É a de maior extensión. Segundo a web do concello ten 20,48 km² (un 13% do total municipal), chegando a duplicar os números de máis da metade das outras parroquias. Tamén é a que alcanza maiores alturas, pois os 464 metros que hai no Mesón do Vento son a cota máis alta do concello. Desde ese punto o terreo descende suavemente cara ao leste e oeste e máis abruptamente en dirección norte. Case todo o seu territorio supera os 350 metros de altura agás a zona sur, denominada apropiadamente a Baixa de Ardemil, onde descende ata os 285 metros a carón do rego Portomanteiga.
Nas altas terras próximas ao Mesón teñen o seu nacemento numerosos cursos de auga, dos cales o máis coñecido é o Cabrón con dúas fontes, unha preto da Salgueira e outra da vila. Algo máis ao sur nace o rego Portomanteiga, un dos seus pequenos afluentes. No leste na fronteira con Abegondo temos o rego dos Outeiros que augas abaixo será chamado río Traveso (o principal afluente do Samo). No noroeste o rego Fonte da Pedra verte as súas augas ao Encoro de Vilasenín e no norte nace o rego do Canedo, único que non desauga no Tambre, xa que pertence á cunca do río Barcés.
Tradicionalmente as fértiles terras da Baixa de Ardemil estaban destinadas aos cultivos mentres o norte era unha especie de páramo cheo de matogueiras batidas polo vento. Hoxe predominan os pasteiros preto dos núcleos, con algunhas leiras de millo polo medio, mentres aumenta o arboredo (novas plantacións de eucaliptos) no que antes era monte baixo.
A poboación roldaba no ano 2000 os 1.150 habitantes pero sufriu un continuo descenso. No ano 2021 tiña 920 habitantes, dos cales case un terzo (285) viven no núcleo do Mesón do Vento, sendo o segundo en importancia a Brea (máis de 110). Estos números convértena na segunda parroquia máis poboada despois da de Ordes e por diante da de Montaos que ten uns 800 habitantes.
Grazas á súa extensión tamén é a que ten o maior número de entidades de poboación, 35 en total (o 15% do total municipal). Non se reparten de forma homoxénea: na Baixa de Ardemil hai varios núcleos tan próximos que é difícil discernir onde remata un e empeza o outro, no norte e noroeste están máis espallados e, pola contra, o leste está case despoboado (cun solitario núcleo na Barcula que conta cuns 30 habitantes).
LUGARES: Achán, Adina, Axáns,
A Barcula, A Brea, Cabeza de Lobo, O Canedo, A Carballeira, A Carreira, Os
Carrucheiros, O Castro, A Hedra, A Folgueira, A Fraga, Froxil, As Mámoas, O
Mesón do Vento, Morgade, Moscoso, Orellán, O Pazo, A Piolla, Porta do Nó, Porto,
As Raposeiras, A Reboira, A Salgueira, O Seixo, Xenarde.
|
A principal vía de comunicación que atravesa a parroquia é a N-550, grazas á cal naceu a vila do Mesón do Vento, lugar onde enlaza coa AC-523 cara a Cerceda e coa AC-542 cara a Abegondo e Betanzos. Unha das pistas locais é a que discorre polo antigo Camiño Inglés e atravesa a Baixa de Ardemil.
O Mesón do Vento (a capital oficiosa da parroquia), ademais da recente Igrexa de San Andrés (1964) cos seus
correspondentes cruceiro e cemiterio, conta cun colexio de Infantil e Primaria, campo de fútbol, tanatorio e unha
boa cantidade de comercios, oficinas bancarias, bares e restaurantes (O
Avelino, A Ruta, O Canaima) e un par de hoteis (O Canaima e o Mesón Novo). A
estensa explanada que hai no centro da vila foi sede dunha das feiras máis
famosas e concorridas da provincia, a Feira
da Adina, que hoxe só é unha minúscula fracción do que foi. Desde 1963
hai un repetidor da televisión pública española (RTVE) cunha longa e esvelta
antena que é a imaxe máis icónica da vila. Uns dous quilómetos ao sur, a carón da N-550 destaca o pazo dos Carrucheiros.
Na capital histórica e oficial, Cabeza de Lobo, atopamos os monumentos máis importantes: a Igrexa de San Pedro e o antigo cruceiro. 600 metros ao sur hai un par de bares (o Bar Porto e o Café bar Uzal) e o bizarro grupo escultórico de Orencio Uzal, fotografado por miles de peregrinos nos últimos anos.
A festa tradicional é o San Pedro, a finais de xuño, pero os ardemilenses son amigos das celebracións e nos últimos tempos contan desde 1999 coa Festa do Lacón con grelos no Mesón do Vento e desde 2006 coa Festa da Malla na Cruz de Ardemil.
Continúa en Ardemil (historia).
Grazas, Juan José!
ResponderEliminarExcelente traballo! Outra parroquia e xa quedan menos. Estarei atento á historia de Ardemil
Xa está subida tamén a historia de Ardemil. Un saúdo.
Eliminar