viernes, 5 de octubre de 2018

A familia Álvarez (farmacia)

  Os Álvarez Valdés foron a finais do século XIX e principios do XX una das familias máis ricas da vila pero hoxe non quedan descendentes en Ordes.  
  O patriarca foi Manuel Álvarez Valdés (m.12-03-1917), "acaudalado propietario" segundo os xornais da época, pois tiña moitas terras na zona sur da vila lindando coas de Fernando Liste (o pai de Fernanducho). De feito o apelido entrou na microtoponimia local porque esa zona denomínase Vilavaldés. Estaba casado con Ángela del Río Moar (m.20-08-1916) que, como non, tamén viña de rico berce.
  Eran ademais unha familia moi relixiosa (con especial devoción pola Virxe de Lourdes) que participaban en todo tipo de peditorios para arranxar imaxes sacras (tanto en Ordes como en Santiago) e sufragaron durante anos funcións relixiosas como a do Corazón Délfico. Tiveron 5 fillos: Carmen, Antonia, Manuel, Ángel e Pilar Álvarez del Río. 
 
  De Carmen só sabemos que morreu de moza o 28 de setembro de 1908.
  Antonia (m.1941) e Pilar Álvarez-Valdés del Río (usaban normalmente os apelidos do pai) quedaron solteiras e vivían xuntas nunha casa que estaba no que agora é Alfonso Senra 130 (ao lado sur da "Casa das medias"). Eran coñecidas como as de Valdés (ou as Valdesas). Xunto coa súa cuñada Mercedes pasaban media vida na igrexa.
                                                                                                         
  O segundo fillo, Manuel Álvarez del Río (m.1949) dono da farmacia de abaixo na "Calle Real" (logo Alfonso Senra 112). Casou en 1907 con Mercedes Salgueiro García, coa que tivo dous fillos, Rafael e Manuel, e unha nena, Carmelita, que morreu noviña en marzo de 1943. Mercedes faleceu en 1959 con 79 anos ao caer parte da galería da súa casa de San Roque en Santiago con ela dentro. Acababa de volver de oír misa na Catedral.
  Rafael Álvarez Salgueiro (1910-1974) continuou coa farmacia e tamén foi concelleiro e conselleiro local do "Movimiento". Non tivo fillos no seu matrimonio con Elvira Stolle Ramos (1916-1997), así que a farmacia quedou nas mans dunha sobriña, Mª Jesús Liñares Stolle (filla do alcalde Juan Liñares Castro e da única irmá da súa muller, Ángela). Hoxe a farmacia pertence á súa filla Mª Gemma Rodríguez Liñares.
  Manuel Álvarez Salgueiro (1911-1982) foi mestre. En 1940 deu clases no Canedo e, sendo xa algo maiores, casou con Amparo Iglesias de la Fuente (m.1989), filla de Pedro Iglesias Barral (Pedro de Hilario) do Mesón do Vento.
  Viviron ao lado do Bar de Hilario. Como tampouco tiveron descendencia case criaron como propio a Pedro Manuel Presedo Iglesias, fillo de Carmiña*, a irmá de Amparo, que quedara viúva e que era a que atendía o bar.

  Ángel Álvarez del Río (m.outubro 1926) foi médico en Santiago. Casou en 1907 con Sila González Tuñón de nai asturiana, mestra e directora da Escola Nacional do Hospitalillo en San Roque (Santiago), coa que tivo 7 fillos.
  Manuel Álvarez González (m.1974), o maior, seguiu a carreira paterna e foi un coñecido médico en Santiago. Laura, a 2ª, foi mestra como a súa nai. En 1937 casou co médico Luis Casais, moi admirado no Grove, lugar onde ambos traballaron e viviron.
  Agás Reinerio e Concepción que permaneceron solteiros e viviron xuntos no Hórreo, as irmás restantes casaron cun farmacéutico e dous prestixiosos médicos de importantes familias de fóra de Galicia.
 

* Carmiña de Hilario foi protagonista durante moito tempo dos cotilleos locais, por ser parte cando era viúva dun insólito triángulo amoroso cos curas de Mercurín (ao parecer o seu preferido) e o do Mesón do Vento, situación que tiña intrigados e divertidos aos fregueses dambas as dúas parroquias.

No hay comentarios:

Publicar un comentario