e-mail dunha
persoa descoñecida para min: Jo Farb Hernández. Resultou ser profesora universitaria de historia do arte e
pretendía incluír a Orencio nun novo tomo do seu libro "Singular Spaces". Xa estivera en Ardemil para
conseguir fotos e falar con el, pero non o lograra. Investigando, deu co meu
blog e contactou comigo para saber se eu tiña información sobre el.
Respondinlle que o coñecía porque fora mestre da súa filla Alba e que podía
falar con el e transmitirlle as súas preguntas. Visiteino en xaneiro de 2021
e este artigo é un resumo daquela entrevista que lle enviei logo a Jo Farb
Hernández (con algunha foto a maiores).
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario