martes, 17 de septiembre de 2019

1930: A Dictablanda

  1930 non foi un bo ano a nivel mundial. A crise do 29 deixouse notar e a locomotora mundial, os USA, case saíu da vía. Son tempos de pobreza e gangsterismo, de John Dillinger e de Al Capone. En decembro o presidente Herbert Hoover presenta un programa de obras públicas por valor de 150 millóns de dólares para paliar a crise. A pesar de todo isto tamén é o ano no que se inaugura o icónico edificio Chrysler, o máis alto do mundo (319 metros) nese momento.
  Non ían ben as cousas en Alemaña onde o Partido Nazi convértese nas eleccións de setembro no 2º máis votado. En Etiopía chega ao poder Haile Selassie e na República Dominicana comeza a longa ditadura (31 anos) de Rafael Leónidas Trujillo.
  E tampouco lle ían ben as cousas ao Imperio Británico desafiado na India por Mahatma Gandhi e a súa Marcha do Sal.
  Pero non todo era negativo: tivo lugar o primeiro mundial de fútbol en Uruguay, gañado pola selección anfitrioa.

  En España 1930 foi o ano da caída da ditadura de Primo de Rivera. O rei nomeou o 1 de febreiro xefe do Consello de Ministros ao xeneral Dámaso Berenguer como encargado da transición, pero ese labor resultoulle imposible debido ao baldío político que deixara Primo. Os antigos membros dos partidos dinásticos que foran satanizados nos primeiros tempos da ditadura negáronse a colaborar, do mesmo xeito que a Unión Patriótica, mentres o resto de partidos xa estaban previamente en contra. Berenguer só tivo o apoio dos conservadores máis reaccionarios encabezados por Gabino Bugallal.
  A lentitude das reformas fixo que a prensa comezase a falar de "Dictablanda" para denominar ao novo réxime
  Nese momento a idea de república comezou a poñerse de moda e a deixar de ser un soño utópico. En agosto os representantes dos partidos republicanos xuntáronse en San Sebastián para deseñar un plan de acción. A precipitada Sublevación de Jaca do 12 de decembro non logrou o seu obxectivo pero o rápido fusilamento (dous días despois) dos capitáns Galán e García Hernández proporcionou os primeiros mártires á aínda nonata república.
  Para entender ata que punto a idea de república (á que se revestía de todas as virtudes) calou na sociedade, temos o feito de que ata Ramón Franco e Queipo de Llano encabezaron outra fracasada sublevación republicana. Ironicamente Queipo sería varios anos despois tan desapiadado cos seus inimigos republicanos que sería chamado "o Carniceiro de Sevilla".
 
 En Galicia, por inspiración da ORGA celébrase o 26 de marzo o chamado Pacto de Lestrove, no que firman alianza distintas forzas republicanas e mesmo algúns militantes da CNT. Xorde como froito deste pacto a Federación Republicana Galega FRG, o compromiso de enviar a San Sebastián un representante (Casares Quiroga) e outros compromisos menores como candidaturas e propaganda conxunta. Ese ano a poboación galega chegou aos 2.230.000 habitantes, o 9,4 % da española (23,7 millóns).

  Ordes tiña entón 8.200 habitantes que viviron moitos acontecementos...
XANEIRO: Comezou o ano 1930 arrastrando as consecuencias das choivas do ano anterior que deixaron a ponte do Recreo nun estado lamentable, nova da que se facía eco o xornal vigués El Pueblo Gallego que, por certo, vendíase na barbería de Manuel del Río. Morreu de bronquite crónica Manuel Castro y Castro aos 65 anos.
FEBREIRO: O imposto de matriculación de carros agrícolas puxo en pé de guerra aos campesiños que en número de 500 achegáronse á vila a manifestar a súa protesta ao alcalde, que prometeu trasladar o seu malestar ao Gobernador Civil. Tivo lugar a constitución de moitos concellos incluído o de Ordes. Os concelleiros por ser maiores contribuíntes foron José Faya Fernández (irmán do propietario da fábrica de curtidos), Antonio Álvarez o Cotovío, Antonio Verea Fandiño, Manuel García Bermúdez (o patriarca dos de Carballo), Javier Verea Fandiño e Fernando Liste Caramelo (o pai de Fernanducho). Os concelleiros que xa o foran con anterioridade eran Jacobo Cancelada Salgueiro, José Caamaño Gómez, Pedro Areoso Pena, Andrés Rey Castromil (que morrería en xullo), Melchor Presedo Rodríguez e Domingo Gestal Mosquera. Ángeles Villaverde Castro casou co mozo de Montaos José Noya Mosquera. Faleceu Balbina Patiño Pérez, viúva de Emilio Sánchez Somoza e logo casada en segundas nupcias cun comerciante de Arzúa. Como dato curioso o enterro tivo lugar ás dez da mañá, hora que hoxe nos pode sorprender, pero naqueles tempos era o habitual. Tamén faleceu con 51 anos José Moar Veiras de Buscás, tío do alcalde Domingo Antonio Moar.
MARZO: Mª Carmen Carnota Soto (filla do procurador José Carnota e da mestra Juana Soto, e sobriña do famoso xornalista Vicente Carnota) casou co mozo Antonio Barcia Bonavida. Faleceu Josefa Villaverde Mosquera, esposa do contratista de estradas Pedro Pardo Fandiño.
ABRIL: A corporación elixiu como alcalde a Manuel García Bermúdez que xa o fora noutras ocasións pero que apenas desempeñou un mes o cargo. Voda do mestre Lisardo Castro Amor* con Julita Pol Crespo.
 
Lisardo Castro Amor o Peseta (1896-1986): fillo do médico ordense Joaquín Castro Amor (1864-1932) que exerceu e morreu en Trazo, e de Ascensión Amor del Río (da rica familia Amor). Estudou Maxisterio e titulou en 1917, aprobando as oposicións en 1918. Deu clase en Vilamaior, Campo (Trazo), Noia, Castenda (Tordoia), Baltar (Curtis), Barbeiros... ata que en 1943 chegou a Ardemil. Casou en abril de 1930 cunha das fillas de Julio Pol Caamaño, Julia Pol Crespo, coa que tivo catro fillos: Alfonso, Pastora, Julio e Francisco Javier Castro Pol.
 
MAIO: Agora foi nomeado alcalde o empresario Juan Liñares que tampouco duraría demasiado (non chegaría ao ano). Enfermo grave o tenente coronel Arturo Pérez Loureiro (que se acabaría recuperando e vivindo 20 anos máis). José Viqueira Carballido, un veciño de Vilar de 69 anos, decidiu acabar coas súas penas afogándose no río Cabrón no lugar da Pinguela. Estaba casado con Josefa Vázquez Pombo (m.1969) e era o pai dos moitos Viqueiras de Vilar. Tamén foi tráxica a morte dunha neniña de tres anos, filla do legoeiro José Noya Boquete Cachorro, vítima de graves queimaduras en Parada. En cambio o propietario de Leira José López Viqueira morreu á moi avanzada idade de 80 anos. Tamén faleceu o comerciante e concelleiro Manuel Viaño Prado, marido de Casilda Dono González e pai de Manuel (que tivo unha carnicería) e de Leonor.
XUÑO: O soldado Luciano del Toro Moratín foi dado de baixa como carteiro de Leira por non ter aparecido polo lugar. O mesmo sucedería co seu sucesor Daniel Ferré Pujol (con eses apelidos é de supoñer que no lle quedaría preto da súa casa o traballo). Nomeados pola Audiencia Benigno Concheiro García como xuíz municipal e Ezequiel Astray Mato como fiscal. 
XULLO: Inaugurouse a "Fábrica de chocolates" de Francisco Vilar no lugar onde hoxe está a farmacia de abaixo.
AGOSTO: Morte accidental da nena Dolores Méndez na Rúa de Poulo cando caeu a cornixa dunha casa en construción pertencente a Ignacio Botana Suárez.
NOVEMBRO: Voda de Milagros Rodríguez Maroño co carteiro Manuel del Río Pampín (que sería fusilado en Boisaca en 1937). Manuel Faya Mariño morreu con 26 anos dun terrible accidente cando conducía a súa camioneta tansportando seis bocois de viño.
DECEMBRO: Manuel Concheiro (o futuro fundador de MACOGA) pasou pola vigairía con Elena Barreiro Martínez. Por certo que a mestra dona Juanita, a nai da segunda, sufriu unha gravísima enfermidade a finais de ano, da que por sorte puido recuperarse. E, como non, para rematar o ano non podía faltar a habitual pelexa entre mozos de Ardemil que deu cos ósos de Juan Rivas Bestilleiro no hospital.
   Tamén morreron ese ano 1930 o ex-concelleiro Antón Veiras do Outeiro (Poulo) aos 85 anos, Martín Sánchez Viaño en Montaos aos 69 e Lorenzo Boga Calvo en Buscás aos 65.

No hay comentarios:

Publicar un comentario