domingo, 1 de enero de 2017

A familia del Río (farmacia)

  Xa temos comentado que a familia del Río Castro foi moi importante no Ordes do século XIX: Antonio del Río y Castro foi deputado provincial polo distrito e o seu irmán Ángel José alcalde do concello. 

  Do matrimonio de Ángel (1842-1897) e Josefa Boo Conde (m.1932) naceu Manuela del Río Boo (m.1948) que foi mestra. Casou cun dos seus antigos alumnos, Ricardo Rama Blanco (tamén mestre) e morreu sen ter fillos. Ricardo casaría logo coa tamén mestra Belia Ángela Fernández Fuentes, irmá do párroco, e tiveron un único fillo: Ricardo.
  Outro dos irmáns máis novos, Higinio del Rio y Castro (1852-1917), foi médico e chegou a ser director do Hospital de leprosos que había en San Lázaro (Santiago). Casou cunha dama da boa sociedade compostelá chamada Luisa Seoane Castrillón (m.1930) e tiveron tres fillos: Elena, Manuel e Santiago.

  Este último, Santiago del Río Seoane, estudou farmacia e montou unha en Ponte Ulla pero namorado de Josefina Carballido Pol (m.1926), fermosa moza ordense de distinguida familia -filla do farmacéutico José Mª Carballido (1854-1919), propietario da farmacia de arriba, e de Sofía Pol (sendo neta por tanto do notario Florencio Pol)-, veu a Ordes e casou con ela o 4 de setembro de 1912.
  Santiago foi un personaxe importante na vila de Ordes. No só foi farmacéutico, tamén foi  propietario e chegou a ser alcalde a principios da ditadura de Primo de Rivera, cargo que deixou en decembro de 1924 por non ser compatible co de inspector municipal e xefe do laboratorio químico.
  Durante a súa alcaldía o feito máis sobranceiro foi a creación da Rúa Directorio (hoxe Rosalía Castro). O procurador e futuro alcalde Manuel García Rivas e el mesmo pagaron do seu peto as expropiacións para a nova rúa. Este acto non é tan altruista como parece porque el era propietario de gran parte dos terreos (a zona norte).
  Morreu dous anos despois, en novembro de 1926 e o seu enterro foi unha gran manifestación de dó. A súa viúva deixou naqueles momentos a farmacia nas mans da licenciada María Ramos Gómez.

  O matrimonio só tivo fillas, concretamente seis: Luisa, Elena, Sofía, Mª Josefa, Blanca e Mercedes. Delas, Elena (m.1998) e Mª Josefa Maruja (m.1991), que sería a titular da farmacia desde 1947, permaneceron solteiras.
  Mª Luisa (m.2012) casou en 1941 con Valentín Beltrán Gudiel (m.1976), un dos moitos gardas civís noviños que chegaron ás vilas con cuartel para reforzar a loita contra os foucellas, e que en Ordes eran alcumados "jaimitos". O seu único fillo, Santiago, morreu moi novo en 1963.
  Sofía (m.1996) casou co avogado Jaime Concheiro Iglesias (m.1945), un dos varios irmáns do alcalde Antonio Concheiro, co que tivo un só fillo, Jaime.
  Blanca Margarita casou co tenente da Garda Civil Rafael Serrano Valls (fillo do tenente xeneral Serrano Montaner) e marcharon da vila cando el foi trasladado. Tiveron catro fillos: Rafael, Alberto, José e Jaime.
  Mercedes (m.2016) casou co veterinario Pedro Carrasco Arroyo (1927-2011) e tivo tres fillos: Mercedes (m.2022), Mª José  Maco e Pedro.

   Pedro Carrasco del Río estudou farmacia e foi o último titular da familia ata que a traspasou a Divina Pájaro Lago. Tamén foi concelleiro polo PP (mesmo soou como cabeza de partido en 2008) pero renunciou ao cargo en 2012.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario