A igrexa do Mesón ten varias particularidades:
é a máis moderna de todo o municipio e é a única que non ten a habitual
orientación leste-oeste. Así mesmo,
debido á súa recente data de edificación, tamén é a única que está construída
de formigón e ladrillo. Ademais cos seus case 22 metros de lonxitude e 185 m2 de superficie é a
segunda de maior tamaño, só superada pola de Santa María de Ordes. Ten planta rectangular cunha nave principal e unha ábsida algo máis estreita e coa cuberta a menos altura. O tellado é a dúas augas sobre a nave e a tres sobre a ábsida. Remata a fachada unha espadana de dous corpos que parece de pedra e que aloxa unhas campás elaboradas en Salamanca pola Casa Cabrillo.
No interior un arco carpanel separa a nave do presbiterio. Na parede deste hai un gran adorno feito de tres círculos concéntricos que representan o resplandor divino e algunhas estatuas, sendo a de maior tamaño unha imaxe de Santo André, a quen está dedicada a igrexa.
Nos anos 50 do século XX o Mesón do Vento, coa
súa posición privilexiada ao pé da N-550, superara amplamente en poboación á
capital parroquial Cabeza de Lobo, da que dista uns 3,5 km. Outros núcleos de
poboación do norte da parroquia están aínda máis afastados e naqueles tempos as
vías de comunicación eran bastantes malas, dificultando o acceso de moitos
fieis á igrexa.
Estas dificultades acabaron nos 60,
concretamente en 1964, cando se
construíu a igrexa e o cemiterio do Mesón grazas ás achegas económicas e ao traballo de
moitos fregueses. A achega máis significativa foi a de dona Celsa Ramos Insua
(1890-1977) que doou unha parcela lindeira co campo da feira. A orientación
norte-sur da devandita parcela determinou a da igrexa, por iso a cabeceira non
da ao leste (Xerusalén) como é tradicional.
Dona Celsa tamén impuxo a denominación de
Igrexa de San Andrés, pois así se chamaba o seu pai, Andrés Ramos Arán, e un dos
seus sobriños. Con todo, non sabemos a
razón, no Mapa Topográfico Nacional apareceu rexistrada como "Capilla de San Antonio". Como Google Maps
bebía na súa orixe do devandito mapa, tamén usaba ao principio este nome
erróneo ata que o cambiou polo máis simple de "Igrexa de Mesón do
Vento".
Polo que respecta á súa categoría, aínda que
normalmente só pode haber unha igrexa por parroquia e as demais son capelas,
neste caso hai unha especie de co-capitalidade coa Igrexa de San Pedro en Cabeza de Lobo. Por tanto a
de Mesón do Vento tamén ten a categoría de igrexa, e aínda que no seu nome
aparece San Andrés, o patrón segue sendo o mesmo que o de Ardemil: San Pedro.
Orixinalmente o edificio, que foi feito con
poucos medios, tiña o aspecto desamañado dunha nave de polígono, coas súas
xanelas e a fachada rectangular (se non contamos a espadana). O único que
rachaba un pouco esta imaxe era un soportal na fachada que permitía a algúns
fregueses gorecerse da choiva.
Ao redor do ano 1998, xa nunha época de bonanza económica, a igrexa foi remodelada,
dándolle un aspecto máis tradicional. Ademais doutros retoques cosméticos, as
xanelas pasaron a ter arco, a fachada foi recuberta de laxas de pedra e
cambiada á habitual forma pentagonal, e quitouse o soportal da fachada,
colocándoo na parte leste.
De paso ampliouse o cemiterio e cambiou de lugar o cruceiro,
que é moderno aínda que de aspecto rústico, afastándoo un
pouco máis da igrexa do que estaba nun principio.
Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario