A parroquia estivo habitada desde os tempos
máis antigos como testemuñan os tres castros que hai na Baixa e os restos
prehistóricos que se atoparon no coto do Mesón do Vento.
Da alta Idade Media ven o nome de Ardemil co
establecemento dunha "villa Ardemiri",
explotación agrícola propiedade dun tal Ardemirus, nome seguramente composto
polos elementos góticos hard ‘duro, severo’ e mêreis ‘famoso,
célebre’, ou sexa “célebre pola súa dureza”. Hoxe, honrando a memoria daquel
home duro, a mascota do colexio do Mesón do Vento tamén se chama Ardemiro.
A parroquia
formou parte da Terra de Montaos que o rei Alfonso VII doou á Igrexa compostelá en 1124. A
dificultade de gobernar tanto territorio desde Santiago e a necesidade de
recompensar os servizos prestados por algunhas familias nobres fixo que a
Igrexa lles cedera as terras máis alonxadas. Estes señores que inicialmente
aparecen sometidos aos arcebispos e que lles prestan xuramento de fidelidade,
aos poucos consolídanse nos seus territorios, amplían o seu poder económico e
social e, chegado o momento, opóñense a ese poder eclesiástico e combaten contra
el.
Deste xeito, a partir desta humilde
parroquia, formouse a poderosa linaxe dos Altamira.
A comezos do século XIV residía en
Ardemil o escudeiro Lope Sánchez Moscoso. O seu fillo Lope Pérez de
Moscoso solicitou licenza para levantar no castro de Morgade unha nova fortaleza e o arcebispo concedeulla, pero obrigándolle a tirar a antiga
casa familiar, a Torre de Moscoso.
Os Moscoso seguiron prosperando e no século XV acadan o título de condes de Altamira. A Fortaleza de Morgade foi destruída na revolta Irmandiña pero eles
desde o seu novo centro na Mahía seguiron subindo e converténdose nunha ameaza
para o poder do arcebispado. No Antigo Réxime Ardemil (xunto con Leira, Faramilláns, Buscás e Poulo) pertencía á xurisdición de Mesía, mentres as outras parroquias ordenses formaban parte da de Folgoso.
En 1607 Jerónimo del Hoyo nas "Memorias del
Arzobispado de Santiago" cita a Ardemil e Buscás, ambas as dúas con 63
veciños (uns 283 habitantes), como as máis poboadas do que logo sería o
concello de Ordes, aínda que As Encrobas con 110 superábaas dentro do
Arciprestado de Berreo de Arriba.
No Catastro
del Marqués de La Ensenada do século XVIII (1749) os habitantes declaran ser de señorío do
arcebispo de Santiago a quen lle pagaban os impostos. Había uns
90 veciños que cultivaban trigo,
centeo, millo miúdo, millo, liño, nabos e verzas
"gallegas". Contaban con
4 tabernas: no Canedo, na Piolla, en Cabeza de Lobo e en Mámoas. Esta última,
propiedade de
Francisco
Manteiga, tamén funcionaba como estanco e vendía tabaco. Había un
curtidor, Patricio Manteiga, e dous arrieiros de sal, Ventura Pardo e Sebastián
García. O sacerdote era Pedro Pablo Conde.
Así mesmo había unha
feira que
se celebraba o 3º sábado de cada mes no lugar da "
Adigna" con gran cantidade de gando e produtos como centeo,
millo, millo miúdo, liñaza e fabas.
Dita feira estaba a cargo de Francisco Gómez de Rioboo, veciño de S.
Martiño de Filgueira, e Andrés García de Vilamaior. Co tempo pasaría a celebrarse na vila do Mesón.
En 1764
comezou a construción do Camiño Novo
(actual N-550) que afectaría profundamente á parroquia: nacería o Mesón do Vento e os lugares por onde
discorría o Camiño Inglés irían
perdendo peso lentamente.
En
1826 o
Diccionario de Miñano di que había 66 veciños
(273 habitantes). 20 anos despois, en
1846, no moito máis fiable
Diccionario de
Madoz ascendían a 150 (
750 habitantes). Engadía que a pesar
de que o terreo era montañoso
"y en
su mayoría inculto" producían trigo, centeo, millo, avea, fabas,
patacas, outras legumes, hortalizas e algo de froita. Criaban todo tipo de
gando e tamén había caza de perdices, lebres e coellos.
A industria existente eran varios muíños
fariñeiros.
En 1835-36 aparece a nova división municipal. No proxecto inicial de abril de 1836 Ardemil
non figuraba dentro das parroquias ordenses, pero en xuño do mesmo ano quedou oficialmente integrada dentro do Concello
de Ordes.
Nesa época tivo lugar a primeira Guerra
Carlista que deixou algunha acción para o recordo. O 4 de agosto de 1835 a
facción do carlista Antonio López (natural de San Estevo de
Campo), ex-oficial do Regimiento de
Castilla, capturou a dilixencia no Mesón do Vento, matando a un tenente
coronel e levando varios reféns. O alcalde de Ordes mandou un oficio ao Capitán
Xeneral da Coruña, informándoo que López pagaba 4 reais diarios, pan, viño e
carne aos guerrilleiros que recrutaba. Ante este e outros feitos similares
o dirixente publicou un bando en novembro de 1835 declarando en estado de guerra
as zonas de Arzúa, Ordes e Santiago.
En 1853
ten lugar o terrible Ano da Fame.
Non é de estrañar que en 1876
Ardemil tivera 758 habitantes (só medrara 8 habitantes en 30 anos).
No século XX vai medrando a importancia do Mesón. En 1912 a
feira da Adina aumenta a súa periodicidade celebrándose dúas veces ao mes (os primeiros e terceiros sábados). O propietario da casa de postas Andrés Ramos Arán e logo o seu fillo Antonio Ramos Insua son os homes máis ricos da
parroquia, por diante de José Caamaño Gómez. Medra a economía e en 1928 xa había máis poboación que na
actualidade: 956 habitantes (4ª da comarca).
Ardemil foi un dos lugares onde máis se
deixou sentir a axitación campesiña.
Ata tres sociedades agrarias se constituiron: o Sindicato de Profesiones Varias y Campesinos
de Brea-Ardemil presidido por Francisco Candal Barbeito, La Harmonía
Campesina e La Defensa del Agro de Ardemil
domiciliada no Mesón do Vento, ambas as dúas presididas por Francisco Gómez Gaudeoso. Tamén foi unha das zonas onde se padeceron máis conflitos, especialmente no ano 1933, onde houbo
un atentado contra o sacerdote da parroquia Pascual Couce Pico.
O Alzamento ocasionou a detención de varios veciños de Ordes, entre eles José de la Iglesia Vilariño, natural da parroquia, e o seu fusilamento no cemiterio de
Boisaca o 8 de febreiro de 1937.
Ardemil foi un dos lugares onde houbo máis resistencia
anti-franquista.
O guerrilleiro Juan Couto Sanjurjo Simeón
(1917-1999) naceu en Mámoas. Resistiu
ata 1952, ano en que foi capturado. Logo sería condenado á pena de morte, conmutada
pola de 30 anos, aínda que obtería a liberdade no ano 1963. Os seus
familiares Bernardo
Couto Candal, Manuel Couto Sanjurjo e Maria Couto Candal foron procesados por “auxilio a la rebelión”.
Tamén outro veciño de Mámoas foi membro da 4ª Agrupación do Exército Guerrilleiro, José Candal Bouzas (1907-1990).
Dentro das accións da guerrilla tivo lugar en 1946 unha sabotaxe no Canedo contra os postes do telégrafo que lles
custou 4 anos de cárcere a José Candal Gómez,
Celestino
García, José Louro Garaboa, José Gómez Gómez, Jesús Louro Raposo e Lorenzo Louro Raposo, estes últimos integrantes do
cuarteto musical "Os da Fraga".
Nos anos
60 o Mesón do Vento consolidou a súa importancia. Instalouse na vila a antena
de RTVE e edificouse a nova igrexa (1964). Pola contra a zona rural seguía
vivindo no atraso como demostran as
fotos que alí tomou nesa década o etnógrafo danés Gustav Henningsen.
A construción da Central Térmica de Meirama nos 70 foi un momento de auxe económico
e demográfico para a zona. A finais dos 70 naceu o colexio do Mesón e xa se
tivo que ampliar nos anos 80.
No hay comentarios:
Publicar un comentario