lunes, 23 de julio de 2018

Alfonso Noya Bermúdez

  Como pasa con outros moitos ordenses o seu nome e apelidos non nos dirán nada, pero se mencionamos que o seu alcume -en realidade o de toda a familia- era Cachorro entón xa todos os maiores saben de quen falamos: o primeiro policía municipal de Ordes. Logo houbo outros como Francisco Casal Cajiao Francisco de Betanzos, Manuel Gago Noya da Fraga da Galiña ou Manuel Villaverde Mosquera da Espenica, pero el foi o primeiro.

  Alfonso naceu en Parada en 1921. Os seus pais eran o legoeiro José Noya Boquete Cachorro (1892-1981) e Antonia Bermúdez Couselo (1893-1985), matrimonio que tivo 8 fillos varóns: Manuel, Ramón, Antonio, Alfonso, Pedro, José, Ramiro, e Horacio. Tamén tiveron dúas fillas, unha falecida aos 3 anos e outra, chamada Rita, que morreu nova en 1949.
  Nos anos 40, como a maioría dos mozos, tivo que cumprir coa obriga dun longo servizo militar de 44 meses. Á súa volta, en 1946 xa con 25 anos de idade, Alfonso, que era delgado pero moi alto para a época, foi contratado polo alcalde Genaro González como policía municipal. Comezou cobrando 165 pesetas mensuais. 

  Era unha "autoridade" e Cachorro tomaba iso moi en serio. Xa xubilado comentaba como lle doían as actitudes irreverentes: "O corpo xa non é o que era. Aos municipais agora tómanos de coña en todas partes". Claro, iso nos 80, porque nos 50 case ninguén ousaba enfrontalo. A súa soa presenza infundía respecto e temor, ata tal punto que unha vez meteu no cárcere a 50 persoas que volvían dun Teresa Herrera "por facer augas menores na vía pública" e estivo con eles nunha habitación (era o encargado do depósito de presos, que primeiro estivera no Edificio Ramos e logo na súa casa da Rúa do Muíño 6).
  Alí vivía, despois dun breve matrimonio con Rosa Caramelo (irmá do becerreiro Venturilla), coa súa segunda muller, Elvira Viqueira Veiras (1930-1997), procedente de Trazo e a irmá máis nova de Juan Viqueira, o propietario do coñecido "Bar Juanito". Con ela só tivo unha filla, Victoria. Ambas as dúas atendían unha tenda de flores.
  Durante a súa carreira Cachorro estivo ás ordes de 5 alcaldes: Genaro González, Manuel Verea, Juan Liñares, Antonio Concheiro e Manuel Viqueira. Gardaba o mellor recordo de Liñares e Concheiro, porque "naqueles tempos a vila estaba máis organizada".
  Nunha homenaxe que recibiu en agosto de 1989 tiña claro que era alguén que non lle gustaba a todo o mundo: "Creo que haberá xente agradecida polo meu traballo, pero seguro que moitos estarán contentos de que me xubilase".
  Apenas 3 meses despois, o 18 de novembro de 1989, aos 68 anos, faleceu e foi soterrado no cemiterio da súa parroquia natal, Santa Mariña de Parada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario