viernes, 6 de abril de 2018

A familia Amigo

  Procede de Ordes a familia Amigo de Sigüeiro? Pois... non, pero si tivo unha gran relación co noso concello.

  Os Amigo do século XIX eran de Val do Dubra (antigamente "Buján"). En Portomouro viviu o rico comerciante Baldomero Amigo (1865-1948) que, casado en segundas nupcias con Celsa Lera Soloeta, tivo -nin máis nin menos- 15 fillos! (o 5º, Jacinto Amigo Lera -Chinto-, sería nos anos 70 un dos máis populares alcaldes de Carballo). A 2ª, Celsa, casou co médico de Sigüeiro Manuel Iglesias Romero (1897-1968), da familia Rapela, co que tivo 9 fillos.

  E a pesar daqueles 15 fillos de Baldomero hoxe case non quedan rastros do apelido no concello de Val do Dubra!

  Pero quen máis nos interesa é o seu irmán maior Celestino Amigo Oreiro (1858-1935) que foi un personaxe moi importante no distrito a principios do século XX. Celestino foi avogado e político (militou no Partido Conservador) e en ambos os dous campos destacou: chegou a ser xuíz en Ordes (1900) e deputado provincial tres veces. Tamén foi candidato a Cortes nalgunhas ocasións (en 1898 estivo cerca pero non resultou elixido). Nunca abandonou do todo Val do Dubra, concello que manexou 22 anos, onde tiña a súa mansión, "a Quinta de Faxón" na parroquia de San Vicente de Niveiro, pero tamén posuía unha casa (que por certo sufriu un incendio en 1904) en Ordes, centro político e xudicial do distrito. Ademais tiña diversos negocios: unha botica no Toural de Santiago (inaugurada en 1897), un serradoiro en Ordes...
  Casou con Mª Concepción Iglesias Rápela (os Rapela era unha familia de posición e todas as fillas casaron con xente importante, deste xeito Celestino estaba emparentado politicamente cos Concheiro e os Liñares).
 Faleceu en outubro de 1935 e o seu enterro foi o máis concorrido e espectacular que nunca se vira no Val do Dubra.

  O matrimonio tivo 6 fillos: 3 homes (Celestino, Juan e Manuel) e 3 mulleres (Concepción, María e Antonia). Como era habitual na época unha deles, Concha, morreu aínda nena en 1899. Tamén Celestino morreu novo en 1925.

  Juan Amigo Iglesias (1896-1967), foi un dos varios avogados que había en Ordes. Participou en política e chegou a ser deputado provincial e ata alcalde accidental en 1925. Curmán do médico Antonio Concheiro Iglesias, foi detido con el unha vez nos tempos da República. Vivía en Alfonso Senra onde agora está o edificio de 10 pisos coa súa muller e curmá (3ª filla do seu tío Baldomero)  Mª Luisa Amigo Lera coa que tivo 7 fillos, que son os que se criaron en Ordes.
  A pesar de residir case toda a vida na nosa vila nunca esqueceu o seu lugar de orixe na parroquia de Niveiro onde está soterrado.
  Os seus dous fillos maiores asentáronse en Sigüeiro. Celestino (1934-1995), casado con Celia Liñares Piñeiro, foi secretario do Concello de Oroso. Juan Luis (1936-2018), o 2º, dedicouse á medicina e casou con Elena Ferreiro Gasamáns, filla do fogueteiro da Sionlla, coa que tivo dous fillos: Malena e Juan Luis.
  Celsa, Concepción e Mª Luisa son mestras, Mª Teresa é licenciada en filosofía e Mª Purificación auxiliar de Telecomunicacións.
  Juan Luis Amigo Ferreiro (n.1969), o fillo varón do médico, máis coñecido como Juanito, foi un dos mellores futbolistas da comarca. Comezou no Compostela, estivo no "Superdepor" -onde practicamente non participaba- e xogou co Betis con quen lle meteu un mítico gol ao Barcelona na copa.

  Manuel Amigo Iglesias foi médico en Monfero, Baños de Molgas e finalmente en Narón. Casou en 1949 con Encarna Lorenzo González-Alegre, filla dun xeneral de artillería. Morreu na Coruña 9 anos despois en 1958.

  María Amigo Iglesias (m.1969) casou con José Mª Piñeiro Mallón (m.1946), secretario do Concello de Santa Comba, con quen vivía na finca chamada "A Rapada" en Niveiro. Tiveron 4 fillos: Mª José, José Manuel, Celestino e Luis Piñeiro.
  O 2º, José Manuel Piñeiro Amigo (1938-2021), logrou o que non puido o seu avó: ser deputado nas Cortes de Madrid. En 1969 comezou o seu labor como secretario do Concello de Ordes que se prolongou máis de 2 décadas. Logo instalouse en Santiago.

  Antonia Amigo Iglesias (m.1982) casou co médico dubrés Gerardo Antelo Rodríguez (n.1910) con que viviu en Rial (Val do Dubra). Non tiveron fillos.

4 comentarios:

  1. Hola! Estaba intentando encontrar la historia de una casa y las búsquedas me llevaron a este blog! Me quedé enganchada! Muchísimas gracias por este trabajo! Me quedé con ganas de más sobre la familia Amigo!

    ResponderEliminar
  2. si tienes mucho interes pùedo facilitarte casi todo el arbol genealogico desde 1800 hasta hoy

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Pois non teño intención de publicar máis cousas sobre a familia Amigo, pero nunca se sabe. Toda información é ben recibida. Se non che supón moito esforzo, gustaríame que mo mandaras. Un saúdo.

      Eliminar