jueves, 24 de septiembre de 2020

1934: Yerma

   1934, o ano en que apareceu o primeiro cómic de "Flash Gordon", García Lorca publicou "Yerma" (así quedaría España en poucos anos).

  Europa seguía encamiñada cara ao desastre. En Alemaña Hitler, á morte de Hindenburg, noméase presidente, chanceler e dáse o título de Führer. En verán desata a "Noite dos coitelos longos" onde son asasinados un gran número dos seus antigos camaradas das SA. Nos Estados Unidos non estaban tan mal pero seguían notándose os efectos da depresión. James L. Cain publica The Postman Always RingsTwice e morreron baleados os compoñentes da banda de Bonnie & Clyde. En Nicaragua foi asasinado o xeneral Sandino e en China Mao Tsé Tung iniciaba a súa Longa Marcha.

 

  O ano 1934 amenceu en España co goberno de Alejandro Lerroux, líder do Partido Radical. As eleccións de novembro de 1933 deran 3,3 millóns de votos aos partidos de dereita, 2 millóns aos partidos de centro e 3,1 aos de esquerda. Nesta tesitura Lerroux necesitaba o apoio de parte da dereita. Logrou o da CEDA de José María Gil Robles que foi tachada de traidora polos monárquicos de Renovación Española e polos carlistas. Aí iniciáronse os contactos coa Italia fascista de Mussolini para que lles axudara a un posible golpe. En marzo fusiónanse Falange Española e as JONS. Doutra banda, os republicanos de esquerda consideraban incompatible cos valores da República que gobernase a dereita (aínda que gañase lexitimamente as eleccións) e o PSOE e a UGT (aínda menos democráticos) ameazaban coa súa revolución do proletariado.

 

  Lerroux non pretendía anular as reformas do primeiro bienio, senón «rectificalas», co obxectivo de acadar a adhesión á República da dereita «accidentalista» (a menos comprometida coas ideas monárquicas, ou sexa a CEDA e o Partido Agrario), pero perdeu a confianza do presidente Niceto Alcalá-Zamora, sendo substituído polo tamén radical Ricardo Samper. Mántivose a reforma militar pero intentando atraer aos militares descontentos, prorrogouse o prazo de peche dos colexios relixiosos pero non se logrou un acordo coa Santa Sede e foron parcialmente "rectificadas" as reformas socio-laborais do goberno de Largo Caballero coa conseguinte resposta obreira, de modo que 1934 contemplou unha gran cantidade de folgas convocadas conxuntamente pola UGT e CNT (por vez primeira desde a proclamación da República).

 

  Sobre a "cuestión agraria", respectouse o ritmo previsto de aplicación da Ley de Reforma Agraria polo que ese ano asentáronse máis campesiños que durante todo o bienio anterior, expropiándose 4 veces máis propiedades. A contrapartida foi que o intento de desmontar o "poder socialista" no campo trouxo outra serie de medidas favorables aos patróns e os soldos agrícolas volveron a caer. A resposta foi unha folga por parte da FNTT en xuño. O goberno declarou de "interés nacional" a recollida da colleita e houbo unha gran represión con máis de 10.000 detencións e unhas 200 corporacións de esquerda destituídas.

 

  Na "cuestión rexional”, o goberno neutralizou o impulso estatutario o que provocou graves tensións no País Vasco e Cataluña. Os deputados do PNV retiráronse das Cortes e, no verán, houbo unha rebelión institucional dos concellos que ocasionou o procesamento de máis de mil alcaldes e concelleiros.  Aínda peor foi Cataluña que promulgou en abril a Lei de Contratos de Cultivo que posibilitaba aos arrendatarios dos viñedos (rabassaires) a compra das parcelas despois de cultivalas durante quince anos. O TGC declarouna inconstitucional o que provocou a retirada dos 18 deputados de Esquerra Republicana de Cataluña e unha longa crise.

 

  Todo empeorou coa Revolución de Outubro, que iniciou como unha folga e acabou con graves disturbios en Cataluña, Castela-León, O Ferrol e, sobre todo, Asturias. Nesta provincia os revolucionarios mataron a bastantes relixiosos e queimaron numerosas igrexas. Os combates coas tropas e a represión posterior deixaron uns 1.400 mortos. O fracaso deixou a socialistas e anarquistas debilitados e á dereita máis temerosa de que España acabara sufrindo a "revolución bolchevique" como sucedera en Rusia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario