sábado, 25 de abril de 2020

San Pedro de Ardemil


   A igrexa parroquial de San Pedro de Ardemil áchase no lugar de Cabeza de Lobo. Esta situación, ao pé do vello Camiño Inglés, permite supoñerlle bastante antigüidade, pero a actual construción data dos séculos XVIII e XIX.
  É un edificio duns 19 metros de lonxitude por case 7 de fachada, en total uns 145 metros cadrados construído case por enteiro de cachotaría -pedra miúda- encalada, agás os esquinais e o frontis da fachada (ademais da espadana) que están feitos de cantería granítica coas xuntas pintadas de cor branca. No frontis hai unha sinxela fiestra.
  Aínda que ten planta rectangular duns 90 metros cadrados, detrás dela hai unha especie de ábsida (onde está a sancristía) que sobresae polo lado norte. O tellado a dúas augas está feito de tella curva do país.
  Unha curiosidade é que a pía bautismal está fóra da igrexa, a carón da fachada. Outra curiosidade é que a igrexa é moi parecida en  forma e estilo de fachada á de Santa Mariña de Parada, aínda que esta última é algo máis grande.


  No interior podemos ver un retablo barroco detrás do altar cunha imaxe de San Pedro no centro. Hai retablos neoclásicos con imaxes a carón das paredes laterais. No muro norte tamén hai dúas antigas inscricións de difícil lectura.


  O adro da igrexa ten algunhas tumbas ciscadas, os panteóns do vello cemiterio ao seu redor e unha botilla (onde se facían as autopsias) ao leste. Ao nordeste está a zona nova do cemiterio que linda co campo da festa. Ao seu lado, xunto a estrada está o notable cruceiro de Ardemil.
  Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes

No hay comentarios:

Publicar un comentario