A
principios do século XVIII a
principal vía que atravesaba a comarca de Ordes era o Camiño Real ou Camiño Inglés. As demais eran apenas corredoiras de mala morte.
O resto de Galicia e España non estaba moito
mellor, así que o rei Fernando VI e posteriormente Carlos III propuxéronse
crear unha nova rede de "rutas
majestuosas" para mellorar o comercio entre as distintas provincias do
estado.
O Real Decreto do 10 de xuño de 1761 (que foi aprobado
polo marqués de Squilace "Esquilache" -o do famoso motín-) determinaba
que estes novos camiños, seguindo o modelo francés, serían rectos (o máis
posible), anchos (máis de 19
metros) e sólidos. Serían financiados cun imposto sobre
o sal e, ao igual que en Francia, serían denominados "Caminos Reales".
Un deles sería o "Camino Real de Galicia" desde Madrid á Coruña, orixe da
actual N-VI, que en parte seguiría a Vía Romana XIX e que comezaría a
construírse en 1763.
Outro,
o que agora nos interesa, sería o denominado "Camino Nuevo de Coruña a Santiago" (consérvanse planos
do ano 1775 do enxeñeiro militar Fernando Gaver).
As obras que comezaron en 1764 e custaron 2 millóns de reais, cambiaron
para sempre a historia do concello de Ordes, pois o novo trazado afástabase de
Bruma, Ardemil, Buscás e Poulo para atravesar outros lugares como o Mesón do
Vento, Leira e Ordes.
Os construtores non tiñan o nivel daqueles
que ían coas lexións romanas, porque un informe realizado en 1776, apenas 12
anos despois, denunciaba o estado lamentable no que se atopaba a nova estrada debido
ás abundantes choivas e ás rodeiras dos vehículos.
Con todo era do mellor que había. A mediados
do século XIX, en 1850, Mellado dicía sobre os camiños galegos que eran “muy malos y difíciles, con el peligro de
los salteadores, que abundan bastante en Galicia, por las muchas gargantas,
encrucijadas y espesuras que en el terreno se encuentran a cada paso, y por la
cercanía a Portugal, donde se ocultan los malhechores en cuanto perpetran un
robo, burlando la persecución de las tropas”. Non obstante, había “algunas hermosas carreteras construidas con
el mayor lujo” e citaba como exemplo as que hoxe son a N-550 e a N-VI.
A vila de Ordes colleu gran impulso coa estrada. No século XIX, en 1836, foi nomeada capital do concello e do partido xudicial, o que aumentou a súa poboación e importancia. Medrou durante todo o século
XIX ao longo da estrada, que co tempo foi nomeada como "Calle Real".

A alegría por tal obra, levou a que o
concello cambiara o nome da rúa polo de Alfonso Senra e (de momento) aí segue.
Despois da guerra co 4º Plan Xeral de
Estradas (Plan Peña) a estrada pasou a denominarse N-550 (o primeiro 5 porque nace entre a N-V e a N-VI, o 2º 5 pola distancia
da Coruña a Madrid en quilómetros dividida entre 100, e o 0 porque é unha
nacional transversal e non radial -dirección Madrid-).
Non obstante a xente sempre lle chamou
"carretera de Santiago" ou "carretera da Coruña" e só a
partir dos anos 60 se popularizou -relativamente- a denominación N-550.
En Ordes iso daba igual. O que importaba era
o beneficio -e a animación- que traía á vila: establecementos hostaleiros como
o Nogallás, o Túnel ou o Bar Juanito fixéronse famosos en
toda a provincia e aproveitaron durante décadas este filón
comercial despachando cafés, comidas, pasteis e os populares queiques
aos viaxeiros.
Hoxe quizá non traia o mesmo beneficio, pero
indiscutiblemente segue a proporcionar vida -e atascos- á vila.
No hay comentarios:
Publicar un comentario