domingo, 1 de diciembre de 2019

A familia Pérez (Barbeiros)


   Unha das grandes familias campesiñas do concello de Ordes son os Pérez de Barbeiros (chamados Peres por ser a comarca unha zona de seseo implosivo). No "Catastro del Marqués de la Ensenada" xa se nomea a un tal Juan Pérez que tiña un asno semental. 
  No século XIX viviron Manuel Pérez López e María Antonia Souto Maroño, os pais de Pedro Pérez Souto (1844-1927). Este casou con Dolores Ramos Rápela (m.1913), filla de Antonio Ramos e Josefa Rápela, dunha rica familia de Oroso, coa que tivo uns 15 fillos* (puideron ser máis), dos que lle sobreviviron 10.

  Pedro era moi rico. Segundo El Ideal Gallego, á súa morte tiña uns 100 caseríos e a súa fortuna roldaba os dous millóns de pesetas da época "por lo que era muy conocido en toda la montaña y se le consideraba como uno de los más pudientes labradores de la provincia". O seu enterro en outubro de 1927 foi todo un acontecemento nunca visto en Barbeiros. O dó foi presidido polo seu sobriño político, Ricardo Viqueira de Nogalláns (Trazo), e polos seus xenros Francisco Bello de Pereira e Jesús Moar Veiras de Buscás, viúvo de Generosa (1881-1906), a filla maior de Pedro (morta no parto de Manuel Moar Pérez, pai de Manolito de Ramos).
  Os 10 fillos sobrevivintes foron: Manuel, Mª Josefa, Dolores, José Mª, Jesús (emigrado), Asunción,  Mª Antonia, Concepción, Emilio e Isolina Pérez Ramos.

  O fillo maior, Manuel (n.1882), instalouse en Cerceda (O Pino) onde foi tamén un rico propietario. Casou con Mª Josefa Astray Fernández coa que tivo varios fillos que, na súa maior parte, se estableceron en Santiago.

  José Pérez Ramos (1887-1972), o segundo fillo, foi o herdeiro da casa principal. En 1928 dirixiu as obras e aportou cartos para facer a escola de Barbeiros. Do seu matrimonio con Concepción Cea Freire (m.1941), sobriña do párroco de Barbeiros don Jesús Freiré* Furelos, tivo 7 fillos: Jesús, Modesto, Manuel, Dolores, José María, Asunción e María Pérez Cea.
* No caso do sacerdote sempre atopei este apelido escrito con til no último "e", por tanto Tamén Concepción debía ser Freiré.

  Esta rama familiar está intimamente relacionada cos Veiras de Pardiñas, pois tanto o irmán maior, Jesús (1921-1971), como a cuarta, Dolores, casaron con dous irmáns desa familia: Mari Carmen e José Veiras Bello. Ambos os dous matrimonios foron os herdeiros principais das dúas familias.
Modesto (1923-1974) casou con Mercedes Martín coa que tivo dúas fillas.
Manuel Peres da Gándara (1925-2013) casou na Gándara de Abellá con Mariana Lagos Carro coa que tivo tres fillos.
José María (1929-2011) o máis novo dos varóns, emigrou a Arxentina e alí faleceu.
Asunción (1932-2023) casou con Enrique Iglesias Barbeito o Ribacho con quen viviu no Recreo e co que tivo dous fillos, Enrique e Asunción.
María casou con José Mª Rodríguez Mosquera da Casa Ríos de Fondo de Vila (Frades), un dos fillos de Manuela Mosquera Bello (dos Mosqueiras da Costa).

  Emilio Pérez Ramos (1904-1987) foi o máis coñecido na vila pois estableceuse na Rúa dos Lagartos 59 onde montou unha tenda, mestura de taberna e ultramarinos. Casou con Dolores Moar Suárez, unha moza de Ramil (Buscás) coa que tivo tres fillos: María, Dolores e José Pérez Moar.
  María casou con Manuel Graña da Maquía de Leira. Tiveron catro fillos: José Emilio (morto no ano 2004 en Jávea Alicante aos 39 anos de idade), Miguel Ángel, Juan Carlos e María Dolores Graña Pérez. O segundo, Miguel, é moi coñecido porque traballa nas cuadrillas do concello.
  Dolores (1938-2001) casou con Pedro Martínez Tacón, chamado Pedro do Lavado por ter un lavado de coches en Lagartos 65.
  José casou con Angelines Ramírez e tiveron unha filla chamada Natalia.
   
    Mª Josefa (n.1884) casou con Francisco Bello Suárez e foi a matriarca da familia Bello de Pereira.
  Dolores (n.1886) casou con Juan Guerra Pérez de Boado.
  Do resto das irmás Pérez Ramos as que máis nos interesan son Asunción e Mª Antonia.
  Asunción (1898-1987) casou con José Ferreiro Rodríguez (1894-1977) da parroquia de Poulo. O matrimonio tivo tres fillos: Mercedes, José e Elena Ferreiro Pérez.
  A maior, Mercedes, casou con Andrés Raña Gómez un coñecido madeirista de Folgoso co que tamén tivo tres fillos, Lino -que leva agora a empresa-, Mercedes e Jesusa.
  O segundo fillo, José, casou con Pilar Presedo Boquete, e Elena con Benedicto Moar Suárez.  
  María Antonia (1900-1973) casou con José Villasenín Veiras (1897-1990), tamén de Barbeiros -concretamente da Aldeíña-, co que tivo 6 fillos: Manuel, José, Ramón, Dolores, Jesús e Jesusa, que emparentaron con familias tan coñecidas como os Villaverde, Mosquera, Manteiga, Liñeira, Aparicio de Frades ou Méndez.


* Generosa (n.1881), Manuel (82), Josefa (84), Dolores (86), José Mª (87), Andrés (89), Ramón (91 m.n), Jesús (94), Antonio (96), Asunción (98), Antonia (1900), Emilio (1904), Leovino (1906) e Isolina (1907).

No hay comentarios:

Publicar un comentario