domingo, 26 de junio de 2022

Homicidio en Senra

   En 1942 a parroquia de Senra (Oroso) foi escenario dun tráxico suceso, moi propio daqueles tempos de estraperlo.
 Para os máis descoñecedores da historia, debemos lembrar que nos anos 40 os campesiños víanse obrigados a vender as súas colleitas ao estado por unha retribución mínima, así que moitos deles escondían parte da súa produción para vendela no mercado negro onde conseguían prezos moito máis altos. Isto era frecuente a pesar de ser perigoso porque podía carrexar grandes multas e mesmo penas de cárcere.
 
 
Gaspar Regueiro Castromil, de 48 anos de idade, casado con Rufina Botana Astray sen ter fillos, era un dos máis acomodados labradores de Oroso. De feito, nos anos 20 fora alcalde do concello. Como tantos outros gardaba celosamente unha gran parte da colleita de cereais para o estraperlo.
 
  Ás 5 da tarde do día 6 de abril de 1942 catro homes descoñecidos presentáronse na súa casa en Senra, ofrecéndolle un trato irresistible que non podería rexeitar: compraríanlle 87 ferrados de trigo a 85 pesetas o ferrado -o prezo oficial non chegaba ás 15 pesetas!-, 20 ferrados de millo a 60 pesetas e 17 ferrados de fabas a 65 pesetas, en total algo máis de 10.000 pesetas, cantidade espectacular para a época.
 
  Gaspar aceptou o trato e coa achega doutros dous veciños, Manuel Carrillo e Gumersindo Botana, quedou en transportar a mercadoría ás tres da noite en tres carros ata a estrada de Oroso á Garabanxa, ao quilómetro 8, onde os esperaría unha camioneta que levaría a carga ata Santiago de Compostela.
 
  O que Gaspar ignoraba era que os estraperlistas non tiñan ningunha intención de pagarlle. Sería un roubo limpo e sen problemas xa que ademais se os campesiños o denunciaban tamén se acusaban a si mesmos. Deste xeito, cando a mercadoría xa estaba na camioneta, apareceu un turismo que disparou contra o vendedor e os seus acompañantes para que se asustasen e fuxisen.
  Así o fixeron Manuel e Gumersindo, pero Gaspar, vendo desvanecerse o froito do seu traballo, colgouse do estribo da camioneta desde onde vociferaba reclamando o seu diñeiro. Tanto a camioneta como o coche non pararon e Gaspar non resistiu. Un quilómetro e medio despois caeu á estrada e o turismo pasoulle por enriba. Cando os seus amigos o atoparon comprobaron con horror que estaba morto, coas roupas esnaquizadas e o cranio completamente esmagado. Os ladróns chegaron despois a Ponte Albar onde venderon a mercadoría que xa tiñan previamente tratada.
 
  Non lles durou moito a alegría (se a tiñan), en só 8 horas a Garda Civil de Sigüeiro e Santiago, grazas aos datos achegados polos vendedores detivo aos 7 culpables do homicidio.
  Os tres que ían no coche eran José Rodríguez Puga, o condutor, o seu irmán Daniel Rodríguez, quen efectuou os disparos, ambos os dous veciños de Avío, e un terceiro ocupante chamado Manuel Suárez García de 33, veciño da Rúa das Hortas 50. Os catro "compradores" eran Nicanor Fontao Pereira de 33 anos, natural de Lestedo (Boqueixón) pero domiciliado en Sar, Manuel Silva Ferreiro de 28, domiciliado na Algalia de Abaixo 5 e ex-funcionario de Correos, Francisco Caamaño Antelo de 38, natural de Negreira pero domiciliado na rúa Entrerríos 15 e Generoso Fraga Fraga de 42, domiciliado no Cruceiro da Coruña.
  Todos deron cos seus ósos no cárcere mentres Gaspar era soterrado no cemiterio parroquial de Senra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario