miércoles, 28 de junio de 2023

O ano 1948

  En 1948 o clima de desconfianza entre os antigos aliados contra Hitler era notorio. Medraba o temor occidental polo cada vez maior poder soviético, evidenciado na revolución comunista de febreiro en Checoslovaquia. Así que en marzo, Bélxica, Francia, Luxemburgo, os Países Baixos e o Reino Unido asinaron o chamado Tratado de Bruxelas onde se prometeron mutua asistencia en caso de agresión. Sería o xerme da OTAN, que nacería o ano seguinte. Para evitar que a pobreza ocasionase que outros países fosen atraídos polo comunismo, en abril os USA asinaron o Plan Marshall de axuda financeira para a reconstrución de Europa. O 24 de xuño Stalin ordeou bloquear a entrada en Berlín, evento considerado como o inicio oficioso da Guerra Fría. Os aliados responderon cunha ponte aérea para alimentar á poboación famenta.  
  Doutra banda continuou a descolonización en todo o mundo. En xaneiro Birmania obtivo a independencia do RU, en febreiro foi a quenda de Ceilán (futura Sri Lanka). En marzo as últimas tropas británicas abandonaron a India. Seguiu habendo inestabilidade en Indochina, Corea e outros lugares. En decembro Cambodia foi a que se independizou de Francia.

  En maio David Ben-Gurion declarou a independencia de Israel e comezou a 1ª Guerra árabe-israelí. Ese mesmo mes estableceuse a República Democrática Popular de Corea (Corea do Norte), con Kim Il-sung como presidente.

  Pero quizais o suceso máis impactante dese ano fose o asasinato de Mahatma Gandhi polo fanático hinduista Nathuram Godse.
 
  Para España, a pesar da seca, non foi un mal ano. Por 1ª vez en todo o século XX non se superou a cifra de 300.000 mortos e iso que a poboación case chegaba aos 27,5 millóns de habitantes. 
  Ademais estaba a piques de rachar o seu illamento porque as tensións da Guerra Fría xogaban ao seu favor. Así, en febreiro Francia reabríu a fronteira común despois de levar dous anos pechada e na primavera firmáronse acordos comerciais con ela e co RU. O Réxime comezou con medidas positivas como decretar en xaneiro a suspensión da necesidade de salvocondutos para circular polo país ou suprimir o monopolio aeronáutico en febreiro o que permitiu o nacemento da compañía Aviaco. Así mesmo o día 26 de febreiro constituíuse o Consello do Reino, presidido polo tradicionalista Esteban Bilbao.
  Fóra do país os movementos da oposición ao franquismo estaban destinados ao fracaso. En agosto os socialistas de Indalecio Prieto e os monárquicos acordaron o Pacto de San Juan de luz. O que non sabían era que unha semana antes don Juan de Borbón tirara a toalla, entrevistándose con Franco no Azor e aceptando que o seu fillo Juan Carlos fose educado en España.
  Despois de 1947 os maquis estaban cada vez máis debilitados e ían caendo aos poucos. En xuño morreu nas rúas de Barcelona o cenetista arxentino Raúl Carballeira e en novembro foron executados os tamén cenetistas José López e J. González Puig. Pero ademais en outubro o propio Stalin "aconsellou" á Pasionaria, Francisco Antón e Santiago Carrillo un cambio táctico: había que abandonar a guerrilla e comezar o "entrismo" nas institucións do Réxime. Isto ocasionou a cruel ironía de que moitos guerrilleiros que non quixeron deixar a loita armada morreran a mans, non dos gardas civís senón dos seus propios compañeiros comunistas.
  Cos monárquicos "domesticados", desmoralizados os republicanos no exilio, derrotados os guerrilleiros e rachado o illamento internacional, Franco acabou o ano sentíndose seguro. Un síntoma disto foi o nomeamento dun secretario xeral para o partido único, cargo que estaba vacante desde 1945. Outro foi que desde abril se puxo fin oficialmente ao "estado de guerra".
  En 1948 apareceron "Viaje a la Alcarria" de Camilo José Cela e a película "Botón de Ancla". Tamén foi o ano da 1ª emisión de televisión (o 10 de xuño ás 12:45).
  En Galicia destacou 1948 polo reinicio da emigración. Ese ano houbo máis de 10.300 emigrantes, case a mesma cifra que os sete anos anteriores xuntos. Tamén se notou a decadencia da guerrilla, que sufriu duros golpes co desastre de Luou (Teo) en maio onde morreron 4 guerrilleiros e un garda civil do posto de Ordes e coa detención e posterior morte no garrote vil de Gómez Gayoso e Seoane en Novembro. Máis anecdoticamente a fundación en decembro do colexio "La Estila" en Santiago marcou a entrada do Opus Dei na nosa comunidade. En Arxentina Castelao deu o famoso discurso Alba de gloria.
 
E que pasaba mentres tanto en Ordes
Volveu ser un ano sanguento na comarca. Doutra banda desde o ano anterior funcionaba unha instalación para a condensación de leite con capacidade para tratar 350.000 litros ao ano. "La Marela" -tal era o seu nome- pertencía á empresa "Conservas Pompean SA".
XANEIRO: Voda en Parada de Balbina Casas (filla de José Casas) e Alfonso Pérez Graña. Morreu a mestra Manuela del Río Boo, 1ª muller do tamén mestre Ricardo Rama Blanco, e Concepción Varela Ferreiro en Poulo. Tiroteo nunha taberna de Oroso. A Garda Civil matou a Consuelo García Meijide en Senra, a Manuel Balado Fuentes na Fraga da Galiña e a Leandro Carrillo Cabanas preto da Grabanxa.
FEBREIRO: Morreron o cura de Barbeiros don Jesús Freiré Furelos e con 71 anos Clotilde Viqueira Fuentes, viúva de Sanchéz Somoza e tía de Mundito. 1º destino como xuíz de instrución para Mariano Rajoy Sobredo (pai do futuro presidente de España). Subasta pública do serradoiro do Mesón do Vento. En Queixas Modesto Insua Lapique (36 anos) feriu cunha fouce gravemente a Jesús Mosquera Liñares de 42 anos.
MARZO: Morto pola Garda Civil Rufino Garaboa Bello en Beán. Abatido en Carres (Cesuras) Antonio Nouche Costa o Soldado de Deixebre. 20.000 piñeiros distribuídos en Ordes con motivo da Festa da Árbore.
ABRIL: Acto de divulgación pecuaria para a mellora da gandería. Benigno López, ex-axente maiorista de Conservas Pompean fíxose cargo de "La Marela" (a leitería) de Ordes. Atentado contra varios postes de comunicacións en Guindibóo. Morreu aos 70 anos Josefa Pampín Bello, viúva do carteiro Pedro del Río. Faleceu en Buscás José Domingo Moar Gómez e en Mercurín o mozo Manuel Franqueira García con só 22 anos. Atopado morto no km 16 da estrada Ordes-Carballo Jesús Rodríguez, un mendigo de 60 anos.
MAIO: Voda en Santiago do notario Alfonso Leirós Fernández con Carmen de la Peña de Andrade Moreno. Morreu o garda civil do posto de Ordes Manuel Gardón Castro en acción e Ramón Abeijón Sánchez o día 21 con 50 anos de idade. En Beán morreu José Nouche Sánchez con 41 anos.
XUÑO: Pernoitou en Ordes unha centuria da Falange en peregrinación a Santiago. Peregrinación do arciprestado de Barbeiros.
XULLO: Aparatosa caída en Ordes de Dalmacio Langarica ao romperlle o manillar da bicicleta durante a VIII Vuelta Ciclista a España. Casimiro Prado Corral, chófer de autobús, ingresou no cárcere por un atropelo mortal. Donativo de 3.000 pesetas do gobernador civil ao matrimonio de Manuel Moar Botana e Josefina Veiras Martínez por un parto triple (e xa tiñan outros 3 fillos). Multado pola Fiscalía de Tasas con 1.000 pesetas Francisco Romero Rey. Morreu en Montaos José Gómez Naveira aos 52 anos.
AGOSTO: Inaugurado o servizo de autobuses á estación da Pontraga, cubrindo todas as chegadas. Morreu o panadeiro Marcelino Conde Recouso o día 19 aos 51 anos.
SETEMBRO: Peregrinación do Tercio Norte que fixo noite o 12 en Ordes. Peregrinación dos arciprestados de Berreo de Abaixo e de Arriba. Faleceron, en Sada o día 11 o mestre Nicolás del Río Castelo, e en Pontevedra Adolfo Garza Gutiérrez, marido de Amelia del Río Rey.
OUTUBRO: 4º Concurso de Calidade de patacas o domingo 24. Morreu Manuela Mariño Martínez, muller de Manuel Villaverde Veiras.
NOVEMBRO: Consello de Guerra contra 18 paisanos da comarca por pertencia ou axuda á guerrilla. Morreu en Buscás José Sánchez Mosquera aos 69 anos, en Leira Carmen Castro García e en Ordes con 9 meses Alvarito, fillo de Mundito
DECEMBRO: Marchou para Lalín o xuíz Mariano Rajoy. Morreu con 84 anos Josefa Pena García, viúva do antigo xefe do cárcere, familiar política dos Astray.

No hay comentarios:

Publicar un comentario