Joaquín Andrade Orza naceu no ano 1889 en Santiago no seo dunha
distinguida familia compostelá. Os seus pais eran Jesús Andrade Portas (1863-1939)
e María Orza Cereijo (m.1931), que tiveron dous fillos: Joaquín e Carmen. Esta última casaría en 1924 con Fernando Meléndez
García, oficial do Banco de España en Madrid.
Joaquín sentiu a vocación relixiosa e ingresou
na Universidade Pontificia en 1908, aos 19 anos. No ano 1915 obtivo unha bolsa
de graza (beca de gracia). En 1918
foi nomeado presbítero e xa en outubro conseguiu o seu primeiro destino como
ecónomo de Muxía, cargo que só desempeñou ata decembro cando foi nomeado
mordomo do Seminario. No ano 1922 acadou o doutorado en Dereito canónico e en
xullo de 1927 a
cátedra de latín, sendo un dos profesores máis novos da Universidade
Pontificia. En setembro de 1929 tivo a honra de inaugurar o novo curso escolar
cun celebrado discurso sobre "La
evolución histórica de la lengua latina".
Non comezou con bo pé a década dos 40, porque
en 1941 sufriu unha delicada intervención cirúrxica da que se restableceu
plenamente. En 1943 foi proposto
polo Conde de Altamira como párroco de Ordes.
A súa primeira misa na vila foi en febreiro de
1944, ocasión na que o acompañaron
numerosos sacerdotes compañeiros do Seminario. A súa primeira disertación aos
fregueses ordenses foi sobre a expresión "Pax vobis" (moi axeitada ao
momento). A súa figura delgada, menuda, con gafas e a súa gran cultura e
distinción tan alonxadas do anterior párroco, don Ramón Mosteiro Ferro,
causaron unha grata impresión na vila. De feito ata logrou ter unha boa
relación coa familia Concheiro García, notoriamente de esquerdas.
Ese mesmo mes de febreiro presidiu a Festa da Árbore e iniciou una recadación de fondos para o arranxo da igrexa parroquial. Acadada unha boa cantidade, as obras tiveron lugar no verán.
En maio dese mesmo ano o arcebispo Tomás Muñiz Pablos tamén lle concedeu a dignidade de arcipreste de Berreo de Arriba. Estivo
en Ordes uns doce anos.
En 1956
deixou a vila para iniciar unha nova etapa na súa vida. Foi nomeado coengo
da R.E.I. Colexiata da Coruña, posto que desempeñaría longos anos nunha cidade
na que viviría ata a súa morte. Esta tivo lugar o 16 de marzo de 1984 con 94 anos. Os seus restos repousan no
cemiterio de San Amaro (A Coruña).
No hay comentarios:
Publicar un comentario