Bruma é unha
moi pequena parroquia (111
hectáreas , pouco máis de 1 km2) que pertence
ao concello de Mesía, do que está separada por territorio de Carral e Abegondo. É un lugar alto (entre 390 e 420 m sobre o nivel do mar) e
que xustifica o seu nome* cun clima húmido e habitualmente desapracible. O rego dos Outeiros, que máis ao sur é chamado río Traveso, serve de fronteira coa parroquia de Vizoño.
Conta cun
único núcleo de poboación: Hospital de
Bruma, que está a pouco máis de 1.200 m a voo de paxaro do Mesón do Vento e que
debe o seu nome ao antigo hospital de peregrinos aquí construído, o único
documentado nas terras interiores do Camiño Inglés tras os existentes en
varias localidades costeiras. Este emprazamento debeuse a que na Idade Media Bruma xa era o principal punto de encontro das dúas ramas do Camiño Inglés (procedentes da Coruña e de Betanzos), aínda que algúns peregrinos tamén confluían nas parroquias de Ardemil e Buscás (Ordes), ou
no lugar das Travesas (Carral) onde se atopan a capela e o cruceiro de San
Roque.
A zona debeu estar habitada desde tempos
prehistóricos, pois no Coto (entre Ardemil e Bruma) hai restos de mámoas. Tamén é posible que pasase preto a Vía XX romana.
Na Idade media comezaron as peregrinacións polo Camiño Inglés. En 1124
menciónase por estas paraxes a existencia de covas de ladróns que se dedicaban
a asaltar peregrinos e viaxeiros. Co obxectivo de atallar esta situación xurdiu
o hospital, impulsado pola Igrexa compostelá e a nobreza local, que fundaron
tamén os templos de Santa María de Braña Longa e San Nicolao, patrón dos
camiñantes. No lugar tamén se asentou unha comunidade de cóengos regulares de
San Agustín.
Está confirmada unha mención de 1175 deste hospital cando
xa dependía da Igrexa compostelá. Era lugar habitual de parada para facer
noite porque desde aquí podíase chegar a Santiago ao día seguinte.
Crese que nel fixo noite o emperador Carlos
I o 13 de abril de 1520, en viaxe desde Santiago á Coruña para
embarcar con destino a Alemaña onde sería coroado emperador.
Acostuma
considerarse como pertencente a este recinto hospitalario a actual igrexa de
San Lourenzo, á saída da aldea polo Camiño. Pero fóra diso non se conserva ningún outro vestixio del.
Ata o século XV a parroquia, xunto con Poulo e Buscás, pertenceu aos Señores de
Mesía. No Antigo Réxime era parte da extensa xurisdición de Mesía. En 1745 pasou
por ela o erudito Frei Martín Sarmiento
que cita o lugar como "Hospital de Bruño". En 1836 creáronse
os concellos constitucionais e Bruma xunto con Ardemil pasou a formar parte do
de Mesía. Ardemil rematou ao ano seguinte en Ordes, o que deixou a Bruma
illada do resto do concello de Mesía.
O "Diccionario
de Madoz" de 1846 di que tiña 15 casas cuns 65
habitantes. Hoxe segue habendo máis ou menos as mesmas 15 casas pero os
habitantes non chegan a 40.
O monumento máis destacado é a pequena igrexa de San Lourenzo na que resaltan
as súas escuras pedras. Como é habitual o cemiterio parroquial está ao lado. O
que non hai é o acostumado cruceiro porque foi derrubado a finais dos anos 60 e
nunca foi reposto.
Hospital
de Bruma dispón desde 1999 dun albergue público para peregrinos
en recordo do histórico establecemento doutros tempos. Desde 2016 os
peregrinos tamén poden comer en "Casa Graña" moi preto da
igrexa (e quizais no mesmo emprazamento que ocupou o hospital). En abril de 2021 abriu o "Albergue San Lorenzo de Bruma" de propiedade privada.
Camiñando apenas uns 300
metros pola estrada cara ao sur xa estamos na aldea do
Seixo, en terras de Ardemil.
* Non obstante, o nome Bruma non deriva da palabra latina bruma ‘inverno’, xa que nese texto do ano 1175 aparece escrito como "Hospitalis de Gruma", o que fai supoñer á profesora Dolores González que o nome viría dunha ferramenta dos agrimensores romanos e aludiría así a un nó viario.



No hay comentarios:
Publicar un comentario