A desolación europea contrastaba coa situación nos USA onde aquel ano nacían Bugs Bunny, Tom & Jerry e o 1º «McDonald's» en San Bernardino (California) aberto polos irmáns Dick e Mac McDonald. Tamén era o ano onde Walt Disney estreou "Phantasy" e o do Pulitzer para John Steinbeck con "The Grapes of Wrath", concluíndo coa 3ª reelección de Franklin Delano Roosevelt.
En España, ademais desa entrevista de Hendaya que puido cambiar o destino do país, Franco enfrontaba dous problemas: por unha banda sentar as bases para o seu réxime e por outra loitar contra a mala situación económica.
Así, en xaneiro promulgouse a lei de Unidade Sindical que creou a OSE (máis coñecida como "Sindicato Vertical"), en febreiro restableceuse o Consello de Estado e en decembro naceu a organización Frente de Juventudes para adoutrinar á mocidade. Paralelamente continuouse coa represión (fusilamento de Lluis Companys en outubro) promulgando unha lei contra a masonería, o comunismo e demais movementos «que siembren ideas disolventes contra la religión, la Patria y la armonía social».
No ámbito económico España vivía as secuelas da Guerra Civil: o desabastecemento provocado pola cantidade de campos de cultivo arrasados durante a contenda e o illamento comercial máis a falta de diñeiro. A inflación (do 40 % en zona nacional, pero máis de 1000 % na republicana) arruinara a gran parte da poboación. Por enriba o clima non axudaba e a colleita de trigo dese ano foi de só 2,16 millóns de toneladas (cando antes da guerra chegaba aos 4 millóns). O goberno estableceu un ríxido control de prezos para os produtos básicos e, coma sempre que isto sucede, disparouse o mercado negro (o "estraperlo"). O 30 de setembro naceu a Fiscalía Superior de Tasas, organismo que foi o pesadelo dos comerciantes e campesiños durante a década dos 40, pero que non logrou nunca conter aquel mercado ilegal, propiciado pola fame, e que foi orixe de fortunas millonarias.
Pero nin nos momentos máis duros faltou algo de alegría: ese ano 1940 naceu a revista "Semana" e a xente puido ver "La Dolores" ou "La alegría de la huerta" (dúas películas de enorme éxito) e oír por primeira vez "El concierto de Aranjuez" de Joaquín Rodrigo.
En Galicia, que tiña entón 2,5 millóns de habitantes, comezaban os chamados con razón anos da miseria, agravados pola mala colleita de trigo. En abril prohibíase a venda e o consumo de carne os xoves, venres e sábados (agás a de ave) pero pola contra restableceuse o libre comercio de patacas. En setembro emitiuse unha "severa orden circular encaminada a la supresión del comercio clandestino de artículos de 1ª necesidad, vulgarmente conocido como estraperlo" que incluía vixiancia preto dos almacéns, comercios, etc. En outubro a Fiscalía Provincial de Taxas da Coruña recordaba aos comerciantes a necesidade de ter etiquetas cos prezos ben á vista. Claramente todas estas disposicións non lograron solucionar o problema, visto a enorme cantidade de multas que se emitían. Aínda así houbo algunha boa noticia como o nacemento da 1ª fábrica de Calvo en Carballo. Tamén se inaugurou "Radio La Coruña" cunha vella emisora Lorenz que fora usada en Salamanca e Burgos e que transmitiu desde o 30 de maio de 1940 (os estudios estaban na terraza preto do porto da Coruña e a primeira emisión foi unha gala no Teatro Rosalía coa actuación da Coral de Pontevedra e o pianista José Cubiles).
|
MARZO: 100 pesetas a Antonio
Rivas Couto Casabella (infracción no peche do establecemento). 100 pesetas a Juan Iglesias Rivas (exercer coacción e
blasfemia). 25 pesetas a José
Franqueira Recouso, Manuel Fernández Castro, Benito García Varela e Valentín Lois
del Río (escándalo).
ABRIL: 150 pesetas a Manuel Villaverde Veiras (venda de bebidas alcohólicas a menores). 100 a Domingo
Vieites Álvarez, marido de Ramona Faya (infrinxir a normativa de
transporte). 50 a
Modesto López Aparicio e Manuel Gómez González (viaxar sen salvoconduto). 50 a Andrés Martínez e 25 a Francisco Regos Golán
(Embriaguez).
MAIO: 100 pesetas a Purificación González Paredes
(escándalo e malos tratos). 50
a Benita Pena Martínez (embriaguez). 25 a Ángel Figueira Juncal
(levar os seus cans sen bozal).
XUÑO: 50 pesetas a
Antonio Álvarez Cotovío (levar viaxeiros
sen salvoconduto). 10 a
Manuel Linares Ramos, Manuel Viqueira Conde, Manuel Souto Gómez, Manuel
Manteiga Suárez e Rafael Moar Lata Tierra Tiembla
(viaxar sen salvoconduto).
XULLO: 100 pesetas a
Carmen Martínez, José Villaverde Veiras, José Ferreiro, Pedro Vieites, Manuela Vieites, Amalia Mirás, Etelvino Riande e
Josefa Bello, viúva
de Grela (venta de leite a prezo superior ao da taxa).
SETEMBRO: 200 pesetas a José
Gonzalez Louro (escándalo e blasfemia). 50 a Jesús Liste Caamaño
(escándalo).
NOVEMBRO: 250 pesetas a
Manuela Louro Garaboa e María Prado López (venda clandestina de xabrón). 50 a Rosario Gómez Gómez,
Jesús Vázquez N e María Veiras (escándalo).
|

No hay comentarios:
Publicar un comentario