martes, 19 de julio de 2022

O ano 1943

 

  No ano 1943 a guerra decantouse xa moi claramente cara ao bando aliado. Na fronte rusa rematou a batalla de Stalingrado en febreiro coa rendición de Friedrich Paulus. En xullo Alemaña volveu ao ataque en Kursk, a maior batalla de tanques na historia, pero as tropas soviéticas resistiron e a partir dese momento obtiveron unha supremacía militar que xa non perderían.

  No norte de África tamén foi derrotado o Africa Korps alemán. En xullo os aliados desembarcaron en Sicilia e, en setembro, fixérono na Italia continental, que se rendeu ás forzas anglo-estadounidenses o 8 de setembro. Só o norte, baixo un Mussolini xa completamente dependente dos alemáns, resistiría. 
  No Pacífico os xaponeses encadeaban derrotas: en febreiro retiráronse de Guadalcanal, en marzo a súa frota sufriu na batalla do Mar de Bismarck e en xullo perderon a illa de Saipan. 
  Quizais por esta deriva da guerra, 1943 foi un ano moi cruel: comezou coa execución masiva de xudeus por parte da Gestapo en Letichiv (Ucraína), continuou con bombardeos indiscriminados nas cidades alemás por parte dos aliados respondendo os bombardeos de Londres e Coventry, seguiu logo o levantamento e destrución dos Guetos de Cracovia e de Varsovia de marzo a maio, e a masacre de Changjiao (Hunan) en China onde morreron máis de 30.000 persoas. 
  En novembro tivo lugar a Conferencia de Teherán con Churchill, Roosevelt e Stalin tentando chegar a un acordo sobre as áreas de influencia de cada país logo da previsible derrota alemá. A conclusión é que a influencia chegaría onde chegaran os seus exércitos, o que provocaría unha auténtica carreira para ocupar a maior cantidade de territorio europeo posible. 
  A nivel máis anecdótico 1943 tamén foi o ano no que se inaugurou o Pentágono en Arlington, no que Albert Schatz descubriu a estreptomicina e no que Albert Hoffman experimentou os efectos do LSD.

  En España, que superou os 26 millóns de habitantes, a situación mellorou un pouco pero seguía sendo un país moi triste que comezaba a emitir o NO-DO e que a principios de marzo lembraba a prohibición de celebrar o entroido, prohibición que databa de 1937. Ese mesmo mes promulgouse a Lei de Rebelión Militar, pola que todos os delitos políticos serían xulgados en Consello de guerra. Con todo non faltaban puntuais momentos de alegría como a aparición da canción Raskayú que foi un gran éxito ese ano, aínda que non lle gustase moito ao Caudillo.
  O Réxime distaba de considerarse seguro. Continuaban os altercados entre as diversas familias, chegando a haber un atentado en febreiro contra un local da Falange en Madrid. Os monárquicos conspiraron -Manifesto dos 27-, buscando un regreso de don Juan de Borbón, pero Franco logrou contelos.
  E para complicar máis a situación especulábase cunha posible invasión británica. En agosto Samuel Hoare, embaixador inglés, entrevistouse con Franco e conseguiu que este retirase a División Azul da fronte rusa e que se comprometese a controlar a Falange. Estas promesas e máis o feito de que o Portugal de Salazar deixou utilizar as Azores aos aliados, descartaron a invasión.
  Ah! en xuño dese ano o Real Madrid gañou 11-1 ao FC Barcelona nun partido de copa, a maior victoria nun clásico e fonte de innumerables lendas. Tamén nese verán apareceu "El bosque animado" de Wenceslao Fernández Flórez.
  Para Galicia, se non contamos o preto que estivemos de ser campo de batalla, non foi un mal ano: en abril, mentres en Madrid aparecía o primeiro comercio de Galerías Preciados, inaugurouse a vía férrea Santiago-Coruña e en agosto a Escola Naval Militar en Marín, que anteriormente estivera en San Fernando (Cádiz). Ese mesmo mes Pedro Barrié fundou a empresa Fenosa. En Pontevedra naceu a Orquestra Poceiro, unha das máis famosas de Galicia nos anos 40 e 50.
 
  E... que pasaba en Ordes?
XANEIRO: Morreron a mestra Juana Caramelo* aos 75 anos, Andrea Barreiro* aos 48, e José Barbeito Veiras de Poulo, irmán do coadxutor don Domingo. Tamén morreu en Santiago o día 30 Antonio Varela Tojo. Manuel Vieites Vigo autorizado para abrir un serradoiro.

 

*Juana Caramelo Liste (1867-1943): mestra durante as dúas primeiras décadas do século na escola de Santaia de Gorgullos. En 1920 foi para a escola de Poulo. Estivo casada con  Bernardo García Suárez (1865-1938) que viviu no antigo Campo da Feira. Tiveron dúas fillas: Carmen, casada con Benigno Fernández Fernández, e Mª Milagros García Caramelo (1910-1986) que tamén foi mestra en Pereira.
*Andrea Barreiro Uzal (1894-1943): Era unha das fillas do rico comerciante e ex-alcalde Juan Barreiro Ríos. Casou co tamén comerciante Manuel Fernández Uzal, por certo membro do Partido Radical nos anos 30, co que tivo dous fillos: Manuel e Benito Fernández Barreiro.

 

FEBREIRO: Empezou a funcionar o Sanatorio Concheiro no edificio contiguo ao actual. Festa da Árbore presidida polo alcalde Mariño, o tenente de alcalde Verea e o secretario Ángel Concheiro Rodríguez (tío de Ángel Concheiro Iglesias).
MARZO: Morreron Carmela Álvarez Salgueiro, filla do farmacéutico, en Santa Cruz de Montaos, o ex-capataz de legoeiros Juan Mosquera Iglesias con 69 anos, e en Buscás José Martínez Ríos aos 57 anos e Pedro Presedo Vieites aos 71..
ABRIL: Inauguración da vía férrea polo mesmo Franco. Actuación do coro creado por Viriato o Vello ese mesmo ano.
MAIO: Morreu o día 18 Antonio Ramos Insua, propietario da pousada e home máis rico do Mesón do Vento.
XUÑO: Voda de Mª Jesús Moar, filla do avogado Domingo Antonio, co procurador e delegado de Abastos Carlos Ramón Ballesteros. Morre aos 68 anos o secretario do xulgado, procurador e ex-director do Banco de La Coruña en Ordes José Sánchez Somoza. José Mª Patiño Verea atacou cunha sacha ao seu cuñado Pedro Ares Calvo.
XULLO: Voda de Mª Carmen Verea Remeseiro co mestre José Bello Segade. Parricidio en Val do Dubra: José Ares Díaz, de 19 anos, matou á súa nai cunha macheta e soterrouna nunha leira de millo.
AGOSTO: O Conde de Altamira propuxo de sacerdote para Ordes a don Joaquín Andrade Orza. Tomaría posesión en xaneiro de 1944. Memorables festas patronais.
SETEMBRO: Peregrinacións do Arciprestado de Berreo de Arriba e o de Abaixo. Morreron Dolores del Río Botana, viúva de Fraga, aos 78 anos, Jesusa Vázquez Regos aos 28, e en Mercurín Manuela García Ríos aos 45.
OUTUBRO: Peregrinación a Santiago do Batallón do Tercio de Infantería de Mariña de Ferrol. O día 13 pernoctaron e fixeron misa e desfile en Ordes na honra de Manuel Lois. Saíron para Santiago o día 14. Pedida de man de Elvira Stolle para Rafael Álvarez.
NOVEMBRO: Motín contra o SNT en Tordoia.  Voda de Rafael Álvarez con Elvira Stolle. Morreu no hospital con 33 anos Mª Concepción Martínez Criado e en Leira Ángela Bascoy Pacheco, viúva de Francisco Pacheco Pedre, aos 65 anos.
DECEMBRO: O 31, último día do ano, morreu o avogado e concelleiro varios anos Jacobo Amor del Río. O seu enterro xa sería en xaneiro de 1944.
 
E non pode faltar a relación de multas:
XANEIRO: 500 pesetas a María Ureña Vila e 250 a José Mirás Gómez (pechar a deshoras os seus establecementos). 250 a Antonio Liste N e Francisco Rey Iglesias (escándalo).
FEBREIRO: 2.000 pesetas a Juan Calvo Pérez (venda de chaves de boca móbil a prezos abusivos). 1.000 a Manuel Pose Graña (tenencia de millo e venda a prezos abusivos). 250 Antonio García Varela (escándalo e blasfemia). 250 a Antonio Nouche Patiño (ter aberto o establecemento a deshoras).
MARZO: 25 pesetas a Carmen García Blanco (viaxar sen salvoconduto). 1 mes de arresto a Emilio Bermúdez Pedreira (infraccións na recollida de legumes).
ABRIL: 1.000 pesetas + incautación da mercancía e prohibición de comerciar en 3 meses a Pedro Fraga Rodríguez e 1.000 a Antonio Martínez Barros (infraccións na lei de taxas). 50 a María Moar Pérez (escándalo). 50 a Manuel Ríos Vilariño, José Ríos Vilariño e José Ríos Cabanas (escándalo e blasfemia).
XULLO: 8.000 pesetas a Juan Calvo Pérez* (compra-venda de ferro a prezos abusivos). 3.000 a Antonio Martínez Barros* (conducir madeira de forma clandestina). 50 a Manuel Liste Pena, Luis Caamaño Villaverde, Jesús Couselo del Río e Julio Caamaño Villasenín (embriaguez e escándalo na vía pública). 25 a Manuel Fuentes Noya (viaxar sen salvoconduto).
AGOSTO: 2.000 pesetas a Antonio Ferreiro Eirín (tenencia ilegal de fariña e elaboración de pan).
SETEMBRO: 2.500 pesetas a Ignacio López Pena (comercio clandestino e transporte ilegal de sola).
OUTUBRO: 1.500 pesetas a Manuel Eirín de la Fuente, 1.000 a Manuel Juncal e Pedro Graña Blanco (moer cereais ilegalmente). 1.000 a Andrés Blanco Calvo e Manuel Rama (infraccións da Lei de taxas). 25 a Leonor Gil Sanjurjo (viaxar sen salvoconduto).
NOVEMBRO: 5.000 pesetas a Antonio Ferreiro Eirín* (tenencia ilegal de fariña de trigo). 500 a Jesús Candal Fernández (ter xente embriagada e formando escándalo no seu establecemento a deshoras).
DECEMBRO: 25 pesetas a José García Rivas (viaxar sen salvoconduto).

No hay comentarios:

Publicar un comentario