martes, 11 de agosto de 2020

Manuel Pérez Rivas

  Como a inmensa maioría dos industriais e comerciantes a principios do século XX, Manuel Pérez Rivas, o segundo reloxeiro de Ordes (o 1º foi José Vázquez), tamén era forasteiro.

  Nacido en San Miguel de Castro (A Estrada) en 1878, era fillo de labradores acomodados, pois o seu pai percibía unha pensión de dous reais diarios concedida polo xeneral Prim por ter gañada unha Cruz de Prata. Cando só tiña tres anos a morte do seu pai supuxo perder esa pensión. Con grandes sacrificios a súa nai destinou mil reais para que el puidera aprender o oficio de reloxeiro.
  Manuel instalouse en Curtis esperando que a entón nova estación de ferrocarril provocase un crecemento económico. Non cumprindo as súas expectativas, trasladouse a Carral para acabar ao pouco tempo en Ordes. Aquí coñeceu a Aurora Graña Blanco, nacida en Leira en 1882, e fixéronse noivos.

  A familia Graña tiña unha maquía en Leira e un batán que funcionou ata os anos 60. Aurora, unha das fillas, traballou como aia dunha familia de Santiago. Mentres Manuel emigraba a Cuba, ela marchou a Buenos Aires onde entrou a servir á riquísima familia Unzué, de orixe vasca. Tiñan contacto coas máis altas autoridades e por iso Aurora colaborou ás veces nas recepcións da Embaixada española en Arxentina. Cos Unzué viaxou por varios países europeos e formou parte dunha comitiva que en Roma estivo na recepción do Papa.
  Despois de 11 anos! de relacións maiormente epistolares comprometeuse con Manuel, tamén por carta, e finalmente casarían por poderes no ano 1913.


  Instaláronse en Ordes nunha casa -no que hoxe sería Alfonso Senra 40, fronte a DIA- que Aurora comprara en 1912 a José Recouso del Río por 4.000 pesetas, despois do seu regreso a España. Alí viviron e alí tiveron aos seus 6 fillos: Manuel, Aurora, Adolfo, Alfonso, María e José Pérez Graña.
  Grazas a esa vida de viaxes Manuel Pérez era bastante culto e gustáballe moito ler, sobre todo xornais, revistas ilustradas e libros de viaxes.
  Durante a ditadura de Primo de Rivera moitos comerciantes e profesionais liberais substituíron aos vellos políticos da Restauración. Manuel nesa época foi xuíz de paz, fiscal suplente, e tamén pertenceu ao Somatén.
  En 1938 morreu a súa muller Aurora aos 56 anos e dous anos despois, o 21 de novembro de 1940, faleceu el contando 62 anos.
 
  Debido a que o seu fillo maior Manuel, tamén excelente reloxeiro, decidiu instalarse na Coruña e a que o terceiro, Adolfo, prefería a arte da talla de madeira, o herdeiro da reloxería de Ordes acabou sendo Alfonso Pérez Graña.
  Este continuou dúas décadas no norte de Alfonso Senra sendo o único reloxeiro de Ordes xunto con Ramón Ferreiro López (1892-1974). Logo instalouse nun edificio construído no adro da desparecida capela de Lourdes e compartido a medias con Kilé.
  Alí segue estando hoxe a Xoiería Alfonso.
FONTE: Antonio Pérez Casas

No hay comentarios:

Publicar un comentario