Desde a aparición do Camiño Novo (hoxe N-550)
Ordes sempre foi un lugar propicio para os accidentes de tráfico. No ano 1937 o
máis grave e moi comentado polo nivel social das vítimas foi o que tivo lugar
en Leira o sábado 9 de outubro.
O capitán de aviación Eugenio Jack Caruncho, un heroe
do bando franquista que tivera unha destacada participación no Alzamento na
Coruña, viaxaba desde esta cidade no seu automóbil, acompañado da súa esposa Carmen Folla Leis,
a súa nai Arminda
Caruncho e unha sobriña de pouca idade, filla do procurador de
tribunais Domingo Sánchez Guisande e da súa irmá Josefina.
Xa en Leira o coche do capitán chocou
violentamente con outro vehículo quedando practicamente esnaquizado. Eugenio
Jack Caruncho morreu case instantaneamente, a súa nai quedou gravemente ferida e a súa
muller e sobriña (unha perna rota) tiveron lesións de menor consideración.
Inmediatamente achegáronse os veciños ao coche
e pouco despois os médicos que atenderon ás mulleres feridas. O cadáver do
capitán foi depositado no local que a Falange
tiña en Ordes onde estivo acompañado por familiares e personalidades de
Santiago. De aí foi trasladado ás 11 da noite ata ao domicilio do seu cuñado en Xeneral
Pardiñas 7. As súas acompañantes foron ingresadas no Sanatorio do doutor Baltar
onde as atenderon.
O solemne enterro tivo lugar ao día seguinte
ás dez da mañá (hora moi corrente naqueles tempos) na Igrexa de San Francisco e
a el asistiron todas as autoridades da cidade. O féretro foi levado ata o coche
fúnebre por varios oficiais, milicianos de aviación e familiares. No dó
participaban o alcalde de Santiago e diversos altos graos do exército. Tamén
estaba o seu irmán Guillermo Jack, capitán de Artillería,
procedende da fronte de Teruel. A comitiva foi desde Xeneral Pardiñas ata a
Porta do Camiño desde onde partiu ata a Coruña onde sería enterrado.
Non foron bos tempos para a familia Jack.
Outro irmán, Carlos Jack Caruncho capitán de Enxeñeiros, fora feito prisioneiro na
fronte de Madrid e fusilado ese mesmo verán e a súa nai Arminda Caruncho Pazos (viúva de Ángel Jack Ocampo), a pesar de que pareceu experimentar unha leve melloría, morreu o
mércores 13 de outubro como consecuencia dese accidente aos 59 anos de idade.
Ainda que se me revolve un pouco o estómago con este tema teño que aclarar que non era el quen conducía se non un chofer oficial. Seino ben pois a nena que visxabs no automóbil era a miña na.
ResponderEliminarAgradecido pola aclaración. No xornal que consultei non mencionaba ao chófer de aí o meu erro. Un afectuoso saúdo.
EliminarE Xeral Pardiñas non era o seu enderezo. Ese era o enderezo da miña avoa e do meu avó. Quen tiña un irmá que foi decano da faciltade de medicina de Zaragoza e que morreu en arxentina tras.longos años de exilio como moitas xente de ben.
Eliminar