No ano 1900 era párroco de Santa María de
Ordes don Pedro
Quintáns Calvo que morreu en xaneiro de 1903 aos 62 anos. O seguinte
foi don Felipe
Gómez Muñoz que estivo na vila ata 1909, ano en que marchou para
Betanzos (morreu en 1943). Despois houbo dous ecónomos (sacerdotes provisionais), don Ángel Tembra González e don Buenaventura Peña Martínez, este último desde xullo de 2010. En 1913 chegaría un dos sacerdotes que máis
tempo estiveron en Ordes: Nemesio Morgade Portela.
Nemesio Morgade naceu
en Borela, concello de Cotobade (Pontevedra) en 1874 no seo dunha familia de boa posición.
Levado pola súa vocación sacerdotal, estudou no Seminario
de Tui as materias de latín e humanidades con filosofía. Logo ampliou os seus estudos no
Seminario de Santiago, cursando dereito canónico e teoloxía sagrada,
doctorándose nesta última coa nota "némine discrepante"
("ninguén discrepou" ou sexa, por unanimidade).
En 1898,
aos 24 anos, foi ordenado presbítero e ao ano seguinte debutou como párroco na
parroquia de San Salvador de Xirazga (Beariz) provincia
de Ourense.
No ano 1913,
preto xa dos 40 anos, veu a Ordes grazas ás súas altas notas no concurso
dos curatos. Tomou posesión o 7 de setembro e apenas un par de meses despois, o 27 de novembro, o cardeal José Mª Martín de Herrera nomearíao arcipreste da diocese de Berreo de Arriba, debido á recente morte do titular, o párroco de Buscás don Eugenio Girón Murias (falecido aos 66 anos de idade). Tamén ostentaría o título de capelán de honor do
rei.
Na vila estaría 18 anos sendo unha das máis influentes
autoridades daquelas dúas décadas (a dos anos 10, presidida pola impoñente
figura de Saturnino
Aller, e a dos 20, polas políticas da ditadura de Primo de Rivera).
Como se quixese evitar os
tempos incertos da República, morreu dun ataque repentino, cando estaba falando cuns
amigos, aos 57 anos de idade en outubro
de 1931.
Curiosamente o seu substituto, un párroco que
veu de Carreira (Ribeira), onde por certo os seus fregueses o amenazaron cun
atentado se non marchaba, don Manuel Vázquez Lens, faleceu tamén dun ataque
repentino cando paseaba polas Casillas só 3 meses despois, en xaneiro de 1932, aos 64 anos de idade.
Isto propiciaría a chegada de don Ramón Mosteiro Ferro,
un sacerdote de triste recordo.
Por suposto, o enterro de don Nemesio, que
tivo lugar o 11 de outubro de 1931, foi todo un acontecemento no seu momento.
Na misa participaron 18 sacerdotes, un número que parece moi alto pero que
tería sido moitísimo maior se o evento non fose un domingo.
O dó foi presidido polo deán da
Catedral de Santiago don Salustiano Portela Pazos (familiar e nado no mesmo concello), o xuíz de primeira
instancia José
Sánchez Guisande, o delegado de Facenda da Coruña Aquilino Lois
Barros, o farmacéutico Gerardo Carballal Morgade, o médico forense de Ponte
Caldelas Daniel Portela Pazos, o administrador de Correos Manuel Martínez
Piñeiro e o mestre de Mourente Enrique Malvar Graña (sobriño de don Nemesio),
entre outros moitos persoeiros da época.
E, para rematar, unha anécdota algo macabra:
don Nemesio foi soterrado no lado leste do cemiterio do Piñeiro nun ataúde de
zinc. Moitos anos despois os familiares quixeron trasladar os seus restos a
Cotobade, así que un deles achegouse a Ordes provisto dunha maleta. O problema
foi que, ao abrir o ataúde, o cadáver estaba perfectamente conservado, así que
non cabía na maleta. A "solución" foi que moitos dos seus ósos
quedaron en Ordes soterrados na morea de rebo que había onde hoxe está o
monumento dedicado ao soldado Lois. Dalgún xeito unha parte de don Nemesio
permanece na vila.
No hay comentarios:
Publicar un comentario