Vicente Carnota, o mellor xornalista que deu
Ordes, foi bohemio, impulsivo, despreocupado e moi amigable, un carácter que o levou
a ter unha vida chea de problemas económicos pero na que sempre puido contar co
apoio do seu cuñado Antonio del Río
e, cando este morreu, co do fillo daquel, o sacerdote Leandro del Río.
Naceu en Ordes en 1855 e foi o 1º dos 6 fillos de Juan Carnota Calvo (1830-1905), procurador do xulgado, e Lucía Pérez Soneira. Aos 12 anos ingresou no Seminario de Santiago
rematando a carreira de filosofia, teoloxía e dereito canónico en 1879.
Non obstante non se dedicou ao sacerdocio, senón que preferiu ser mestre particular e facer colaboracións coa prensa. Casou con Dolores Crespo Puente (cuñada do doutor Gómez Ulla) que morreu moi nova, despois de ter catro fillos con el: Benjamín (n.20-04-1881), Lucía, Celia e Amador Carnota Crespo.
En 1893 lévao a Cuba, como preceptor dos seus
fillos, Luciano Puga (protexido
de Antonio del Río) que fora nomeado Gobernador do Banco de España alí. Pero un
día, paseando polo porto, dalle un arrebato e métese como polizón no
"Reina Mª Cristina" volvendo a España en 1895.
Xa de volta dedicouse ao xornalismo, sendo redactor en "El Anunciador" e "La
Mañana" da Coruña. O seu estilo era bíblico (poucas palabras e frases
contundentes) e causoulle varias polémicas. Cu inquedo, marchou a Vilagarcía
onde fundou "El Ciclón",
subvencionado polo escritor Lisardo Rodríguez Barreiro. Outra vez máis,
marchou a Caldas de Reis onde fundou "Fray
Prudencio", pagado por Laureano Salgado. Outros xornais nos que traballou foron "El Noroeste", "Diario de Galicia", "La Monarquía", "El Clamor de Galicia", "El telegrama" ...
A súa fama era notable pero a súa economía
estaba moi mal e tivo que volver a Ordes, á casa dos seus pais. En Ordes
colaborou co xornal "El Terruño"
de liña crítica co cacique Saturnino Aller. Logo, en Coruña, traballou en "La Voz de Galicia" polo mísero soldo de 125 pesetas mensuais. Don
Leandro del Río, o seu sobriño, entón párroco de Sta Lucía, levouno á súa casa
ata o ano 1912.
En 1912 o bispo de Jaca Antolín López Peláez visita Santiago e Carnota retoma a súa vella vocación sacerdotal. En outubro marcha con el a Jaca e alí foi ordeado sacerdote, pero cando o bispo foi trasladado a Tarragona, el tivo que volver a Santiago onde seguiu colaborando coa prensa
e dedicándose ao sacerdocio. Fixo amizade co escritor e avogado Narciso
Correal y Freyre de Andrade quen sería máis tarde o impulsor da 1ª gran homenaxe que
se lle fixo en Ordes.
Morreu a causa dun cancro de garganta o 6 de xullo de 1920 na casa do seu fillo Amador. Nesta casa, número 16 da Raíña, tamén vivira moitos anos o historiador López Ferreiro.
Unha anécdota que
ilustra o seu carácter: Xa quedara para ir a Jaca pero non se daba decidido,
así que o seu sobriño tomou cartas no asunto, mandoulle facer os traxes de
sacerdote e, despois de comer, vestiuno, afeitouno e fíxolle a 1ª tonsura.
Cando deron as tres da tarde, Carnota como todos os días, foi ao Café Oriental onde tiña tertulia
con Murguía, Tettamanci, Paumáu, Lugrís Freire, Carré Aldao, Ramón Vidal, Fernández Latorre...
Estes ao velo vestido así levaron unha gran sorpresa pois nunca lles comentara nada pero el por toda explicación só
comentou tranquilamente: "Son cosas de mi sobrino
Leandro".
Ordes honrou ao seu xornalista cunha gran homenaxe no ano 1925 (cando se colocou a súa estatua na alameda), outra máis pequena en 1955 (centenario do seu nacemento) e dedicándolle unha rúa na parte sur da vila.
No século XXI, en xullo de 2003, a asociación Obradoiro da Historia editou e repartiu dous mil trípticos coa súa biografía, o que permitiu achegar a súa figura ás novas xeracións de ordenses que o descoñecían totalmente.
FONTES: "Obradoiro da Historia", Antonio Rodríguez
Fraiz.
No hay comentarios:
Publicar un comentario