A tensión social en 1933 eran tan grande e os
actos violentos tan habituais que, cando naquel verán tivo lugar un crime na
parroquia cercedense das Encrobas, inmediatamente todo o mundo pensou que fora
por motivacións políticas, pero ao final resultou non ser así. Foi o produto de antigos
resentimentos persoais, que por desgraza remataron unha vez máis con sangue
derramado.
O suceso tivo lugar o 18 de agosto de 1933. A vítima foi Domingo
Campos Mosquera, un labrador de 35 anos, casado e natural do lugar
de Francelos nas Encrobas.
Aquela noite acudiu a un velorio onde
coincidiu cos seus veciños Manuel Candamio, Antonio Feito Vilamisar e Manuel
Rey Barbeito. Os tres estaban postos a mal con Domingo e xa tiveran un xuízo de
faltas en Cerceda que acabara nunha gran rifa entre as súas mulleres, o que
acendera aínda máis os ánimos. Así que sairon antes ca el do velorio e
esperárono na ponte das Carrás.
Probablemente a intención non era matalo pero
o caso é que a emprenderon a paus con Domingo, que quedou agonizante (morrería
ao día seguinte da hemorraxia producida por un golpe no cranio). Logo fuxiron
do lugar do crime pero, ben aconsellados por alguén máis sabio, acabaron por
presentarse ao xulgado de instrución do partido de Ordes e confesar o seu
delito. Alí ingresaron no cárcere.
O xuízo tardou máis de ano e medio xa que se celebrou
en abril de 1935 na Audiencia da
Coruña. Os homicidas foron defendidos polo avogado Manuel Iglesias Corral. O fiscal era José Gómez Naveira que pediu para Manuel
Candamio e Antonio Feito unha pena de 17 anos, 4 meses e 1 día de presidio por
estimar como circunstancia agravante a nocturnidade. Para Manuel Rey, que era
menor de 18 anos no momento do crime, pediu 10 anos e 21 días.
Aínda que hoxe pódenos parecer estraño, dado
que os acusados provocaran premeditadamente a pelexa e levaban unha forca de
ferro ademais dos habituais bastóns, o tribunal, como era bastante común na
época, absolveu aos condenados e rexeitou a revisión que propoñía o fiscal.
Non era país para brandos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario