Podemos considerar 1952 como o ano do fin da guerrilla en Galicia xa que foron
abatidos José Galán e Manuel Ramiro, detido Juan Couto e tamén detido, xulgado
e executado o mítico Foucellas. Pero aínda houbo unha posdata en 1953 e foi o xuízo de Juan Couto.
O luns 6 de xullo de 1953 na sala de actos do
cuartel do Rexemento de Infantería Isabel la Católica da Coruña tivo lugar o consello de
guerra. Presidiu o tribunal o tenente coronel de Infantería Juan Batllé
Vázquez. Foron vogais os capitáns de Infantería José Domenech Arias,
Antonio Vázquez Blanco e Manuel Bethencourt Morales, así como o de Artillería Luis
Reija López. O vogal relator foi o capitán xurídico Fernando Bartolomé Martínez
e o instrutor da causa o comandante de Artillería José Santamaría Viso (o mesmo que
no xuízo de Foucellas). O fiscal foi o tenente auditor Jaime Hervada Fernández-España e o
avogado defensor o capitán César Silva fernández.
Asistiu numeroso público formado sobre todo
por parentes e veciños de Ardemil. Couto, de estatura máis ben baixa, ancho e
forte, presentouse ben vestido con chaqueta azul, pantalón gris e zapatos de
cor. Destacaban as súas lentes de sol que usaba para disimular a falta dun
ollo. Mostrouse nervioso ao principio pero logo acougou e contestou con
tranquilidade ás preguntas que lle formularon.
Aberto o consello, procedeuse á lectura do
sumario que incluía numerosos roubos pero só un delito de sangue: o asasinato
do párroco de Viós (Abegondo).
Xaneiro
de 1946: despois de estar en contacto coa guerrilla e auxiliar ao
guerrilleiro Remuiñán, o día 13 botouse ao monte e integrouse na partida de
Ponte. Ese mesmo mes participou no roubo de mil pesetas ao paradista Marcote
en Fervenzas (Aranga).
Desde
febreiro de 1946 participou en numerosos atracos: dobre roubo de 8.000
pesetas a Cacheiro de Precedo (Abegondo), 10.000 ao porqueiro de Landeiros (O
Pino) -que foi extorsionado en máis ocasións-, 10.000 a Baltasar de
Castelo (Trazo), 60.000 ao cura de Castrelo, 25.000 a Fidel Cacheiro...
Marzo
de 1946: disfrazados de soldados, desarmaron aos membros do Somatén de
Marcelle (A Baña) aos que subtraeron 9 fusís con municións e 14.000 pesetas. Roubaron
ao paradista de Gondar 40.000 pesetas e outras 25.000 ao alcalde de Cerceda.
Abril
de 1946: Couto reuniu a 14 veciños de Ardemil e o día 13 cortaron 18 postes
da liña telefónica, 14 de telégrafos e voaron ademais 2 postes de alta tensión.
En Negreira participou no asalto a un
sacerdote. Tamén no atraco a un veciño de Malpica ao que roubaron 25.000
pesetas.
Xuño de 1946: entran en casa de Jesús
Candal ao que lle esixen 4.000 pesetas que este non pode reunir. Marchan
deixándolle unha bandeira republicana ao seu fillo. Atraco a unha persoa
indeterminada á que roubaron 10.000 pesetas.
|
Novembro de 1946:
o 24 dese mes varios guerrilleiros asaltan a casa do párroco de Viós
(Abegondo), ao que sacaron ao patio e asasinaron.
|
Ano
1948: en Beldoña (Abegondo) a Garda Civil ten un encontro coa súa partida,
onde resulta ferida Carmen Temprano que os acompañaba.
Novembro
de 1951: Couto únese á partida de Galán e Ramiro coa que seguiu cometendo
diversos delitos ata a súa detención o 22 de xuño de 1952.
|
Interrogado Couto, declarou que o alcume Simeón foi unha broma e que os compañeiros sempre
lle chamaban o Couto. Botouse ao monte porque
axudara ao guerrilleiro Remuiñán e tiña medo de que o prenderan por iso.
Integrouse na partida de Manuel Ponte, na que tamén estaban Remuiñán e Nouche. Perdeu
o ollo o 13 de decembro de 1946 porque veciños de Oíns (Arzúa) lles dispararon
cunha escopeta cando ían buscando comida. Errou polo monte desconectado da
partida e facéndose as curas el mesmo. Sempre segundo as súas declaracións non
participaba nas accións da partida e os guerrilleiros axudábanlle e dábanlle de
comer. Manifestou sentirse coaccionado por Remuiñán que lle comentaba que o
matarían. Preguntado sobre se recibía cartos produto dos roubos dos
guerrilleiros, negouno (aínda que a súa sinatura aparecía nun recibo que levaba
enriba Nouche). Cando foi capturado na acción na que morreron Galán
e Ramiro el quedou na corte sen disparar.
O realmente relevante era dilucidar a súa participación ou
non no asasinato do sacerdote don Juan Díaz Manso (1900-1946). Este que levaba desde 1927 sendo párroco de San Salvador de Viós (e de Leiro que estaba anexa) foi tiroteado a noite do día 24 por varios guerrilleiros.
Afortunadamente para Couto, as testemuñas
declararon ao seu favor. Tanto a sobriña do cura como Manuela Carro, a criada,
non recoñeceron a Couto como un dos participantes no asasinato. Así mesmo o
xastre Antonio Varela e o labrador Manuel Barro, que estaban na casa do
primeiro e que se viron obrigados a levar aos asaltantes á casa do cura,
tampouco recordaban a súa cara.
O fiscal tentou establecer dúbidas, debido ao
tempo pasado (6 anos), a que o feito fora de noite e a casa estaba iluminada
por unha pobre luz de carburo, pero non o logrou.
Couto tamén recibiu o meritorio apoio de dous
veciños, Jesús
Bao e Manuel Louro. O primeiro aloxouno un ano despois da perda do
ollo e declarou que nese tempo se portara "marabillosamente" e non
tivo noticia de que fixese algo malo. O segundo afirmou coñecelo de toda a vida
e que sempre fora un "excelente
muchacho" e non tivera actividade política algunha.
O fiscal, obviamente, non estivo de acordo.
Pediu para el a pena de morte, 40.000 pesetas de indemnización para os
herdeiros do párroco, e a restitución das cantidades roubadas nos atracos.
Foi logo o turno do avogado defensor que
resaltou a boa conduta de Couto antes da guerra, que combateu logo cos
Nacionais (no bando franquista) e que mesmo tentou entrar na Garda Civil onde
foi rexeitado por escaseza de talla. Recordou que o seu pai fora detido e que
el escapou ao monte instado polos veciños que crían que tamén remataría no
cárcere.
- Couto
puede ser un engañado pero nunca un malvado - falou con dramatismo.
Recordou que os seus veciños de Ardemil tíñano por moi boa persoa e que non estaba probada en absoluto a súa
participación na morte do párroco de Viós. Só lle eran imputables delitos de pouca importancia, polos que pedía
unha pena de 12 anos e un día de reclusión.
Aínda que a pena foi de morte, a sentenza foi
conmutada de inmediato pola de cadea perpetua. Non obstante o Réxime xa non se
sentía ameazado e esa perpetua rematou por durar menos que o que pedía o
avogado defensor. En 1963 Couto foi
definitivamente liberado despois de pasar 10 anos nos cárceres da Coruña, Dueso,
Alcalá de Henares, Carabanchel e Guadalajara.
Morrería o 12 de outubro de 1999 en Buscás e
no seu cemiterio parroquial está soterrado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario