A 2ª década do século XX en Ordes seguiu a tónica da primeira: as pelexas,
liortas e actos violentos en xeral estaban á orde do día.
Ás veces tamén se empregaban armas de
fogo aínda que había pouca habilidade con elas. Por exemplo, en outubro de 1913
nunha taberna da vila de Ordes José Quindimil, Constantino Rodríguez e outros
máis burláronse de Andrés Louro "Pernas Tortas"
que, vendo que non os podía coller, decidiu que un par de balas serían máis
rápidas ca el, pero a súa puntería afortunadamente era tan mala como as súas
pernas.
Non máis preciso foi Jesús
Sánchez Fernández, un mozo de Ardemil de 23 anos, quen en agosto de 1915 e xunto
con Andrés López Fernández de 21, disparoulle varios tiros á súa noiva María
Couto Candal de 30, coa única consecuencia de darlle un gran susto e rematar no
cárcere.
Adolescencia e armas de fogo
non son unha boa combinación como demostrou en decembro de 1919 José Garabato
Liñares de 16 anos, que, explicando nunha reunión en Buscás como funcionaba a
súa pistola, feriu nunha perna e deixou tolleito a Juan Bao.
En cambio Manuel Mosquera
Liñares e Jesús Martínez López, ambos os dous de Leira, dispararon con toda
intención en febreiro de 1920 ao veciño de Ardemil José Bouzas Bao que quedou
gravemente ferido. Pouco despois, en marzo do mesmo ano, Antonio Martínez Boquete, asañado
por ser baixado á forza dun autobús no que ía sen pagar, disparoulle tres tiros
ao condutor. Afortunadamente a súa ira era maior ca súa puntería.
As discusións estaban á orde do día e, ás veces, polos motivos máis nimios. Por
exemplo en novembro de 1914 María Vieites golpeou á súa veciña Dolores Bascoy
coa que se levaba mal. En abril de 1915 Manuel Cores e Jesús Juncal gañaron
unha regueifa en Ordes e recibiron o habitual premio dunha torta de pan. Manuel
Souto, que debía ter máis forza que dotes canoras, descontento coa decisión do
xurado, emprendeuna a golpes cos gañadores aos que deixou bastante maltreitos.
En outubro de 1916 José Mª Fraga Sánchez tivo un cruce de palabras con José
Otero que rematou cun tremendo estacazo.
Máis
estúpido aínda é discutir por quen pechou unha porta. Tal feito aconteceu en
xullo de 1917 entre Dolores Sánchez coa súa cuñada Manuela Rey e a súa sogra
Manuela García. Remataron por ir ás mans. A pelexa foi a peor cando se uniu a
ela Manuel Rey, o sogro, que golpeou no pulso dereito a Dolores... cunha
gadaña! Dolores non quedou quieta e tiroulle unha pedra e ambos os dous
quedaron feridos.
As festas non só eran lugar de diversión
senón tamén teatro habitual de liortas. Na do Carmo de Beán, tamén en xullo de
1917, Santiago Amor Botana, un mozo de Calvente de 22 anos colleu un faroliño da
iluminación, cousa que lle sentou moi mal a un nativo que, sen mediar palabra,
deulle tal garrotazo que o deixou case morto (faleceu ao seguinte día).
Na feira de Ordes en 1918 Jesús
Villaverde Franqueira e Antonio Iglesias Pedrouzo tiveron unha discusión con José
Botana de Poulo que acabou a paus.
Por suposto, un dos principais
motivos de discusión eran as mozas. Por exemplo, en decembro de 1918 nas Travesas na
casa da atractiva Dolores Bao coincidiron para "tunar" dous mozos de
20 anos, Jesús Rodríguez Bao de Mesía e José Mesías Candal de Ardemil. Dolores
despediu ao segundo dicíndolle que era tarde que xa estaba falando con outro. José
retirouse aparentemente pero un pouco máis tarde e en compañía de dous amigos
atacou a Jesús que se defendeu a estacazos pero que levou a peor parte ao ser
ferido con sete puñaladas.
En 1920 no camiño que ía da feira da Adina a Orellán Jesús Prego Candal e José
Candal deron tal malleira ao mozo de Leira Victoriano Bello de 28 anos que
quedou sen fala.
Na maioría das ocasións as liortas
remataban con alguén ferido, pero algunhas veces as consecuencias eran máis
graves.
En 1919 nun muíño de Oa,
parroquia de Xavestre (Trazo), J.M. Nouche Astray acompañado de Antonio
Fernández, ambos os dous de Fecha (Enfesta), sobou e maltratou de palabra a
varias mozas que alí había. Unha delas contoulle logo o sucedido ao seu irmán
Antonio Landeira Cebey e ao seu primo Máximo Rial Cebey. O remedio foi peor ca
infirmidade porque foron a confrontar aos abusóns e a cousa saiu moi mal: sen case
mediar palabra Nouche sacou un puñal de grandes dimensións co que matou a
Antonio e deixou malferido a Máximo.
En 1920 en Visantoña (Mesía) o carpinteiro de 23 anos Ramón González García
discutiu por unha cuestión de lindes co labrador de 30 anos Manuel Posse Graña.
Ao día seguinte volvéronse atopar fortuitamente e reiniciaron a discusión ata o
punto que Ramón, fóra de si, disparou tres tiros dos que dous impactaron en
Manuel e lle produciron a morte case instantanea.
Non faltaban tampouco as agresións
sexuais que debían ser moito máis numerosas das que se denunciaban. A prensa da
época referíase a este tema con bastantes florituras como neste caso de 1918: «Téñoche
un can de palleiro cantaba
muy a menudo a Dolores Pardo Pombo, el vecino de Órdenes, Manuel Bello Grela,
hasta que el 23 de junio, fuese porque se alborotó el can o que se cansó Manuel
de cantar, ello fue que este intentó cometer con la joven un hecho que castiga
el Código Penal.»
Non é de estrañar que en maio
de 1920 a
proposta de suprimir o posto da Garda Civil que existía en Ordes desde 1864
causara unha auténtica conmoción na vila. As protestas foron firmes e,
afortunadamente, o tema non prosperou.
No hay comentarios:
Publicar un comentario