sábado, 22 de agosto de 2020

Domingo Antonio Moar Veiras

  No ano 1933 continuou aumentando a tensión política, tensión que chegou a agresións e atentados. O 4 de outubro houbo unha nova mostra cando estalou unha bomba na xanela da casa do avogado Domingo Antonio Moar. A pesar de que a prensa acostumaba denominar "petardos" a esa clase de artefactos, a explosión foi tan poderosa que rompeu a fiestra, esnaquizou algúns mobles da habitación e fixo saltar en anaquiños numerosos cristais do edificio e das casas veciñas. Os estragos estimáronse en mil pesetas pero afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais. Aínda que nun primeiro momento mencionouse como autor a Jesús del Río, pronto foi exculpado.
  Obviamente supúxose que o atentado obedeceu a causas políticas, xa que Moar era un dos caciques do lugar e obxecto do odio da esquerda desde había moito tempo. Estaba moi recente a clausura de varias sociedades e o procesamento dos seus directivos, así como a subida no imposto de cédulas persoais (Moar era o encargado do cobro) que motivara a presenza na vila de Ordes de numerosos campesiños para protestar contra o devandito imposto
  Ao final nunca se chegou a saber quen foi concretamente o autor do atentado.

  Domingo Antonio Moar Veiras naceu en 1871 en Buscás. Era o cuarto fillo de Andrés Moar del Río (m.1876) e de Mª Jesusa Veiras Camba (m.1915) ambos os dous de ricas familias. Outros irmáns foron Antonio, Mª José, José, Manuel e Jesús. Este último pai dos Moar Pérez (por tanto avó de Manolito de Ramos) e dos Moar Gómez.
 
 O seu irmán maior Antonio Moar Veiras (1864-1941) foi alcalde brevemente desde finais de 1909 ata mediados do ano seguinte. Por certo que nas eleccións municipais de 1910 que o ratificaron houbo, como era costume no distrito, bastantes irregularidades e protestas. Ostentaría de novo a alcaldía sete anos desde 1912 ata finais de 1918.
  Estaba casado con Dolores Lata Ramos (1879-1931) coa que tivo 14 fillos polo menos, entre eles Teresa, casada con José da Calzada, e Rafael Moar Lata (1905-1979), o pai de Antonio Moar, fundador de "Órdenes 2000".
 
  Estudou dereito en Santiago e pronto formou parte da elite política ordense que estaba adscrita ao Partido Liberal. Exerceu de avogado e agrimensor e foi aumentando poder e fortuna (a zona norte da Rúa da Canteira, onde logo se construíron as casas de Viriato, era toda súa). 
 En 1916 unha carta que supostamente foi enviada polo xuíz de 1ª instancia de Ordes a Alejandro Lerroux acusábao de encirrar aos asistentes a un baile para que atacaran á Garda Civil. Segundo a carta escusouse mencionando que estaba bébedo. Non sabemos o que houbo de verdade no incidente pero era notorio que tiña problemas coa bebida.
  En 1917 era xuíz de 1ª Instancia accidental e, desde 1919, xuíz municipal.
  En 1920 casou con Purificación Viqueira Noya (1896-1990), filla do taberneiro José Viqueira Vieites, quen faleceu o 5 de maio de 1920, escasos días despois da cerimonia. O matrimonio tería unha única filla, Mª Jesús (1922-1950), que morrería moi nova.
  En 1923, á morte de Saturnino Aller, Domingo Antonio era considerado o principal cacique de Ordes. Acabará formando parte da Unión Patriótica na ditadura de Primo de Rivera, xunto con outros reciclados dirixentes liberais como Juan Liñares Iglesias. 
  Coa chegada da República en 1931 foi concelleiro ata marzo de 1936 en que entraron a gobernar os partidarios da Fronte Popular. Ese ano, ao final dunha manifestación de esquerda, varios dos participantes nela lanzaron pedras contra a súa casa. A súa sogra, Josefa Noya Candal (1870-1936), morreu poucas horas despois, segundo el como consecuencia dunha crise nerviosa por tal suceso.
 
 
Despois do Alzamento dedicouse a lanzar acusacións contra os "novos nacionais" como a familia Liñares, pero non recuperou o seu status, o que o encheu de amargura. En 1937 sufriu tres multas por parte do gobernador civil, unha de 500 pesetas por acaparar moedas de prata, outra tamén de 500 por non descubrirse ao paso da bandeira e dicir palabras malsonantes ás señoritas encargadas da recadación do Auxilio Social e outra de 2.000 "por su probada y reiterada falta de «cooperación de ciudadano» a pesar de profesar ideas derechistas".
  Morreu o 27 de abril de 1939 aos 68 anos de idade. Os seus restos repousan no cemiterio do Piñeiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario