viernes, 25 de enero de 2019

1924-25: O Directorio militar

  O bienio 1924-25 é o ecuador dos "tolos anos 20". En 1925 saen ao mercado "The great Gatsby" a novela que mellor retrata eses tempos e, en Europa, "Mein Kampf" o libro que escribiu un encarcerado Hitler despois do fracasado Putsch de Múnic, onde aparecían as ideas que cambiarían o curso da historia.

  En España é a época do Directorio militar (formado por 8 xenerais) que se iniciou en setembro de 1923. Unha das súas primeiras medidas, xa en 1923, foi estender o somatén catalán a toda España. En xaneiro de 1924 suspende a inmunidade parlamentaria e disolve as deputacións provinciais (excepto en Navarra e País Vasco). En abril constitúense os concellos de todo o país segundo o novo estatuto de réxime local e fúndase a Unión Patriótica, o partido do réxime.
   Tamén é un momento de avances: ese mesmo abril constitúese a Compañía Telefónica Nacional, empresa predecesora da actual Telefónica, en novembro comezan as emisións de Radio Barcelona (actual cadea SER) e en febreiro de 1925 as de Radio Ibérica, en marzo créase a Dirección de Abastos e en abril apróbase un decreto para a canalización do Guadalquivir.

  Pero o gran éxito do Directorio militar foi a solución do problema marroquí: Nun primeiro momento Primo de Rivera quería o abandono da zona,con gran disgusto dos militares africanistas, pero a sorte sorriulle cando os rebeldes se enfrontaron tamén a Francia. Isto trouxo como consecuencia a alianza franco-española e fixo posible a operación militar do desembarco de Alhucemas en setembro de 1925 coa que se logrou dividir a zona rifeña en dúas partes e derrotar a Abd-el-Krim, quen se entregaría a Francia en 1926. A vitoria e a posterior ampliación das unidades de voluntarios (Terzo de estranxeiros ou Lexión e Tropas regulares indíxenas) para protexer a zona, eliminando así a chamada a reservistas que tan impopular resultaba, supuxo un enorme éxito para o réxime e, de paso, contentou aos militares africanistas.
  Pouco despois, en decembro, os militares foron subtituídos polo Directorio civil que duraría outros cinco anos.


  Para Ordes non foi unha mala época.
  1924 comeza con Julio Pol Caamaño como alcalde, posto no que será ratificado en abril. Baixo o seu mando celebrouse unha fastosa Festa da Árbore. Cara ao verán foi substituído polo farmacéutico Santiago del Río Seoane que dimitiría en decembro. José Romero Faya (avó dos de Julián) foi nomeado recadador de impostos municipais. Ah! e nese ano tamén foi contratado como porteiro da Casa do Concello cando se licenciou do Servizo militar Juan Caramelo Varela (1900-1965).
  Concluíron as obras do cemiterio coa construción da capela e as do adoquinado da Rúa Alfonso Senra, pero houbo outra obra importante: a construción dunha nova rúa (a cuarta) que por mor daquel momento político foi denominada "Calle Directorio" -Hoxe Rúa Rosalía de Castro- pero que estaría uns 30 anos con apenas un par de casas.
  Unha das cousas que cambian co novo réxime é o transporte. A multitude de empresas prestando o mesmo servizo remata en xullo de 1924 cun decreto que regulariza o sector. Desde este momento os "castromiles" serán os reis da estrada entre A Coruña e Santiago.
  O Somatén comeza a súa andadura con notable impulso, sendo Julio Pol o cabo do distrito. En setembro de 1924 hai 353 homes inscritos nos 8 concellos do partido xudicial (o 4º máis numeroso da provincia detrás do da Coruña, Carballo e Ferrol e por diante do de Santiago) e ese número aumenta ata os 419 en xaneiro de 1925 (o seu punto máis alto, só por detrás do da Coruña que con moita máis poboación tiña 525 somatenistas). Logo iría descendendo a afiliación pouco a pouco. Tamén se fai notar o novo réxime na aparición da Unión Popular que da un concorrido mitin en outubro.
  Nas novas de sociedade destacan as visitas que realizan o arcebispo de Santiago Lago González en maio e ... o mesmo Primo de Rivera! en xullo. 
  Hai tres vodas de postín: Juan Calvo Pérez (da familia propietaria da hoxe maior ferraxería de Ordes) casou en Cerceda con Gumersinda Carnota, e o oficial do concello Ramón Abeijón (pai de Kilé) con Aurora Amado, ambos os dous de familias de orixe noiesa. Tamén Andrés Corbelle Piñeiro pasou pola vigairía con Manuela Calvo Boquete. Doutra banda morreron Emilio Sánchez Somoza, Emilia Bao, o panadeiro nacido en Herves Juan Eirín Barros, o médico de Oroso Manuel Iglesias Rapela. e Domingo Viqueira o Compoñedor da Tiopeira.


  En 1925 o alcalde será Manuel García Rivas, un procurador de tribunais santiagués, irmán de Ricardo García (o pai de Domingo García Sabell) e casado o ano anterior con Encarnación Castro Iglesias (da importante familia Castro de Oroso). García Rivas, que vivía na antiga casa de Saturnino Aller -hoxe o "Nogallás"- sería alcalde ata 1930 e estableceríase en Santiago despois da guerra.
  O evento máis destacado do ano foi a gran homenaxe a Vicente Carnota, o xornalista ordense que falecera en 1920. Para o Mesón do Vento tamén foi un bo ano pois foi suprimido polo alcalde o imposto do trabuco á feira da Adina.
  Ese 1925 as vodas máis fachendosas foron as do secretario de xulgado Antonio del Río Castro con Milagros Sánchez Somoza, a de Alfonso García Iglesias con Obdulia Abeijón e a de Áurea Gª del Río cun farmacéutico de Tarragona. Por certo que o pai desta última, o notario asturiano José García Álvarez, morreu un par de meses despois ao volcar o seu coche cando volvía de Cestaños. Tamén faleceu Dolores del Río Caramelo, muller do industrial Laureano Iglesias García e nai do futuro funcionario municipal Laureano Iglesias del Río (1920-2004). Así mesmo morreron de tuberculose con 6 meses de diferencia as irmás Amalia e Dolores Louro Parada, fillas do infortunado secretario municipal Antonio Louro, que aínda perdería ese ano a un terceiro fillo, chamado Juan e mariño de profesión. En Ardemil faleceu Pedro Louro Rey aos 64 anos de idade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario