Segismundo Viqueira, coñecido na súa
xuventude como Segis, Mundo ou Mundito (este
último alcume foi o que perdurou), naceu en Ordes no ano 1911.
De familia acomodada, o seu pai era o comerciante
-e tamén banqueiro- Antonio Viqueira
Fuentes (Antón de Simón) e a súa nai Josefa Ramos Botana (1882-1955), dunha rica familia dos Ánxeles (Oroso), emparentada por matrimonio cos Stolle e Castro.
Tivo 4 irmáns: Arturo, Mª
Carmen, Mª del Olvido e Clotilde (esta última morreu moi nova aos 28 anos). A familia vivía no que hoxe é Alfonso Senra 123, a
única casa de dous pisos naquela época na vila, onde tiñan un ultramarinos no
que despachou durante moitísimos anos a entrañable Mariquiña (filla da tecelá de
Vilar e irmá do tamén moi coñecido sancristán Antonciño).

Doutra banda tamén participou en obras de teatro, comisións de festas e ata foi concelleiro durante un tempo.
Casou con Mª del Carmen Verea Fandiño (1916-2011) coa que tivo 9 fillos: Mª
del Carmen, Antonio Antón, Arturo, Segismundo
Segis, Álvaro (morto aos 9 meses), Mª José Teté, Clotilde Tilita,
Manuel e Luis Ángel Viqueira Verea.
Dos anos 30 aos 50 (ata a chegada da Caixa de
Aforros de Santiago) só había dous bancos na vila: o Banco de La Coruña (o primeiro que se instalou, en xaneiro de 1931)
e o Banco Pastor (que se instalou en setembro de 1931 e do que sería director
Manuel Concheiro García, Manuel de Carballo).
Mundito foi o director do primeiro e seguiu
unha política de risco: prestou grandes sumas de diñeiro aos veciños, en moitos
casos sen ningún tipo de aval, só confiando na boa vontade da xente, o que permitiu
a moitas familias pobres de Ordes saír de apuros ou montar pequenos negocios.
Iso gañoulle o cariño e o recoñecemento do pobo.
En 1970 o Banco de La Coruña foi absorbido
polo Banco de Bilbao (hoxe BBVA).
4 anos despois morreu Mundito, o 8 de marzo
de 1974, aos 62 anos de idade. O seu
enterro, un dos máis concorridos da comarca, foi unha enorme manifestación de
dó popular pois era unha persoa enormemente querida.
Das súas 3 fillas só Mª José (1950-2021) vivía en Ordes, a
maior, Mª Carmen, está en Coruña e a menor, Clotilde, é enfermeira en Santiago.
Dos seus fillos varóns, Antón (casado con Clara Rodríguez) e Arturo traballaron
con el no banco e xa faleceron. Segis, personaxe popular na vila, morreu con 41
anos a finais dos 80. Manuel Viqueira Verea, casado cunha moza de Pepín, Carmen Amor, é o máis coñecido da
familia por ter sido alcalde nos anos 80 e dirixente do PSOE durante moito
tempo. Luis está casado con Mª del Mar Recouso.
Pouco despois da morte de Mundito púxoselle o
seu nome a rúa que facía esquina co Banco de Bilbao. Antonio del Río Sánchez Somoza o Chulito e o seu irmán Emilio herdaron eses terreos dun tío avó seu (tamén propietario do Pazo de Marzoa) que morreu sen descendencia. Foron os que os venderon e abriron a rúa. Durante moito tempo estivo
sen pavimentar e sen recollida de lixo o que ocasionou numerosas protestas
veciñais. Tamén a dirección obrigatoria cara á rúa Alfonso Senra foi polémica.
Finalmente en agosto de 2002, despois dunha remodelación de máis de 66.000 euros,
converteuse na primeira rúa peonil da vila. Fíxose coincidir a inauguración
cunha homenaxe da corporación a Mundito (e tamén ao zapateiro e escritor Víctor González Faya, ao que se lle dedicou outra rúa) con recepción oficial ás
familias.
No hay comentarios:
Publicar un comentario